Arquivos da etiqueta: consumo ecológico

A saúde, o sabor e o medio ambiente, principais razóns para comprar alimentos eco

Aínda que hai outras moitas razóns, e co paso do tempo van mudando, a saúde, o sabor ou o medio ambiente son os principais motivos que se valoran no momento de escoller produtos ecolóxicos.

  • En canto á saúde, as persoas que levan unha vida fisicamente máis activa e a coidan están máis inclinadas a incluír alimentos ecolóxicos na súa dieta.
  • O sabor vincúlase, moitas veces, aos alimentos locais que as persoas maiores comían na súa infancia, un factor que inflúe principalmente nas persoas de avanzada idade. Ademais, adoita ter máis peso nas persoas que son menos activas e non dan tanta importancia á saúde.
  • En canto ao medio ambiente, é un motivo que pesa máis en ecoloxistas e colectivos conscientes dos danos ambientais que supoñen as prácticas de agricultura intensiva.
  • Outros dos factores que poden influír son os seguintes: a preocupación pola seguridade alimentaria e o desexo de evitar infeccións tóxicas, a preocupación polo benestar animal e desexo de apoiar as producións locais ou que sexan produtos de moda que lles poden reportar recoñecemento e status social.

PERFIL DO CONSUMIDOR

Os pais e nais, especialmente de bebés ou nenos pequenos, son algúns dos principais consumidores de alimentos ecolóxicos. O obxectivo fundamental é evitar a acumulación de pesticidas no organismo durante o desenvolvemento dos seus fillos. Isto empeza xa no embarazo e logo trasládase ao consumo dos primeiros alimentos da crianza. Outros dos consumidores son as persoas que seguen dietas vexetarianas ou veganas.  Ademais destes grupos, nas enquisas saen outros perfís como persoas que teñen mascota ou as que practican deporte regularmente, que adoitan ser tamén consumidores destes produtos.

CALES SON OS PRINCIPAIS OBSTÁCULOS?

Entre un 40 e un 70 % da poboación móstrase positiva cara a este tipo de alimentos, pero tan só entre un 5 e un 10 % deles os compra regularmente. O prezo aparece como a barreira máis importante á hora de aumentar a porcentaxe de alimentos ecolóxicos na cesta da compra. Outro dos factores é a dificultade para atopalos nas tendas habituais, aínda que esta tendencia está a cambiar.

Máis información

O mercado bio en Alemaña aumenta as súas vendas durante a pandemia

 

Segundo se publicou en diversos medios, un recente informe do Ministerio de Agricultura de Alemaña asegura que “os consumidores deron, durante a pandemia, máis importancia aos produtos locais e a produción ecolóxica”. Ao comprar carne, en particular, os consumidores recorren cada vez máis a estes últimos. Así o corroboran as últimas cifras do ecobarómetro encargado polo Ministerio Federal de Alimentación e Agricultura (BMEL), que presentou, recentemente, a ministra federal Julia Klöckner. En 2020, o mercado alemán ha superado unha cifra de negocio de 14 mil millóns de euros.

A enquisa é moi clara nas tendencias de consumo. Podemos extraer diversas conclusións. A máis importante é que o sector ecolóxico alemán vai seguir crecendo. Os ovos ecolóxicos levan a palma en Alemaña. Case todos os consumidores prefírenos. Tamén en carne e en embutidos unha ampla maioría de consumidores busca os produtos orgánicos.

CONCLUSIÓNS DO ESTUDO

  • Á hora de comprar alimentos ecolóxicos, os supermercados seguen a ser decisivos: nove de cada dez enquisados compran aquí, seguidos das tendas de desconto (68 %).
  • Case o 90 % afirma que quere usar a variante ecolóxica polo menos ocasionalmente no futuro.
  • Cando se trata de ovos ecolóxicos, a proporción de enquisados que din que compran estes produtos “exclusivamente” ou “a miúdo” aumenta ao 74 %; en 2019, foi do 66 %.
  • O 37 % dos enquisados afirmou que compra regularmente produtos ecolóxicos.
  • No caso dos produtos de carne e embutidos orgánicos, o 50 % dos enquisados afirma que os compra polo menos con frecuencia; en 2019, só foron o 42 %.
  • A pandemia da covid-19 provocou unha maior preocupación dos consumidores alemáns en temas de saúde. Son cada vez máis os que queren ter unha dieta sa para protexer a súa saúde e o seu organismo ante agresións de virus, etc.
  • Información completa
  • Fonte: El Ecomensajero Digital | Vida Sana.org

Vexetais, ovos e pan copan o top 10 do consumo eco en Galicia


Os vexetais son os produtos ecolóxicos que se consomen con máis frecuencia en Galicia. Ata un 48,1% dos enquisados incorpóraos á súa cesta da compra máis dunha vez por semana. Así se desprende do último barómetro elaborado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) para avaliar a percepción e consumo dos alimentos orgánicos.

