Arquivos da etiqueta: #incrementoEco

O gasto en produtos ecolóxicos increméntase un 7 % con respecto ao ano anterior

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) publicou o informe Análise da caracterización e proxección da produción ecolóxica española en 2020. Nel demóstrase que este sector continúa co seu intenso crecemento e configúrase como un importante ámbito de consumo diferenciado dentro do conxunto do sistema alimentario español.

O gasto dos consumidores españois en produtos ecolóxicos alcanzou no ano 2020 os 2.528 millóns de euros, o que supón un incremento do 7 % respecto do ano anterior. Así mesmo, a porcentaxe de gasto en alimentos eco creceu un 10,3 % respecto de 2019. O gasto por persoa e ano chegou aos 53,41 euros, un 6,10 % máis.

O ministro do MAPA, Luis Planas, considera que o crecemento continuado do sector ecolóxico en España é froito da súa profesionalidade, grande experiencia e clara visión de futuro. Ademais, constitúe unha enorme satisfacción colaborar no impulso deste sector, que conta cunhas boas perspectivas de crecemento nos próximos anos.

ESPAÑA, ENTRE OS DEZ PRIMEIROS PAÍSES DO MERCADO MUNDIAL

De acordo cos datos do estudo, España ocupa a novena posición no mercado mundial dos produtos ecolóxicos por valor total das vendas ecolóxicas. En 2020, a distribución organizada comercializou o 54 % dos produtos ecolóxicos aos consumidores españois, seguida do comercio especializado, co 30 %, e o resto das canles (16 %). Así mesmo, as exportacións alcanzaron os 1.165 millóns de euros, o que supón un incremento do 17 % respecto ao ano anterior.

En canto a operadores, en 2020 eran 50.047, que desenvolveron un total de 53.325 actividades ecolóxicas. Por actividade, destacan os 44.493 operadores de producións agrarias, os 5.561 elaboradores e transformadores, e os 2.503 comercializadores, aos que habería que engadir outras tipoloxías como importadores e exportadores, acuicultores e outros.

Informe completo dispoñible para a súa descarga