Arquivos da etiqueta: #CidadedaCultura

O Craega deu a coñecer no II Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario o seu proxecto vinculado á carne de vacún eco

José Luis Cabarcos (esq.) e Manuel López Luaces, director e subdirector da Agacal

A Cidade da Cultura acolleu onte a segunda edición do Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario. O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, e mais o subdirector, Manuel López Luaces, foron os encargados de inaugurar a cita, que se estendeu durante todo o día.

Este evento serviu para dar a coñecer diferentes iniciativas apoiadas cos fondos Feader e da Consellería do Medio Rural, para así impulsar a innovación no sector produtivo. Un comité de selección, presidido polo propio Cabarcos e coa presenza do investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) Juan Piñeiro, avaliou durante toda a xornada os diferentes proxectos que se expuxeron nun formato “áxil” (dispuñan de 10 minutos). O obxectivo era seleccionar varios que se identifiquen cunha clara vocación de transferencia cara ao sector agroalimentario galego, é dicir, coa finalidade de trasladar ao ámbito produtivo innovacións e melloras que necesita para incrementar a súa competitividade.

En total, presentáronse 16 proxectos pilotos, todos eles finalizados no ano 2021 e que se beneficiaron das axudas para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal na convocatoria correspondente a 2019. Para avalialos, tivéronse en conta factores como o seu ámbito territorial, o seu orzamento, o problema que pretendía resolver ou a mellora que buscaba, os resultados obtidos, a súa aplicabilidade ao sector produtivo do rural galego ou os obxectivos de desenvolvemento sustentable que resolve.

ENTRE AS INICIATIVAS, VARIAS PROPOSTAS ECOLÓXICAS

Entre as iniciativas participantes, atopábanse varias vinculadas á produción ecolóxica, que citamos a continuación: 

O “Estudo de técnicas de produción para rentabilizar o uso de pataca en ecolóxico en Galicia” foi defendido por Laura Rodríguez, gandeira inscrita no Consello e membro da Unión de Empresarios, de Gandeiros e de Agricultores da Comarca da Limia (Adegal). Cómpre destacar que o Craega tamén formou parte deste proxecto.

Laura Rodríguez, integrante de Adegal

A seguinte iniciativa de carácter eco en subir ao escenario foron as “Bases para o cultivo ecolóxico de trigo autóctono en Galicia”, un traballo elaborado pola Panadería da Cunha, empresa tamén certificada en ecolóxico, que deu a coñecer Roberto López. 

Roberto López (Panadería da Cunha)

O “Desenvolvemento de producións avícolas ecolóxicas diferenciadas: carne e ovos como alimentos ecocardiosaludables”, é o título do estudo realizado por Sueiro y Lorenzo Avicultura Artesanal SL., que se encargou de amosar ante o público David Sueiro. 

David Sueiro, (Sueiro y Lorenzo Avicultura Artesanal SL.)

Finalmente, cara ao mediodía foi a quenda de Javier García, secretario do Craega, quen expuxo a proposta titulada “Desenvolvemento de produtos elaborados en base a carne de vacún de raza autóctona con certificación ecolóxica”. 

Javier García, secretario do Craega

NOVA CONVOCATORIA 

La iniciativa conta este ano cun orzamento de 2,4 millóns de euros e xa ten aberta a convocatoria de axudas para a execución de proxectos de grupos operativos da Asociación Europea de Innovación (AEI) con 6,1 millóns de euros de orzamento. Así, as persoas interesadas teñen ata o luns 28 de febreiro para solicitar as devanditas subvencións de forma telemática.

Agacal celebra mañá o II Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) organiza o II Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario mañá, xoves 10 de febreiro, a partir das 9:30 horas na Cidade da Cultura (Auditorio 2 do edificio Cinc).

Nesta cita confluirán todos os elos da cadea produtiva agraria nos ámbitos agrícola, gandeiro, forestal e da industria agroalimentaria, onde se porá en común a todos os axentes implicados e buscaranse as súas sinerxías e complementaridades.

Desde a organización esperan renovar o éxito da primeira edición e convidan á exposición dos resultados dos proxectos desenvolvidos polas empresas e entidades beneficiarias ao amparo das axudas para o apoio dos proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) na marca do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-202, que se convocaron para o ano 2019 e finalizaron no 2021. Neste ámbito, o Craega presentará o resultado de proxecto de valorización da carne de vacún de raza autóctona en ecolóxico.

Programa completo

Solicitude de asistencia