Arquivos da etiqueta: Faite Eco do Lóxico

Tres centros escolares de Trabada, O Bolo e Santiago gañan o concurso ‘Faite Eco do Lóxico’

A segunda edición do concurso Faite Eco do Lóxico xa ten gañadores. Convocado polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), os premios recaen desta vez no CEIP Celso Currás (Trabada, Lugo), o CEIP O Bolo (O Bolo, Ourense) e o IES Xelmírez II (Santiago, A Coruña). Baixo o título Por que elixir produtos ecolóxicos?, o certame nace co obxectivo de recoñecer o esforzo da comunidade educativa á hora de achegarse a este sector.

Na categoría de Infantil, o traballo elixido é o presentado polo CEIP Celso Currás. O xurado valora a minuciosidade da proposta do centro de Trabada, xa que os nenos elaboraron unha maqueta que reproduce un horto con plastilina e material de refugallo. Co lema Se san queres estar, os nosos produtos ecolóxicos debes probar, os cativos fixeron unha plantación con leitugas, tomates, cabazas e cenoria, entre outros.

O máximo galardón na categoría de Primaria foi parar ao CEIP O Bolo. Aos integrantes do comité de selección chamoulles a atención neste caso a orixinalidade do traballo, un vídeo no que os estudantes interpretan un rap para defender as vantaxes do produto ecolóxico fronte ao convencional. No transcurso da peza, o alumnado do colexio ourensán amosa o arco da vella saudable (con pratos equilibrados incluídos) e o horto do centro.

Xa por último, o galardón na categoría de Secundaria é para o IES Xelmírez II. Co título Consome ecolóxico, os alumnos do instituto compostelán relatan nun vídeo as características deste tipo de produto e o seu sistema de produción.

Os centros premiados recibirán unha cesta de produtos ecolóxicos certificados polo CRAEGA antes de que remate o período lectivo. O curso pasado o gañador foi o CEIP Plurilingüe de Lousada (Guntín, Lugo). 

CHARLAS EN CENTROS DE TODA GALICIA. O certame escolar pon o punto e final ao programa Faite Eco do Lóxico, un programa impulsado polo CRAEGA no marco do Plan Proxecta, iniciativa esta última que parte desde a Consellería de Educación. Dirixido a primaria, ESO, bacharelato e FP, na convocatoria do Consello inscribíronse 46 centros de toda Galicia. Para achegar a agricultura ecolóxica aos máis novos, impartíronse charlas, organízaronse degustacións e enviáronse xogos á maior parte dos centros participantes.

Faite Eco do Lóxico é unha acción promovida polo CRAEGA con axuda do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER)-Europa inviste no rural e a Xunta.

TRABALLOS PREMIADOS:

1. CEIP Celso Currás (Trabada, Lugo). Ver traballo

2. CEIP O Bolo (O Bolo, Ourense). Ver traballo

3. IES Xelmírez II (Santiago, A Coruña). Ver traballo

Cole gañador de ‘Faite Eco do Lóxico’ 2017-2018: “Temos a esperanza de que sexa o xermolo dun xeito de vida máis san”

Alumnos do CEIP de Lousada (Guntín) realizando tarefas agrícolas no patio do colexio

Faite Eco do Lóxico deixou pegada no CEIP Plurilingüe de Lousada (Guntín), gañador do primeiro certame que convoca o Craega no seo deste programa educativo. “O pasado setembro, cando volvemos ao cole, a primeira preocupación do alumnado foi o invernadoiro: que iamos plantar, como preparar a terra, como gardar as sementes…”, conta M.ª Luisa Vázquez Viana, responsable do Plan Proxecta no centro. “Hoxe xa temos unhas cantas leitugas para autoconsumo e estamos agardando a colleita de repolos, coliflores e brócoli”, celebra a mestra.

O documental que fixeron os rapaces sobre que significa o ecolóxico mereceu o máximo galardón do Consello no curso 2017-2018. “No traballo implicouse todo o colexio. Todos foron quen de sentirse protagonistas”, engade a coordinadora. Por iso resultou unha experiencia tan positiva e a dirección do centro non dubidou en repetir este ano. “Fomos quen de inculcarlles aos nenos a importancia de cultivar e consumir produto ecolóxico e que ademais levaran a mensaxe á súa casa”, sinala Vázquez Viana. Unha mensaxe que non foi moi difícil de trasladar porque, nesta zona, unha alta porcentaxe das familias se dedica á agricultura e á gandería.

Este programa “é un labor de longo percorrido, ten que ir afianzándose pouco a pouco. Temos a esperanza de que sexa o xermolo dun xeito de vida máis san”, argumenta. Por iso, o CEIP de Lousada decidiu inscribirse de novo nesta modalidade do Plan Proxecta.

46 CENTROS, NA SEGUNDA EDICIÓN. A segunda edición de Faite Eco do Lóxico está a superar todas as expectativas. Promovido polo Craega no seo do Plan Proxecta, conta coa participación de 46 centros escolares de toda Galicia (34 de infantil e primaria e 12 de secundaria). O ano pasado anotáronse 34. Iniciativa da Consellería de Educación, o programa pretende afondar en aspectos vencellados coa ciencia, as novas tecnoloxías, a reciclaxe ou a alimentación mediante o traballo en rede. Deste xeito, comunidade educativa e entidades colaboradoras tenden pontes ao longo de todo curso académico para intercambiar coñecementos.

Baixo o paraugas de Aliméntate ben (impulsado por Medio Rural, Mar e Sanidade), o Consello dispón da modalidade Fai Eco do Lóxico. O seu cometido non é outro que fomentar o consumo de produto eco amosando ao alumnado os seus beneficios, tanto para a saúde como para o medio ambiente. Para iso, o Craega está a organizar charlas, degustacións e xogos en centros de  toda  a  comunidade.  Para  pechar  o programa, celebrarase un concurso final no que se avaliarán os coñecementos adquiridos polos estudantes.