Arquivos da etiqueta: dieta saludable

Carlos Spuch: “O importante dos produtos eco é o que non teñen”

Carlos Spuch
Carlos Spuch, neurocientífico do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e coordinador da Rede Galega de Investigación en Demencias, é un gran defensor do produto ecolóxico

Romper o ciclo natural das cousas ten un prezo. E a ciencia corrobórao pouco a pouco. Demostrado está que pesticidas como o DDT –xa prohibido– inciden no alzhéimer e que hai outros que se relacionan co párkinson. Existen ademais “evidencias” de que estas e outras enfermidades como a depresión poderían ter a súa orixe no intestino. Por iso, levar unha alimentación saudable, a base de produto ecolóxico e sen procesados, é tan importante para previr determinadas doenzas. É o que defende Carlos Spuch, neurocientífico do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e coordinador da Rede Galega de Investigación en Demencias. Agora ten entre mans un proxecto piloto que intenta probar que a dieta ecolóxica é quen de diminuír a actividade inflamatoria no intestino.

Somos o que comemos?
Estamos formados por un montón de substancias. Desde que nacemos ata que morremos, o que incorporamos ao noso organismo chega a través da respiración, da alimentación ou do que nos poida picar o médico. Nada máis. Na respiración inflúen factores externos como a contaminación, pero o demais depende da nutrición. Cando es neno, se inxires un tipo de graxa determinado, hidratos de carbono en exceso e ademais hai déficit de proteínas, modifícase o neurodesenvolvemento e iso vai ter consecuencias na idade adulta.

Entón non hai alimentos nin bos, nin malos. Todo é unha cuestión de equilibrio…
O difícil é estar equilibrado. Salvo que haxa unha patoloxía que o impida, a mellor dieta é aquela na que comes de todo e variado. As graxas non se deben eliminar nunca por completo. Son moi importantes para o sistema nervioso. O 70% do cerebro está composto de graxa e as nosas neuronas necesítana para funcionar. Que sucede entón cando consomes unha dieta alta en hidratos e baixa en graxa? Que o desenvolvemento do cerebro non é bo. Hai estudos que demostran que os nenos que consumiron poucas graxas teñen un desenvolvemento cognitivo un pouco máis lento. Son normais, pero lévalles máis tempo resolver problemas ou reaccionar fronte a certas cousas. En resumo, cómpre comer de todo e variado.

Convén logo incluír as graxas na dieta?
Pois claro. O que hai é que escoller o tipo de graxa e atopar o equilibrio. En Galicia temos dous dos alimentos con mellor composición de ácidos graxos que existen no mundo: o peixe azul e o leite. O que non sabe a xente, en termos xerais, é que os ácidos malos son necesarios para a correcta absorción dos bos. O de que algo é bo ou malo é moi relativo. A natureza mesma é así e todo ten as súas funcións.

Estamos a envelenarnos coa alimentación de hoxe en día?
Envelenar é un pouco forte, pero si que estamos a modificar os nosos patróns alimentarios. O prexudicial é tomar sempre produtos procesados. Por outra banda, é positivo que xurdan tendencias bio. Pouco a pouco, a ciencia demostra que a dieta dos nosos avós era mellor que a de hoxe. Pero volvendo ao veleno, quizais habería que dicir que si, polo excesivo uso de pesticidas que se rexistra na actualidade. Cada vez saen máis estudos que verifican que certos praguicidas cunha alta concentración en alimentos provocan problemas crónicos no noso corpo. Por iso, son un defensor do produto ecolóxico: o máis importante non é o que teñen, senón o que non teñen.

Como poden intervir os alimentos en enfermidades como o alzhéimer ou o párkinson?
Cada vez saen máis evidencias do que todo o mundo sabe. Xa entre a década dos 80 e 90, un estudo demostrou que había pacientes de alzhéimer cun elevedo nivel de DDT no cerebro. A raíz das presións do Goberno sueco, acabouse prohibindo (permítese o seu uso nalgún caso). Tamén hai evidencias de que certos praguicidas constitúen un factor de risco para o párkinson. Basta con facer a proba cunha rata: se inxectas o composto en cuestión no seu cerebro, matas as súas neuronas. Ese é o modelo do párkinson. A maior parte dos pesticidas empréganse para controlar pragas e malas herbas, pero moitos teñen efectos neurotóxicos. Acumúlanse en niveis moi elevados en froitas e verduras que nós despois inxerimos e, polo tanto, pasan ao noso organismo.

Tamén di vostede que no intestino se pode atopar a orixe de moitas doenzas…
Hoxe en día un dos grandes focos de atención é a microbiota intestinal (as bacterias e outros mi- croorganismos que residen no intestino). Todos os alimentos teñen que pasar pola flora bacteriana para que poidamos absorbelos. Sospéitase que certas poblacións de bacterias están orixinando a depresión, determinada manifestación do alzhéimer, o autismo… E quen modifica a flora bacteriana? Os alimentos. A flora bacteriana é un reflexo do que comes. Por exemplo, a serotonina é un neurotransmisor asociado á depresión. O 90 % está no intestino. Cando a microbiota está alterada, a parede intestinal inflámase e a produción de serotonina trastórnase. Se a investigación logra demostrar que a orixe destas enfermidades está no intestino, poderemos controlar a depresión regulando a flora bacteriana.

É máis san consumir ecolóxico?
Si. Porque o produto ecolóxico non ten ningún tipo de químico. E ademais adoita ser un produto de proximidade: madura de forma natural na horta durante o tempo que precisa e chega máis rápido aos puntos de venda. Eses antioxidantes tan beneficiosos para a saúde dos que tanto se fala, son compostos que producen as froitas e verduras para loitar contra a exposición solar ou contra o ataque de bacterias e fungos. E iso que significa? Que non é o mesmo comer unha froita que madurase ao sol que outra que o fixese dentro dunha cámara. Na medida posible, hai que consumir produtos da túa rexión e de tempada. Cómpre asumir que non se poden comer amorodos todo o ano porque non se producen. Cada alimento ten a súa época. Só con iso, sería suficiente para provocar o boom económico dunha determinada zona.

Vostede está intentando probalo…
O noso grupo ten entre mans un proxecto piloto con pacientes con enfermidade inflamatoria intestinal. Ademais de analizar os niveis de inflamación no intestino, tamén recollemos datos sobre a presenza de certos pesticidas nos ouriños. Despois mudamos os seus hábitos alimenticios e poñémoslles unha dieta ecolóxica. Aos 15 días volvemos a avalialos. Esperamos que a dieta ecolóxica diminúa a actividade inflamatoria no intestino e que mellore o seu estado de saúde xeral.