Arquivos da etiqueta: O Candán

Avelina Calvo (O Cortizo): “O mel moi barato non pode ser puro”

Avelina Calvo Munín, de O Cortizo, recolle o galardón da XVII Cata dos Meles de mans do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez.

Ten intención de probalo, pero aínda non caeu nas súas mans. Con varios premios ás súas costas, a apicultora lalinense Avelina Calvo Munín non é quen de falar do mel chinés con coñecemento de causa. “Cando din por aí que hai un produto moi barato no mercado, o asunto non soa ben. O que está claro é que non pode ser tan puro como o de aquí”, advirte.

A súa empresa, Mel O Cortizo, sumaba días atrás un novo galardón na cata que organiza a Consellería de Medio Rural e que xa acadou a décimo sétima edición. Con selo ecolóxico do Craega, mereceu a máxima distinción -ouro- na categoría multifloral. “Desta vez ten bastante breixo e un ton máis escuro do habitual. O sabor é moi intenso”, explica Calvo Munín. “É un produto natural e iso nótase. Vén dos montes de Zobra, entre O Candán e O Testeiro”, engade.

Esa singularidade que se percibe no padal foi precisamente a que inclinou a balanza ao seu favor. De carácter familiar, O Cortizo posúe 200 colmeas das que se recollen arredor de mil quilos de mel. “O tempo inflúe moito. Este ano comezou moi ben. Houbo condicións favorables para a floración, pero despois veu moita choiva e xa se estragou a colleita”, sinala.

O Cortizo tampouco se libra da vespa velutina. “Coñecina non hai moito e agora estamos á espera de que nos veñan retirar dous niños. É unha mágoa ver como atacan as colmeas”, lamenta.

Este mel ecolóxico de premio pode atoparse en puntos como a Praza de Abastos de Santiago e tendas especializadas. Para potenciar aínda máis o seu sabor, Avelina Calvo suxire untar filloas e torradas ou mesturalo con requeixo.