Arquivos da etiqueta: Francisco López Valladares

O CRAEGA reclama a presenza de alimentos ecolóxicos nos comedores escolares

Manuel Corredoira López (director xeral de Educación), esquerda, Francisco López Valladares (presidente do CRAEGA), José González (conselleiro do Medio Rural), Mª Pilar Tobar Quintanar (directora do IES Xelmírez II) e Manuel Rodríguez, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). Foto: Xoán Crespo/Xunta

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) reclama a presenza dos alimentos ecolóxicos nos comedores escolares. “O produto que certifica o CRAEGA é deficitario tanto nas escolas como nos eventos públicos”, advertiu hoxe en Santiago o presidente da entidade, Francisco López Valladares. Neste senso, brindou a súa colaboración á Xunta para que, en vindeiras licitacións do servizo de comedores, puntúe tamén positivamente o ecolóxico e non só o alimento de tempada e de proximidade. “Os nenos de agora son os adultos do mañá e a súa saúde debe ser unha prioridade para o conxunto da sociedade”, engadiu. “O CRAEGA quere chegar ao prato de todos: da xente nova e da que non é tan nova. Porque só así lograremos espertar definitivamente ao noso rural e alimentarnos mellor”, sinalou.

López Valladares fixo esta demanda coincidindo co acto de apertura da segunda edición de Fai Eco do Lóxico no IES Xelmírez II. En presenza do conselleiro de Medio Rural, José González, do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e do director xeral de Educación, Manuel Corredoira, o presidente do CRAEGA lembrou que este programa serve para achegar a agricultura ecolóxica a 46 centros de infantil, primaria e secundaria de toda a comunidade. “A Galicia despoboada ten un aliado neste sector, estratéxico á hora de dinamizar o rural sen destruír a súa esencia. Sostible e respectuosa co medio ambiente, é unha opción de vida para o produtor, pero tamén para o consumidor”, recalcou. “É fundamental que as novas xeracións dediquen unha parte do seu programa educativo a este sector cada vez máis relevante. A concienciación é un traballo de todos. Da familia, da escola e das institucións públicas”, engadiu.

O conselleiro do Medio Rural animou aos preto de 80 mozos participantes na charla a confiar na produción ecolóxica. “Os mellores produtos do mundo son os de Galicia e, en concreto, os ecolóxicos, produtos 100% naturais sen ningún tipo de engadido químico”, declarou.

Para González, a agricultura ecolóxica é “o futuro que vén do pasado” e proba diso é que cada vez máis xente aposta por mercar este tipo de alimentos. De feito, nos últimos anos a agricultura ecolóxica en Galicia está a rexistrar un crecemento destacado cun aumento do 33% no volume de ventas certificadas, que pasou de 59 millóns de euros en 2017 a 78,7 millóns o pasado ano.

Pola súa banda, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, salientou a importancia do Plan Proxecta -no que se enmarca este programa- como paraugas coordinador de todas as iniciativas impulsadas desde diferentes consellerías e organismos para fomentar diversos valores de forma transversal a través do ensino. Neste caso concreto, Fai Eco do Lóxico (integrado na liña Aliméntate Ben) contribúe a concienciar aos máis novos dos beneficios para o medio ambiente e para a saúde dos produtos ecolóxicos, promovendo hábitos de vida saudables.

SEGUNDA EDICIÓN. O CRAEGA participa por segundo ano consecutivo no Plan Proxecta, unha iniciativa da Consellería de Educación que tende pontes entre a comunidade educativa e diferentes entidades sectoriais como este Consello. Dirixido a primaria, ESO, bacharelato e FP, no curso 2018-2019 fixouse un límite de 30 centros. A demanda superou todas as expectativas e acadou as 46 solicitudes. Nas charlas -como a que acolleu hoxe o IES Xelmírez II- inscribíronse 29 centros das catro provincias. Os escolares tamén están a recibir degustacións de produtos ecolóxicos e xogos no marco desta convocatoria. Como colofón, o CRAEGA convoca un concurso con tres categorías (infantil, primaria e secundaria) para premiar os mellores traballos sobre agricultura ecolóxica desenvolvidos durante o curso. En cada modalidade outorgarase un galardón único consistente nunha cesta de produtos ecolóxicos. O fallo darase a coñecer a principios de xuño.

