Arquivos da etiqueta: formación ecologia

Intereco convoca a 10.ª edición do curso “Formación de la Producción Ecológica conforme a la Normativa Europea”

A asociación Intereco, que agrupa como socios ás autoridades públicas de control de agricultura ecolóxica, é dicir, aos comités e consellos de agricultura ecolóxica das distintas comunidades autónomas entre as que se atopa o Craega, vén de facer pública a convocatoria da décima edición do curso Formación de la Producción Ecológica conforme a la Normativa Europea, cuxa inscrición está aberta ata o 6 de abril para o módulo 1 e o curso completo; posteriormente abrirán a matrícula para o resto dos módulos se se opta por facelos soltos.

O curso (apertura Aula Virtual) comezará o martes 13 de abril e dende ese día e ata o mes de xuño desenvolverase en formato on line e estará accesible 24/7, en total serán 85 horas.

Esta actividade ten como obxectivo coñecer as obrigas que deben cumprir os operadores baixo a normativa da produción ecolóxica europea e adquirir os coñecementos sobre os requisitos para poder realizar o control destas explotacións.

Os webinarios que conforman este curso serán impartidos por directores técnicos das autoridades de Control da Produción Ecolóxica socias de Intereco profesionais expertos na materia que se desenvolve.

Información completa

 

XORNADAS FORMATIVAS ORIENTADAS Á PRODUCIÓN ECOLÓXICA

O vindeiro mes de setembro impartiranse as xornadas de “Mellora das superficies extensivas para a produción ecolóxica mediante o uso da metodoloxía de liña clave e técnicas de permacultura”

Horario: 25-26 setembro, 09:30 a 19:00

Lugar: Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos.

Descargar a folla de inscrición

Aprender as ferramentas de rexeneración do solo permite comprender a importancia do deseño para a captación, almacenamento e xestión óptima das augas pluviais, manexo do gando e vixilancia das parcelas para asegurar a súa viabilidade e a produtividade destas terras, e así lograr unha base de soporte humano que vaia máis aló da sustentabilidade. Sendo a auga o elemento máis importante dentro de todo proxecto agronómico e de calquera desenvolvemento humano, o estudo detallado da xestión hidrolóxica dun terreo é indispensable para desenvolver unha agricultura ou gandería permanente a longo prazo.

No curso explicaranse as condicións indispensables para rexenerar o solo,“ler” a topografía natural da paisaxe e utilizar a súa forma e contorno para determinar o deseño e posición de represas, gabias de infiltración, desaugadoiros, áreas de irrigación, camiños, valos, cortellos, currais, casas e liñas de árbores. Analizarase a utilidade das curvas de nivel e as curvas a desnivel e aprenderase a marcalas no terreo a través dunha práctica de campo.

Durante o curso realizaranse prácticas de campo co uso de instrumentos de precisión topográfica como o nivel láser (para o deseño de propiedades a gran escala), así como o uso de instrumentos tan sinxelos como o nivel de mangueira (para propiedades a pequena escala).

Ademais, demostrarase o uso do apeiro Yeomans (se fose posible), co que se poderán ilustrar os patróns “Keyline” de cultivo, así como os beneficios deste tipo de apeiro, co cal é posible cultivar a terra sen volteala, descompactala, eliminar malas herbas, inxectar microorganismos directamente á terra, sementar e aplicar compost, todo cunha soa pasada do tractor.

O apeiro Yeomans ara a terra en profundidade rompendo a compactación, pero sen voltear a terra na superficie: esta é a clave para restaurar solos degradados e incrementar a profundidade do solo fértil, que é capaz de fixar grandes cantidades de carbono estable.

Os participantes neste curso adquirirán unha visión ampliada do que significa a agricultura rexenerativa, isto é, a produción de alimentos sans para todos; de forma que se incremente a soberanía alimentaria e a rendibilidade para os produtores. Tamén adquirirán as ferramentas para analizar a topografía dun espazo, definir puntos e liñas clave, así como deseñar espazos fermosos que poidan reter auga, construír un solo fértil, capturar carbono, reducir gastos e multiplicar producións.

O patrón de plantación marcará a diferenza entre un espazo que perde solo fértil coa escorrentía cada vez que chove e outro que aproveita cada pinga para aumentar a súa fertilidade e polo tanto a súa produtividade.

Curso dirixido a agricultores, gandeiros, silvicultores, técnicos agrícolas e, en xeral, a xestores de terreos públicos ou privados, asesores e técnicos da Administración.

O curso será impartido por Jesús Ruíz, experto en deseño de parcelas con liña clave con manexo hidrolóxico, ademais de ser topógrafo e formador en agroecoloxía.

Programa

Martes e mércores, 25 e 26 de setembro 2018

Horario: 9.30 h – 19.00

Sesión 1. Introdución. O solo como organismo vivo. O problema da erosión e o estrés hídrico.

Sesión 2. Introdución á topografía.

Sesión 3. Prácticas de campo. Introdución aos tipos de niveis: nivel de man, bunyipou mangueira, láser.

Trazado de curvas a nivel con nivel de mangueira. Trazado con nivel láser. Equidistancias entre curvas de nivel.

Como crear un mapa cun GPS de man ou Smartphone e un nivel láser ou de mangueira.

Sesión 4. Práctica de campo. Introdución á liña clave, curvas a desnivel.

Sesión 5. Introdución ao Keyline, a escala de permanencia.

Sesión 6. Maquinaria para a rexeneración de solos. Exemplos de deseños en España e Portugal

Sesión 7. Práctica de deseño, estudo de planos topográficos. Práctica de deseño, decodificación de terreos e determinación de liñas clave. Deseño de terreos, asignación de áreas de captación con madeirables, infiltración con froiteiras, rega con cultivos anuais e aproveitamento con autóctonas. Deseño de viñedos e outras leñosas.

Sesión 8. Entrega de deseños, preguntas e respostas.

Inscricións no teléfono 982 40 53 00, no fax 982 41 60 30 ou no correo electrónico craega@craega.es antes do día 21/09/2018, debendo xuntar o formulario que se achega. No caso de inscrición telefónica, debe presentar o formulario orixinal asinado o día da xornada.