Arquivos da etiqueta: Elena Fernández Rodríguez

O Craega organiza unhas xornadas online sobre gandería ecolóxica

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) pecha agosto cunhas xornadas online sobre gandería ecolóxica. Entre o luns 24 e o venres 28, cinco expertos disertarán arredor de diferentes cuestións técnicas que atinxen ao subsector con máis peso económico no seo do organismo. Todas as intervencións se poderán seguir en directo no perfil de Facebook da entidade  a partir das 13 h. Ademais, os usuarios terán ocasión de formular as súas dúbidas a través do chat. A dirección do Craega opta por primeira vez por este formato para garantir o cumprimento das medidas de seguridade sanitaria e evitar o avance da pandemia.

Jesús Cantalapiedra Álvarez, da Consellería do Medio Rural, abrirá as xornadas o luns 24 cunha charla sobre o o futuro da agricultura e a gandería ecolóxicas no marco europeo e o seu impacto na produción ecolóxica. O martes 25 será a quenda de Daniel Franco Ruiz, investigador do Centro Tecnolóxico da Carne (Ceteca). Falará do consumo da carne certificada. Joaquim Lima Cerqueira, profesor da Escola Agraria Superior de Ponte de Lima (Portugal), centrarase en benestar animal, en concreto nas condicións que deben respectar os gandeiros que se dedican á cría de vacún de leite ecolóxico (mércores 26).

Nas instalacións de gando ecolóxico e as súas peculiaridades (xoves 27) profundizará Elena Fernández Rodríguez, profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Agrícola da Universidade de Santiago. De poñer o punto e final ás sesións (venres 28) ocuparase Ramón Lamelo Otero, da Consellería do Medio Rural. Afondará na comunicación ambiental e no proxecto Click On T.

Aínda que se retransmirán en directo, os vídeos coas intervencións poderanse ver posteriormente tanto no Facebook do Craega como na súa canle de Youtube.

PRODUCIÓN ANIMAL. Cun 56,5 M€ en concepto de vendas certificadas en 2019, animal mantense como a liña de produción que máis ingresos xera no Consello. Piar deste subsector, os produtos máis importantes en volume de negocio son o leite (32,9 M€), as carnes (15,7 M€) e os ovos (6,3 M€).

En número de operadores, vexetal leva vantaxe e suma 435 inscritos fronte aos 395 de animal.

DESCARGAR NOTA DE PRENSA

DESCARGAR RESUMO DA MEMORIA 2019