Fai Eco do Lóxico é unha acción promovida polo CRAEGA con axuda do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER)-Europa Inviste no Rural e a Xunta.

O CRAEGA dispara as vendas un 33% e roza os 80 millóns de euros

Manuel Rodríguez, esquerda, José González, Francisco López Valladares e Javier García Lozano

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) segue a medrar ano tras ano. En 2018, as vendas de produto certificado disparáronse un 33,2% e chegaron aos 78,7 millóns de euros. Así o avanzou hoxe en Boqueixón o presidente do Consello, Francisco López Valladares, que estivo acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez.

“2018 volve a ser un ano excelente para a agricultura ecolóxica. Medran todas as variables: a superficie certificada, a suma de operadores e o volume de vendas”, destacou Valladares. “Estamos convencidos de que isto non vai quedar así e que as cifras van manter a tendencia ascendente nos vindeiros anos. Porque a agricultura ecolóxica chegou para quedar con nós”, celebrou o presidente do CRAEGA. De feito, xa conseguiu consolidarse como o terceiro selo de calidade en Galicia, por detrás de Tenreira Galega e a D.O. Rías Baixas.

Na mesma liña se pronunciou o conselleiro. “Xa non é unha moda pasaxeira, nin minoritaria, senón unha actividade cun importante nicho de mercado que cada vez cobra máis forza”, recalcou José González. O titular de Medio Rural fixo fincapé na necesidade de apoiar a vertebración e organización do sector e avanzou que se vai crear unha mesa de produción ecolóxica. A previsión que se convoque “este trimestre”.

PRODUTOS ESTRELA. O leite UHT e a carne avícola, por esta orde, son os produtos certificados estrela, tal e como explicou o secretario do Consello, Javier García Lozano. Cunha facturación superior aos 26 millóns de euros e un crecemento de case 41 puntos, o lácteo é con diferenza o produto que máis ingresos xera. “En Galicia, certificamos o 65% do leite que se consome en España”, apuntou.

Por sectores, a produción animal é a que máis factura (44,3 millóns de euros), pero a do mar é a que máis medra en termos porcentuais (39,53%).

A superficie certificada polo CRAEGA tamén pecha o exercicio en positivo. Con 33.736,44 hectáreas certificadas, o crecemento en 2018 ronda os seis puntos. A provincia con máis terreo en ecolóxico é Lugo, xa que suma 16.507 ha (o 49% do total).

En canto ao número de operadores, o Consello anota neste caso unha suba de case oito puntos e computa 1.152 inscritos ao peche de 2018 (un 125,8% máis que en 2008). Cun 37,6%, a vexetal consolídase como a produción maioritaria no conxunto da comunidade.

García Lozano puxo o acento no peso que van cobrando no conxunto do Consello os elaboradores (industrias e comercializadores). En 2001 apenas representaban o 12% e hoxe xa rozan o 25%. O seu papel é fundamental para que o produto certificado chegue ao consumidor final.

DESCARGA DO RESUMO DE 2018

Cambio de data: o Craega recolle o premio Aresa o 29 de marzo

Francisco López Valladares
Francisco López Valladares, presidente do Craega

O acto de entrega do premio Aresa cambia de data e terá lugar o 29 de marzo. Aínda que estaba previsto para o venres 8, a organización preferiu retrasalo debido á coincidencia do evento co Día da Muller Traballadora. Tal e como estaba contemplado desde un principio, será na Facultade de Veterinaria de Lugo ás 20 horas.

No transcurso da cerimonia, o presidente do Craega, Francisco López Valladares, recollerá o galardón que anualmente conceden o grupo empresarial Aresa e a Universidade de Santiago (USC). O premio recoñece a traxectoria dunha entidade que convertiu un modo de produción agraria e gandeira nun motor de desenvolvemento rural.

Durante o acto, o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva Rodríguez, impartirá a conferencia A produción ecolóxica. Dun mercado testemuñal a unha tendencia irreversible. Para rematar, haberá unha degustación con produto ecolóxico.

Todos os operadores do Craega están convidados á cerimonia. A invitación pódese descargar neste enlace. Para asistir, prégase confirmar asistencia antes do 27 de marzo a través do teléfono 982 222 400.