Arquivos da etiqueta: obradoiro

Nenos e maiores achéganse á agroecoloxía nun obradoiro do Craega

Os nenos tiveron ocasión de plantar unha semente ecolóxica en terra sen tratamentos químicos. Foto: Craega

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) vén de estrear un ciclo de obradoiros infantís no Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago (USC). Baixo o título Érase unha vez unha semente: agroecoloxía e diversidade, cativos de entre seis e 12 anos achegáronse o pasado sábado ata a institución con sede en Compostela para coñecer a historia das sementes e a importancia que tiveron as mulleres na súa conservación.

Organizados en dous grupos (nenos e adultos), os participantes tiveron ocasión de profundar na liña do tempo da agricultura poñendo en valor a enorme biodiversidade dos produtos a través de dinámicas lúdicas. Xogaron a descubrir os froitos da horta e a súa variedade, construíron un tirapedras e tamén plantaron sementes. Como punto e final, os asistentes pudieron degustaron unha merenda con produtos ecolóxicos certificados polo Craega.

A actividade é froito da colaboración do Consello coa Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural. Cun tope de 30 prazas e de carácter gratuíto, case medio cento de persoas quedaron en lista de agarda. Debido ao elevado interese polo obradoiro, a organización confía en poder repetir a convocatoria no futuro.