Arquivos da etiqueta: #EfaFonteboa

EFA Fonteboa gaña o XXII Premio Aresa

Na xornada de onte, o xurado do XXII Premio Aresa reuniuse para dar a coñecer o nome do galardoado. Antonio López, reitor da USC; Montserrat Valcárcel, vicerreitora de Coordinación do Campus Lugo; María Cruz Díaz, presidenta da Asociación Nacional de Enxeñeiros Agrónomos; Carme Pampín, CEO de GalChimia, e Álvaro Rodríguez Eiras, presidente de Aresa, foron os encargados de xulgar esta edición.

O reitor da USC valorou a diversidade das candidaturas: “Contamos con moita variedade nos proxectos, desde formativos ata de investigación, gandeiros ou agrícolas… Todas elas, iso si, con moito valor” e anunciou que “tras estudalas a fondo, acordamos por unanimidade que a vencedora desta vixésimo segunda edición do Premio Aresa fose a presentada polo Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, de Coristanco”.

López Díaz expuxo que xa fora finalista en anteriores edicións do Premio e “queremos destacar así, nesta ocasión, a importancia que a formación de profesionais ten para o desenvolvemento presente e futuro do sector primario, dos sectores agrícola e gandeiro de Galicia”. Así mesmo, resaltou que para estar á altura dos retos que veñen, é necesario contar con persoal formado e cualificado e “a EFA Fonteboa ten unha longa traxectoria na formación do ámbito rural”.

AS CANDIDATURAS

Cabe destacar que entre a listaxe de candidaturas presentadas a esta edición do Premio Aresa atopábanse tres entidades que contan coa certificación do Craega: Muuhlloa, Carabuñas e Traloagro. Ademais, presentáronse Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga); Cooperativa Tres Fuciños; Timbersoul; Amarelante; DOP O Cebreiro; Estratexia de loita ecolóxica fronte á praga da rata topo; Ganadería María Dolores Vázquez Carballés; Belacolmea, e Comunidade de Montes Veciñais en Mancomunidade de Couso.

ENTREGA DO PREMIO

En canto á entrega do galardón, López Díaz anunciou que será o próximo 11 de marzo no auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo no formato tradicional, sempre que as condicións sanitarias derivadas da pandemia o permitan. O Premio Aresa está dotado con 10.000 euros e unha placa conmemorativa.