Arquivos da etiqueta: IES Xelmírez II

Tres centros escolares de Trabada, O Bolo e Santiago gañan o concurso ‘Faite Eco do Lóxico’

A segunda edición do concurso Faite Eco do Lóxico xa ten gañadores. Convocado polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), os premios recaen desta vez no CEIP Celso Currás (Trabada, Lugo), o CEIP O Bolo (O Bolo, Ourense) e o IES Xelmírez II (Santiago, A Coruña). Baixo o título Por que elixir produtos ecolóxicos?, o certame nace co obxectivo de recoñecer o esforzo da comunidade educativa á hora de achegarse a este sector.

Na categoría de Infantil, o traballo elixido é o presentado polo CEIP Celso Currás. O xurado valora a minuciosidade da proposta do centro de Trabada, xa que os nenos elaboraron unha maqueta que reproduce un horto con plastilina e material de refugallo. Co lema Se san queres estar, os nosos produtos ecolóxicos debes probar, os cativos fixeron unha plantación con leitugas, tomates, cabazas e cenoria, entre outros.

O máximo galardón na categoría de Primaria foi parar ao CEIP O Bolo. Aos integrantes do comité de selección chamoulles a atención neste caso a orixinalidade do traballo, un vídeo no que os estudantes interpretan un rap para defender as vantaxes do produto ecolóxico fronte ao convencional. No transcurso da peza, o alumnado do colexio ourensán amosa o arco da vella saudable (con pratos equilibrados incluídos) e o horto do centro.

Xa por último, o galardón na categoría de Secundaria é para o IES Xelmírez II. Co título Consome ecolóxico, os alumnos do instituto compostelán relatan nun vídeo as características deste tipo de produto e o seu sistema de produción.

Os centros premiados recibirán unha cesta de produtos ecolóxicos certificados polo CRAEGA antes de que remate o período lectivo. O curso pasado o gañador foi o CEIP Plurilingüe de Lousada (Guntín, Lugo). 

CHARLAS EN CENTROS DE TODA GALICIA. O certame escolar pon o punto e final ao programa Faite Eco do Lóxico, un programa impulsado polo CRAEGA no marco do Plan Proxecta, iniciativa esta última que parte desde a Consellería de Educación. Dirixido a primaria, ESO, bacharelato e FP, na convocatoria do Consello inscribíronse 46 centros de toda Galicia. Para achegar a agricultura ecolóxica aos máis novos, impartíronse charlas, organízaronse degustacións e enviáronse xogos á maior parte dos centros participantes.

Faite Eco do Lóxico é unha acción promovida polo CRAEGA con axuda do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER)-Europa inviste no rural e a Xunta.

TRABALLOS PREMIADOS:

1. CEIP Celso Currás (Trabada, Lugo). Ver traballo

2. CEIP O Bolo (O Bolo, Ourense). Ver traballo

3. IES Xelmírez II (Santiago, A Coruña). Ver traballo

O CRAEGA reclama a presenza de alimentos ecolóxicos nos comedores escolares

Manuel Corredoira López (director xeral de Educación), esquerda, Francisco López Valladares (presidente do CRAEGA), José González (conselleiro do Medio Rural), Mª Pilar Tobar Quintanar (directora do IES Xelmírez II) e Manuel Rodríguez, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). Foto: Xoán Crespo/Xunta

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) reclama a presenza dos alimentos ecolóxicos nos comedores escolares. “O produto que certifica o CRAEGA é deficitario tanto nas escolas como nos eventos públicos”, advertiu hoxe en Santiago o presidente da entidade, Francisco López Valladares. Neste senso, brindou a súa colaboración á Xunta para que, en vindeiras licitacións do servizo de comedores, puntúe tamén positivamente o ecolóxico e non só o alimento de tempada e de proximidade. “Os nenos de agora son os adultos do mañá e a súa saúde debe ser unha prioridade para o conxunto da sociedade”, engadiu. “O CRAEGA quere chegar ao prato de todos: da xente nova e da que non é tan nova. Porque só así lograremos espertar definitivamente ao noso rural e alimentarnos mellor”, sinalou.

López Valladares fixo esta demanda coincidindo co acto de apertura da segunda edición de Fai Eco do Lóxico no IES Xelmírez II. En presenza do conselleiro de Medio Rural, José González, do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e do director xeral de Educación, Manuel Corredoira, o presidente do CRAEGA lembrou que este programa serve para achegar a agricultura ecolóxica a 46 centros de infantil, primaria e secundaria de toda a comunidade. “A Galicia despoboada ten un aliado neste sector, estratéxico á hora de dinamizar o rural sen destruír a súa esencia. Sostible e respectuosa co medio ambiente, é unha opción de vida para o produtor, pero tamén para o consumidor”, recalcou. “É fundamental que as novas xeracións dediquen unha parte do seu programa educativo a este sector cada vez máis relevante. A concienciación é un traballo de todos. Da familia, da escola e das institucións públicas”, engadiu.

O conselleiro do Medio Rural animou aos preto de 80 mozos participantes na charla a confiar na produción ecolóxica. “Os mellores produtos do mundo son os de Galicia e, en concreto, os ecolóxicos, produtos 100% naturais sen ningún tipo de engadido químico”, declarou.

Para González, a agricultura ecolóxica é “o futuro que vén do pasado” e proba diso é que cada vez máis xente aposta por mercar este tipo de alimentos. De feito, nos últimos anos a agricultura ecolóxica en Galicia está a rexistrar un crecemento destacado cun aumento do 33% no volume de ventas certificadas, que pasou de 59 millóns de euros en 2017 a 78,7 millóns o pasado ano.

Pola súa banda, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, salientou a importancia do Plan Proxecta -no que se enmarca este programa- como paraugas coordinador de todas as iniciativas impulsadas desde diferentes consellerías e organismos para fomentar diversos valores de forma transversal a través do ensino. Neste caso concreto, Fai Eco do Lóxico (integrado na liña Aliméntate Ben) contribúe a concienciar aos máis novos dos beneficios para o medio ambiente e para a saúde dos produtos ecolóxicos, promovendo hábitos de vida saudables.

SEGUNDA EDICIÓN. O CRAEGA participa por segundo ano consecutivo no Plan Proxecta, unha iniciativa da Consellería de Educación que tende pontes entre a comunidade educativa e diferentes entidades sectoriais como este Consello. Dirixido a primaria, ESO, bacharelato e FP, no curso 2018-2019 fixouse un límite de 30 centros. A demanda superou todas as expectativas e acadou as 46 solicitudes. Nas charlas -como a que acolleu hoxe o IES Xelmírez II- inscribíronse 29 centros das catro provincias. Os escolares tamén están a recibir degustacións de produtos ecolóxicos e xogos no marco desta convocatoria. Como colofón, o CRAEGA convoca un concurso con tres categorías (infantil, primaria e secundaria) para premiar os mellores traballos sobre agricultura ecolóxica desenvolvidos durante o curso. En cada modalidade outorgarase un galardón único consistente nunha cesta de produtos ecolóxicos. O fallo darase a coñecer a principios de xuño.

Fai Eco do Lóxico é unha acción promovida polo CRAEGA con axuda do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER)-Europa Inviste no Rural e a Xunta.