Arquivos da etiqueta: #LecheEcológica

Rexistrada a primeira organización de produtores de leite ecolóxico de España

A Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia funcionou como tal desde o seu nacemento en 2019 e agora dá un paso máis, logo de crecer en socios e produción. Recentemente rexistrouse como organización de produtores de leite (OPL) ecolóxica para empezar a operar. Trátase da primeira OPL específica de leite ecolóxico en España.

A OPL terá o seu ámbito de actuación a nivel de Galicia. Actualmente, a asociación conta con 34 ganderías socias e cunha produción de 12 millóns de quilogramos de leite. Delas, 29 ganderías con máis de 9,7 millóns de quilogramos de leite integrarán a OPL.

Como referencia, a OPL aglutina ao 12,4 % das explotacións de bovino de leite en España, así como o 20 % de produción de leite cru española (últimos datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, 2020).

O principal obxectivo da OPL é mellorar o propio sector, optimizando os custos de produción e mellorar as condicións para os socios. Para iso contará co persoal técnico, administrativo e medios necesarios cos que darán apoio ao sector.

A asociación convida aos gandeiros de produción ecolóxica a sumarse á iniciativa, xa que poderán acceder a formación adecuada, apoio técnico, interlocución coa Administración e coa industria, entre outros beneficios.