En segunda posición atópanse os ovos. O 66,5% dos entrevistados mércaos unha vez por semana ou incluso máis. Esta é a mesma frecuencia coa que os galegos adquiren carne fresca eco, un produto que gaña terreo nos fogares galegos e medra 7,2 puntos -de 2014 a 2017- ata acadar o 40,4%. Algo semellante sucede coa liña bio do polo e outro tipo de aves, un alimento que o 36,7% engade á súa lista da compra alomenos cada sete días. O crecemento con respecto á análise anterior é de 8,4 puntos.

Pan, pasta ou cereais ecolóxicos teñen un papel de peso no informe e ocupan xa o terceiro posto. O 49,6% declaran consumilos con certa frecuencia. Desta porcentaxe, o 26,3% asegura introducilos na lista da compra máis dunha vez por semana. Con regularidade (53,1%) entran así mesmo nos fogares os snacks, doces, marmeladas, mel ou sobremesas non lácteas.

Con frecuencias por debaixo do 30%, completan o top 10 as bebidas, conservas e aceites, e conxelados. Fóra dos dez primeiros postos e cunha porcentaxe do 7,27%, atópase a alimentación infantil.

Cómpre facer fincapé en que a base de consumidores eco medrou de forma considerable entre 2014 e 2017. Cun incremento do 23,5%, chega agora ao 47,3% da poboación galega.

Segundo o barómetro do Craega, queda patente que os produtos de orixe vexetal son a porta de entrada ao consumo ecolóxico. Así o poñen de manifesto o 73,8% dos enquisados. A máis distancia séguenlle os ovos (7,6%) e os lácteos (7,5%).

PERFIL DO CONSUMIDOR ECOLÓXICO. De mediana idade, con estudos superiores e con renda alta. Son as características comúns do consumidor ecolóxico galego. Tal e como reflexa o último barómetro do Craega, a compra de alimentos orgánicos ten unha presenza máis intensa entre a xente nova. A maior parte (55,2%) dos que inclúen os alimentos bio na súa cesta da compra teñen entre 35 e 49 anos. Moi de preto (52,2%) sitúase o grupo de ata 34 anos. Pola contra, a consideración de non consumidor aumenta notablemente por riba do 63% entre os maiores de 65 anos.

O que merca ecolóxico adoita ter un nivel educativo elevado. Máis da metade conta con Formación Profesional ou universitaria. Sen embargo, nos niveis máis baixos de instrución son máis abundantes os non consumidores.

Segundo a actividade que desempeñan, o consumidor eco preséntase con maior intensidade entre os empregados (53,2%), estudantes (54,3%) e as persoas que realizan labores no fogar (57,7%).

Xa por último, contribúe a definir o perfil a situación económica dos fogares. Entre os niveis de ingresos máis baixos (renda familiar media mensual inferior a 1.000 €) a frecuencia dos consumidores cae ao 39,1%. No extremo contrario (máis de 4.000 € por mes), a compra de produto eco sobe ata o 68,8%.

CASE 80 MILLÓNS DE EUROS EN VENDAS. O Craega medra ano tras ano. En 2018, as vendas de produto ecolóxico certificado disparáronse un 33,2% e acadaron os 78,7 millóns de euros. Arredor da metade do produto certificado véndese fóra de Galicia. Desta porcentaxe, entre o 20% e o 30% comercialízase no mercado exterior.

O leite UHT e a carne avícola, por esta orde, son os produtos estrela. Cunha facturación superior aos 26 millóns de euros e un crecemento de case 41 puntos, o lácteo é con diferenza o que máis ingresos xera. Galicia certifica o 65% do leite que se consome en España.

A superficie certificada polo Consello tamén anota datos positivos. Con 33.736,44 ha certificadas, o crecemento durante o curso pasado ronda os seis puntos. A provincia con máis terreo en ecolóxico é Lugo, xa que suma 16.507 ha (o 49% do total).

En canto ao número de operadores, o Craega rexistra neste caso unha suba de case oito puntos e computa 1.152 inscritos ao peche de 2018 (un 125,8% máis que en 2008). Cun 37,6%, a vexetal consolídase como a produción maioritaria no conxunto da comunidade.

BARÓMETRO 2017: DOCUMENTO COMPLETO E RESUMO.