Arquivos da etiqueta: #Ecolóxico

O Craega participa no proxecto de investigación Sambucus Go

Imaxe de Carabuñas

Sambucus Go é un proxecto para impulsar a xestión sostible de recursos naturais e ecosistemas autóctonos, enfocándose na investigación agroforestal da especie Sambucus Nigra, co obxectivo de mellorar o cultivo do sabugueiro ecolóxico. Neste estudo cooperan agricultores representados por Veigas de Sabugueiro (coa marca comercial Carabuñas), a Escola Politécnica-Produción Vexetal (Universidade de Santiago de Compostela), Anfaco-Cecopesca e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Coa participación do Craega garantirase a difusión dos avances na produción de sabugueiro respectando o medio ambiente e a fertilidade dos solos, aspectos clave da agricultura ecolóxica, ademais de garantir a posta no mercado de produtos máis saudables, nutritivos e mellor valorados. O grupo operativo contará coa colaboración de Imasde Agroalimentaria, axente de innovación encargado de coordinar, promover e dinamizar proxectos no ámbito agroalimentario, especializado na análise de datos para mellorar o proceso de toma de decisións e valorar obxectivamente os cambios implementados nos sistemas de produción.

OBXECTIVOS DO PROXECTO

Imaxe de Carabuñas

Veigas busca estudar o desenvolvemento fisiolóxico e o proceso de maduración dos froitos de sabugueiro autóctono en Ourense, coa finalidade de determinar mellores condicións agronómicas para a multiplicación, o enxerto e o deseño de novas plantacións de cultivo ecolóxico.

Tendo en conta que a súa estrutura, formada por compostos bioactivos, pode verse afectada por múltiples factores, tratarase de profundar sobre determinados aspectos do manexo agronómico (poda, rega e fertilización) e a súa influencia sobre a presenza de compostos fenólicos e antocianinas nas diferentes partes da planta, que serán analizados empregando técnicas non destrutivas de análises (NIRS).

O Consello encargarase de darlles difusión aos resultados obtidos no proxecto, co obxectivo de fomentar o cultivo de sabugueiro que garanta a súa conservación e explotación sostible en Galicia. Así mesmo, proporcionarase unha guía práctica de cultivo e, dende a USC, poñerase en marcha un curso de verán para a formación do alumnado.

Toda a información do proxecto

O sal mariño e outros sales entran no novo Regulamento de Produción Ecolóxica

Foto de Intereco

O pasado 1 de xaneiro de 2022, entrou en vigor o novo Regulamento de Produción Ecolóxica, que garante unha competencia leal para os agricultores e, ao mesmo tempo, evitar a fraude e manter a confianza dos consumidores. O citado regulamento estende o ámbito de aplicación das normas de produción ecolóxica a unha lista máis ampla de produtos, entre os que se incluíron o sal mariño e outros sales, xa que Europa detectou que existe unha gran demanda ao estar producido baixo técnicas naturais e porque a súa produción pode contribuír ao desenvolvemento de zonas rurais.

Ata agora, o Regulamento de Produción Ecolóxica non consideraba que o sal se puidese certificar en ecolóxico, debido a que non estaba considerado un produto agrícola, senón como un mineral. Desde 2022, incorporouse ao ámbito de aplicación, aínda que Intereco estivo certificando sal ecolóxico en base á súa referencial desde 2012, atendendo así á demanda dos produtores e dos consumidores que o solicitaban.

Información completa en Intereco

O Craega darase cita na Feira Biofach

A Feira Internacional de Produtos Orgánicos Biofach celebra este ano a XXXIII edición, combinada con Vivaness, a Feira Internacional do Coidado Persoal Natural e Orgánico. Trátase do tándem feiral de Núremberg recibido con grande entusiasmo polo mundo ecolóxico, como demostran os datos da última edición (2020), que convocou  3.738 expositores.

A cita será entre o 26 e o 29 de xullo no Exhibition Centre Nuremberg e, por terceiro ano consecutivo, será a Federación Española de Industrias de Alimentación e Bebidas (FIAB), co apoio do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a que organizará o pavillón español. Nel estarán presentes varios operadores galegos certificados polo Craega: Refix, Conservas del Noroeste (Connorsa), Avilugo, Lacto Baltar, Camemorcol, Mieles Anta, Conservas Ortiz e Porto-Muiños

Tras o encontro virtual por mor da pandemia, a feira alemá regresa cun completo programa de actividades: seminarios, workshops e conferencias sobre diversos temas de actualidade. O Congreso, que terá lugar paralelamente, é desde hai un tempo un foro importante para o sector biolóxico, entre outras cousas porque é onde se amosan as cifras e os feitos máis actuais acerca do seu desenvolvemento.

Todos os detalles da feira, nesta ligazón.

Brión acollerá dous cursos sobre sementes hortícolas locais das comarcas de Santiago e Barbanza

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza dous cursos sobre sementes hortícolas locais no municipio coruñés de Brión, en concreto terán lugar na Aula da Terra do centro comercial Monte Balado; un deles comeza  o vindeiro 24 de maio e o segundo, ao día seguinte, cunha duración en ambos os casos de 60 horas lectivas en total. 

Estas sesións formativas están dirixidas a calquera persoa vinculada cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozas e mozos do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

O obxectivo é dar a coñecer as variedades das comarcas de Santiago e Barbanza, e trataranse outros temas como a correcta plantación en invernadoiros ou fincas ao aire libre, así como tratamentos ecolóxicos preventivos ou a rotación de cultivos.

Para asistir cómpre cubrir o formulario e envialo ao correo electrónico cursos.agacal.sergude@xunta.gal.