Arquivos da etiqueta: medio ambiente

Trasdeza Natur: unha horta ecolóxica de premio

María José Tallón García (Trasdeza Natur) sostendo a distinción que lle outorgou o Ministerio nos XI Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais. Foto: MAPA

O Agader 2018, o segundo premio Semente Ribeira Sacra e agora o que outorga o Ministerio de Agricultura ás mulleres rurais con mellores ideas. María José Tallón García, fundadora de Trasdeza Natur, non deixa de recibir recoñecementos pola horta ecolóxica que montou en Silleda (Pontevedra). “É o resultado de moito esforzo e traballo. Temos moi claro o modelo de negocio que debemos seguir”, sinala. Certificado polo Craega e cun sistema pioneiro para deshidratar froitas e verduras con enerxía solar, o seu proxecto levouna a recoller días atrás en Madrid o terceiro galardón dos XI Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais na categoría de actividade agraria. 

Tallón sempre soubo que eido rural, agricultura ecolóxica e tecnoloxía sostible poden ir da man. En 2016, quedou sen traballo e foi daquela cando comezou a pensar na finca familiar como opción de autoemprego. Economista de formación, para profesionalizar a explotación de arredor de 6.000 m2 fixo unha inmersión inicial no sector primario a través de varios cursos e talleres que lle deron unha visión máis técnica. Quería cultivar vexetais sen tratamentos químicos, pero tamén transformar o produto para chegar a novos nichos de mercado.

“Montamos o obrador e decatámonos de que a deshidratación era a forma de transformar que máis respecta o produto natural porque conserva a maioría das súas propiedades”, explica. Non foi sinxelo atopar unha tecnoloxía que cumprira coa súa filosofía. Despois de facer contactos en Centroamérica, Tallón deu cunha solución moito máis cerca, na Universidade de Santiago (USC). Na Facultade de Física estaban a traballar cun prototipo de secadoiro solar para algas e puxéronse dacordo para adaptalo á súa horta.

Nun dos extremos da horta ecolóxica atópanse os paneis solares que abastecen o taller. Foto: TN

En 2017, Trasdeza Natur comezou coa transformación de produto. “Fumos mellorando a máquina da USC pouco a pouco e adaptándoa ás nosas condicións co obxectivo de conseguir autonomía e pegada de carbono cero”, engade. Aproveitando a enerxía solar e sen emisión algunha, o que obtén son froitas e verduras deshidratas con selo ecolóxico para consumir con iogur, cereais ou como snack saudable. 

OS EFECTOS DA COVID. A pandemia en Trasdeza Natur ten un dobre efecto: ralentizou proxectos a piques de ver a luz e deu un discreto empurrón ás vendas online. “Notamos máis interese a nivel local, pero certo é que moita xente da cidade veu ao rural durante o confinamento e cultiva a súa propia horta”, comenta Tallón. Á súa clientela, fundamentalmente da zona, achéganlle hortalizas e froitas de tempada en formato fresco e deshidratado. Poden mercar a través da web e recibilo na casa (servizo en Silleda e arredores).

Nun futuro, a súa intención é continuar desenvolvendo a tecnoloxía que tanta sona lle deu ao proxecto e sacar novos produtos deshidratados e en maiores cantidades. 

A CERTIFICACIÓN. A horta de Silleda naceu coa convicción de que o selo do Craega era unha das súas pedras angulares. “Para nós é unha garantía de calidade. É un xeito de cerciorarte de que fas as cousas ben porque hai un axente externo que, cun punto de vista oficial, certifica que é así”, recalca Tallón.

“No rural hai moitos camiños por explorar e agora debería estar máis vivo que nunca. Emprender é viable e dá moitas satisfaccións. Só o feito de estar en contacto coa natureza xera tranquilidade”, conclúe para animar ás novas xeracións. 


A lagoa, unha depuradora natural para a rega

O proxecto sostible de Trasdeza Natur conta tamén cunha lagoa para reutilizar a auga do taller e destinala á rega. Co obxectivo de evitar verteduras ao terreo ou á cuneta, optouse por instalar un sistema de depuración con plantas que permite eliminar os residuos sen danar o medio ambiente e ademais darlle un novo uso á auga.

De feito, a empresa conta co selo de calidade turística en destino (categoría turismo industrial) e, periodicamente, recibe visitas de centros escolares, escolas técnicas, profesionais, etc. As entradas pódense mercar na web.

A lagoa está totalmente cuberta de plantas e funciona como un filtro verde. Foto: TN

Preto dun cento de persoas participan nos cursos de compostaxe organizados polo Craega

Asistentes ao curso de compostaxe celebrado o 23 de outubro no pazo de Quián (Boqueixón). Foto: Craega

Cerca dun cento de persoas, entre operadores e público externo, asistiu aos cursos sobre compostaxe doméstica que vén de celebrar o Craega en colaboración coa Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama). Impartido por persoal da entidade pública, os participantes tiveron ocasión de achegarse en dúas sesións presenciais ao proceso que permite transformar a materia orgánica xerada nos fogares en compost. En realidade, trátase dunha práctica natural de gran tradición, agora modernizada co emprego de recipientes específicos, os composteiros.

A primeira das charlas tivo lugar na sede que o Consello posúe en Monforte de Lemos o 16 de outubro. A segunda desenvolveuse o 23 do mesmo mes en Boqueixón, no novo domicilio do Craega. As xornadas formativas serviron para aclarar cuestións como a localización do compostador (debe estar en contacto coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores), así como aspectos vencellados ao control de parámetros como o osíxeno, a temperatura e a humidade.

Despois de seguir atentamente as explicacións técnicas, os asistentes levaron para a súa casa os colectores a fin de poñer en práctica os coñecementos adquiridos. De 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, os 100 composteiros foron cedidos pola Consellería de Medio Ambiente (a través de Sogama) ao Consello. Con esta actividade formativa, o Craega culmina a súa adhesión ao Programa de Compostaxe Doméstica promovido pola Xunta.