Arquivos da etiqueta: FeirasEco

Despedimos a primavera co número 60 da nosa revista

 

Xa podedes consultar en formato dixital o número 60 da nosa  publicación cuadrimestral. Este especial de primavera ábrese cun amplo monográfico dedicado ás feiras celebradas nestes últimos meses, ás que asistimos cun dos nosos principais obxectivos como entidade: apoiar e difundir o labor dos nosos operadores. BioCultura A Coruña e BCN, Acuafuture Spain’22, Salimat e Alimentaria Barcelona volveron ao seu formato presencial e o selo ecolóxico galego achegou o seu gran de area en cada un destes eventos.

Este apartado complétase coas entrevistas a Francisco L. Valladares, o presidente da nosa entidade, que reflexiona sobre os cinco anos á fronte da presidencia, e a Ángeles Parra, directora de BioCultura e presidenta de Vida Sana, quen, entre outros aspectos, nos ofrece unha retrospectiva da súa asociación, que cumpre cuarenta anos de existencia. 

Nas seguintes páxinas inclúense as nosas habituais seccións: “Novas breves”; “Formación”; “Axenda”; “Cocina eco”, coas innovadoras receitas que nos propón o trío gastronómico Indo e Vindo e, como peche, “Aliméntate bío”, apartado no que se recolle a colaboración do Consello coa campaña Come Local, unha iniciativa da Agacal, que organiza Slow Food Compostela por terceiro ano consecutivo nos comedores escolares galegos. 

BioCultura Barcelona pecha a feira con máis de 14.000 asistentes

Algas La Patrona, Terra de Baroncelli e Muuhlloa compartiron stand na cita

BioCultura Barcelona, a feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable, pechou a súa 27ª edición no Palau Sant Jordi. Unhas 14.000 persoas se achegaron ao recinto para coñecer  máis de cerca o sector ecolóxico, no que estiveron presentes varios operadores do galegos.

Ángeles Parra, directora da cita, afirma que “estaba claro que non ía a ser como a BioCultura á que estamos acostumados, pero o feito de que finalmente se puidese celebrar de forma presencial xa era unha gran noticia para todos”. Engade que “os expositores puideron presentar as súas novidades, que era o que querían. E a mensaxe da necesidade dun cambio cara o ecolóxico volveu chegar aos medios. Á espera de mellores tempos para a lírica, nós, como organizadores, tamén estamos moi contentos. Levamos xa case dous anos moi raros e empezamos a romper o maleficio”.

As actividades online tamén funcionaron ben. Ante a demanda de querer seguir gozando da programación deseñada para os catro días da feira, a organización decidiu deixar a plataforma ata finais de xullo para poder conectarse en calquera momento do día través do link. Para ver as actividades na canle, só tes que entrar na compra de entradas e elixir actividades online e a cantidade 1. Ao comprar as entradas, enches os teus datos, terminas a compra e descargas a entrada, que che aporta un código. Esa clave será a que precises para entrar na canle.

Optimismo na organización

Organizadores e expositores mostraron satisfacción en liñas xerais por como foi a feira. Parra indica que “este pequeno triunfo de BioCultura e do sector, nun marco tan excepcional e delicad

o, puido ser lido como unha sinal de esperanza”. E subliña que “cada vez máis, a cidadanía ten na alimentación a clave cara a un mundo máis sostible, san, saboroso, belo e xusto. E os subsectores afíns, como a cosmética certificada ou o téxtil sostible, están a punto de estoupar”.

Presenza galega

Na cita participaron varias empresas galegas en busca de saír, tras máis dun ano sen case citas presenciais, e co obxectivo de atraer a nova clientela para as súas marcas. As firmas que participaron foron: Muuhlloa (Granxa Maruxa e Milhulloa), Celtaverde (dentro da Gale Truck), Terra de Baroncelli e Sovoral Apicultura Orgánica, ademais de catro empresas dedicadas á acuicultura en ecolóxico: Portomuíños, Algamar, Algas La Patrona e Capitán Alga.