Arquivos da etiqueta: #GranjasEco

Casa Codesal e Granxa Ecolóxica Figueiroa SC gañan os premios Exceleite 2022

Na xornada de onte, celebrouse en Santiago de Compostela o acto de entrega da sexta edición dos premios Exceleite, os galardóns á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia.

O acto estivo presidido polo conselleiro do Medio Rural, José González, quen definiu estes galardóns como “o recoñecemento da Xunta polo esforzo de gandeiros e gandeiras de Galicia comprometidos coa calidade”, unha estratexia que, sinalou González, “é a panca que facilita a consolidación definitiva do sector lácteo galego, tanto no conxunto de España como fóra do noso país”. Tamén estiveron presentes o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e os delegados territoriais da Xunta na Coruña e Pontevedra, Gonzalo Trenor e Luis López.

Na categoría de gandería ecolóxica volveron repetirse os nomes da edición de 2020: Casa Codesal SL (Friol, Lugo), que obtivo o ouro, e Granxa Ecolóxica Figueiroa SC (Arzúa, A Coruña), que acadou a prata. Ambas as ganderías contan coa certificación do Craega e posúen anos de historia producindo leite en ecolóxico. Cabe lembrar que Casa Codesal gañou todas as edicións, agás a de 2021. 

LISTAXE COMPLETA DOS PREMIADOS 

As explotacións ecolóxicas volverán optar a premio na 6.ª edición dos Exceleite

Casa Codesal e Gandería Pear foron os premiados no Exceleite 2019

A Consellería do Medio Rural convoca os galardóns á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores galegos de leite cru de vaca Exceleite. É a sexta edición destes recoñecementos na que se valoran os gandeiros máis comprometidos co seu traballo.

Estes premios distinguen as granxas en tres categorías: en función do seu tamaño, segundo o seu sistema de produción e as mellores explotacións ecolóxicas.

Poderán optar a estes recoñecementos todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), de tal xeito que consten na base de datos deste centro os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia, é dicir, desde agosto de 2021 ata xullo de 2022.

As explotacións deberán atoparse de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, deberán estar inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), así como cumprir outras características técnicas, que podedes consultar  no DOG.