Arquivos da etiqueta: #premioAresa

Aberto o prazo de recepción de candidaturas ao Premio Aresa de Desenvolvemento Rural 2021

O presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz, asinaron o pasado mes de novembro o convenio de colaboración que dá comezo a edición do ano 2021 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, nesta ocasión, de maneira telemática.

Esta firma significa o inicio dunha nova convocatoria deste galardón co que Aresa e a USC premian cada ano diferentes iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.

PRAZO DE PRESENTACIÓN DAS CANDIDATURAS

Tras a sinatura deste convenio, a presentación de candidaturas pode realizarse xa nos rexistros, tanto físico como electrónico, dos campus de Lugo e Santiago de Compostela dende o 29 de novembro ata o 14 de xaneiro de 2022.

O Premio Aresa 2021 consta, como vén sendo habitual, dun diploma de mérito e dunha dotación económica de 10.000 euros.

PREMIADOS ANTERIORES  

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) [2018], a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019) e Cooperativa A Carqueixa que resultou gañadora do premio na edición de 2020.

A Cooperativa A Carqueixa, entre os finalistas da XXI edición do Premio Aresa

Os cinco membros do xurado, composto por Antonio López Díaz, reitor da USC; Álvaro Rodríguez Eiras, presidente de Aresa; Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo; Manuel Gómez-Franqueira, presidente do Grupo Coren, e María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, reuníronse onte no vicerreitorado do Campus lucense para avaliar as dezaseis candidaturas presentadas e deron a coñecer os nomes das catro finalistas desta vixésimo primeira edición do Premio Aresa, entre as que saíu o nome da Cooperativa A Carqueixa.

Esta empresa, inscrita no Craega como produtor agrícola para a produción de froitos secos e cogomelos, ten a súa orixe en 1994, ano no que se fundou para a comercialización conxunta de xatos e a compra de insumos, adquirir máis dimensión como colectivo e conseguir que os produtores de carne de Cervantes fosen un sector máis forte e cohesionado. A día de hoxe está formada por uns 200 cooperativistas.

Os outros finalistas son o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, Arnigal Cultivos e Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata topo, presentada por Pablo Sánchez Quinteiro.

O gañador do XXI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, dotado cunha placa conmemorativa e 10.000 euros, darase a coñecer o vindeiro 11 de febreiro ás 12:30 h nunha gala que será transmitida por streaming.

 

 

Varias propostas co selo do Craega optan ao XXI Premio Aresa

Gala de entrega do XIX Premio Aresa ao Craega en marzo de 2019

Tras rematar o prazo para a presentación de propostas finais do mes de decembro, a organización do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, composta polo Grupo Aresa e a Universidade de Santiago de Compostela, presentou os dezaseis candidatos a conseguir o galardón deste ano, entres os cales se atopan varias empresas de produción ecolóxica certificadas polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), que xa foi recoñecido con este premio na súa XIX edición.

As empresas certificadas polo Craega candidatas ao Premio Aresa, dotado con 10.000 euros, que dará a coñecer os finalistas mañá xoves 21 de xaneiro, son as seguintes:

  • Muuhlloa, cosmética 100 % galegarealizada con produtos ecolóxicos e que xorde da sinerxia doutras dúas iniciativas como son Granxa Maruxa e Milhulloa.
  • As Vacas da Ulloa SCG, cooperativa de gandería ecolóxica
  • Verín Biocoop SCG (Ourense), pioneiros na comercialización de carne de vacún de produción ecolóxica
  • Conservas do Támega, dedicada á elaboración de conservas vexetais ecolóxicas.
  • Cooperativa A Carqueixa, nada para o fortalecemento dos produtores de carne de Cervantes

Esta edición será moi especial, pois está marcada pola situación sanitaria na que estamos e a nova realidade que marcou inesperadamente a chegada da covid-19. Por todo isto, o Premio Aresa nesta ocasión valorará as iniciativas que redefinisen o seu modelo de negocio durante a pandemia, creasen un novo proxecto ou axudasen a outros nesta nova realidade.