Arquivos da etiqueta: La Patrona

Máis de 20 empresas eco apúntanse a Biocultura Madrid 2019

Biocultura Madrid 2018. Stand Craega
Stand do Craega en Biocultura Madrid 2018

Por cuarto ano consecutivo, o Craega estará en Biocultura Madrid. Considerada unha das feiras máis importantes do Estado, terá lugar entre o 7 e o 11 de novembro en Ifema. Con enorme interese para o sector, desta vez inscribíronse 24 empresas certificadas.

Dirixida a profesionais e consumidores, a Asociación Vida Sana prevé a participación de 800 expositores e 74.500 visitantes. En paralelo, a organización está traballando nun intenso programa con máis de 400 actividades para que a 35ª edición de Biocultura Madrid sexa un éxito.

O pavillón 10 de Ifema está reservado para máis de 18.000 referencias de produtos de alimentación ecolóxica. No recinto tamén haberá oco para produtos de hixiene e cosmética con ingredientes certificados. A moda sostible e todo o relacionado coa vivenda estará no pavillón 8.

No stand do Craega compartirán espazo as seguintes empresas: Biowak, Tés Paporroibo, Bodega Luz de Estrelas (Manuel Céspedes Rodríguez), Mieles Anta, Celtaverde, La Patrona, Pecado de Outono, Terra de Baronceli (Conservas do Támega), Cervexa Monte Rei, Eco González (Jamones González), Producto de Aldea, Galician Brew, Galuriña, Gudi Foods, BioAlacena (Mule System), Mirabel do Rosal, The Bio Factory (A Factoría Ecolóxica), Sovoral, Camemorcol, Bubela Artesá, Cervexa Toupiña (Kalinka Lagazós), Orballo, Palacio de Oriente e Milhulloa.