Arquivos da etiqueta: estado de alarma

O Craega aproba unha rebaixa de taxas do 20% por mor da COVID-19

Os operadores ecolóxicos beneficiaranse dunha redución do 20% na taxa que abonan semestralmente en concepto de declaración de vendas. É a decisión que adoptou o Pleno do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) na sesión celebrada o pasado 16 de xuño. Con esta medida, o órgano rector pretende aforrar custos ás empresas certificadas e contribuír así á reactivación do sector tralo parón económico derivado da COVID-19.

Aprobado de forma excepcional para paliar os efectos da pandemia, o desconto aplicarase na taxa correspondente ao primeiro semestre de 2020. En virtude do acordo, os inscritos ingresarán ao Consello o 0,4% do importe total das súas vendas -excluído IVE- en lugar do 0,5%, tal e como se viña facendo ata agora. A modificación da cota tradúcese nun recorte dun 20% na exacción.

Desde o servizo de administración do Consello, xa se comezou a solicitar aos inscritos a declaración de vendas coa rebaixa extraordinaria incluída. Os operadores teñen de prazo ata o 1 de setembro para realizar o pago.

Decretado o 14 de marzo e vixente en Galicia ata o 15 de xuño, o estado de alarma tivo un forte impacto na actividade empresarial. No sector agroalimentario, o peche das canles de distribución convencionais (hostalaría e mercados tradicionais) traduciuse en caídas de vendas por riba do 50% ou incluso na suspensión total das transaccións.

Autorizado o desprazamento a hortas de autoconsumo no concello de residencia ou no adxacente

A Consellería do Medio Rural publica este martes unha orde que concreta as novas indicacións para agricultores non profesionais que marcou o Goberno central días atrás. Deste xeito quedan autorizados os desprazamentos a hortas e viñedos de autoconsumo que se atopen ben no municipio de residencia habitual, ou ben noutro que se sitúe a un máximo de cinco quilómetros do domicilio. 

Para acreditar a súa condición, o agricultor deberá levar consigo unha declaración responsable na que  detalle as leiras nas que traballa, a identificación da parcela e o tipo de cultivos que realiza. Haberá que desenvolver as tarefas individualmente, salvo que  o acompañen discapacitados, menores ou persoas maiores. Por motivos xustificados -por exemplo, tipo de cultivo- admitirase a participación de dúas persoas. En todo caso, será “polo tempo mínimo e imprescindible”, e respectando as distancias de seguridade e outros protocolos establecidos pola autoridade sanitaria.  “Todo isto sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección por parte da Administración, cara a verificar o contido de tal declaración responsable”, sinala a orde.

En canto aos desprazamentos de agricultores profesionais, a súa actividade segue como ata o de agora. Para xustificar as viaxes, deben estar dados de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). Os viticultores poderán acreditar a súa dedicación co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistro dispensada polo consello regulador da denominación de orixe cando se dan de alta. En ámbolos dous supostos os axentes da autoridade están en condicións de realizar as comprobacións que consideren oportunas.

ENLACE ORDE: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200505/AnuncioG0426-040520-0003_gl.html

O Craega funciona con servizos mínimos durante o estado de alarma

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) funciona con servizos mínimos durante o estado de alarma. Trala publicación do Real Decreto 463/2020, as auditorías do equipo técnico quedaron suspendidas e a oficina do Consello en Monforte de Lemos permanece pechada ao público. A atención ao operador realízase a través das seguintes canles: 

  • Correo electrónico: craega@craega.es
  • Teléfono:  982 405 300
  • Horario de atención: de luns a venres (08.00-15.30 h | 16.30-19.00 h)