Arquivos da etiqueta: herboristería

Milenrama, un local onde te coidan con produtos eco

En Chantada atopamos a herboristería Milenrama, que xa conta con máis de 17 anos de vida. Está rexentada por Pilar Vázquez Capón, quen colleu a mesma herboristería, pero situada noutro punto da vila. “Cando a empecei, estaba facendo auxiliar de Farmacia e sempre lle dicía a dona que cando se xubilase quería tela”. Dous anos despois mudouse a onde está agora. Esta tenda de proximidade viu incrementados os seus ingresos no período forte da pandemia, “pero agora xa volvemos á clientela de sempre, que non me podo queixar xa que funciona moi ben”. 

Cando empezou non contaba nin coa metade dos produtos que ten agora, só eran herbas e algo de alimentación. “Púxenme ao día no tema e fun medrando, tamén porque a demanda aumentou”. A alimentación segue sendo o punto forte, aínda así agora conta con variados produtos, chegando incluso a cosmética “que cada vez ten máis éxito”, indica Vázquez. 

En canto á clientela, ao longo dos anos foi variando. Nun principio era máis xente maior, agora de mediana idade. “Hai persoas que veñen porque queren produtos ecolóxicos que só os atopa aquí e outra que lle dá un pouco igual o tema eco, pero interésalles algún en concreto”, explica. Engade que “cada vez búscanse produtos que sexan o máis naturais posibles, a xente está máis concienciada, quere coidarse máis…”. Ademais, apunta que as redes sociais serven para promover produtos “que moitas veces non sabemos se son eficaces; aquí chega moita xente preguntando se hai un en concreto que viu na rede”, comenta. 

Na tenda conta con máis dunha decena de produtos que teñen o selo do Craega, logo tamén ten moitos de Galicia que aínda están sen certificar. Traballan con múltiples marcas que contan co selo, entre elas: Milhulloa, Orballo, Chorizo Calabizo ou Euro Andean Superalimentos, e outras moitas máis. “Os certificados danlle seguridade a moita xente, hai persoas que xa buscan que teñan algún selo e outros, simplemente  miran que non estean testados en animais”.

Malia que o prezo poida ser un dos puntos negativos que teñen os produtos ecolóxicos, “ hai que pensar que se paga pola calidade; eu entendo que si son máis caros, pero tamén son alimentos saudables e distintos”, recalca. Outro punto en contra que teñen as herboristerías é que “cada vez máis, este tipo de produtos xa se poden atopar nos supermercados ou na internet, xa non temos a exclusividade como antes, que se querías algo disto, só podías telo aquí”, comenta Vázquez. Aínda así, estes locais ofrecen un servizo máis de preto, “nós xa coñecemos á xente, podemos explicarlle as vantaxes e desvantaxes de cada produto, é moi diferente o trato”. 

ASESORAMENTO NUTRICIONAL

Dende hai unha década conta con servizo de nutricionista. “Empecei con rapazas que buscaban montar algo e pareceume boa idea, logo ían marchando porque atopaban algo noutro sitio; tamén contei con nutricionistas dalgunha marca que vendía os seus produtos e desde hai dous anos teño a persona que está agora”, explica. Engade que a profesional, Tamara Rivas, ten as citas varios días á semana co obxectivo de ofrecerlles ás pacientes unha vida máis saudable.