Arquivos da etiqueta: Isabel Blanco Penedo

Xornada en Lugo para mellorar a produción do leite ecolóxico

Mellora da produción do leite ecolóxico en Galicia é o título da xornada gratuíta que terá lugar o venres 22 de febreiro en Lugo. Dirixida a gandeiros de vacún do Craega (ou en proceso de certificación), a actividade está organizada por Agronovo en colaboración co Consello. Na sesión abordaranse cuestións como os aspectos a ter en conta para garantir o benestar animal, así como os novos requisitos normativos. Neste sentido, haberá intervencións vencelladas á PAC e ás esixencias que entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2021. Tamén se falará sobre as vantaxes que o asociacionismo ten para os produtores de leite ecolóxico.

O programa arranca ás 10.30 h. no recinto feiral de Lugo coa acreditación dos participantes. O primeiro relatorio (11.15 h.) correrá a cargo de Isabel Blanco Penedo, da Swedish University of Agricultural Sciences (Suecia). Virá despois (12 h.) a quenda de Manuel Cancio Álvarez, director técnico do Craega. Disertará sobre a situación actual e os próximos cambios normativos do leite. O último relatorio (13 h.) será o de Xisela Fernández e Javier Villanueva, técnicos de Agronovo. Leva o título de Vantaxes dunha agrupación de produtores de leite ecolóxico.

O Craega mantén en 2018 a liña ascendente e, segundo os datos provisionais, pechará o exercicio cunha facturación superior aos 80 millóns de euros. A subida apóiase no incremento da superficie certificada (15%) e dos operadores (13%). A maior parte dos novos inscritos localízase na provincia de Lugo.

A inscrición é gratuíta. Basta con enviar un e-mail a info@agronovo.es ou ben chamar aos teléfonos 982246762 ou 678645549. Para descargar o programa completo, premer aquí.