Arquivos da etiqueta: Cervexa Toupiña

O Craega pecha o calendario de feiras de 2019 en Biocultura Madrid coa cifra récord de 23 empresas

‘Stand’ do Craega en Biocultura Madrid 2018

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) pecha esta fin de semana o calendario feiral de 2019 en Biocultura Madrid. 23 empresas certificadas amosarán o músculo eco galego a partir do xoves 7 de novembro –e ata o domingo 10- no que está considerado o encontro sectorial máis importante do Estado. Ademais de servir de escaparate para os operadores, o produto con selo tamén se poderá degustar en dous show cookings programados polo Craega.

A 35ª edición de Biocultura Madrid, a feira con maior número de participantes do Consello, é tamén o escenario elixido para estrear nova imaxe. Concibida para canles dixitais, a campaña Somos Semente sae por primeira vez da Rede para vestir o stand do Craega. Os 132 m2 reservados pola entidade que controla e certifica a produción ecolóxica en Galicia terán como fío condutor o novo claim.

Das 23 empresas que expoñen baixo o paraugas do Craega, as vencelladas coa cervexa teñen especial protagonismo. Catro firmas –Bubelá Artesá, Toupiña, Celebridade Galega e Galician Brew- desprazaranse a Madrid para dar a coñecer ao mercado unha bebida que cada vez gaña máis adeptos na liña eco. O mel é outro dos produtos con máis representación no stand agrupado. Mieles Anta, Baronceli e Sovoral volven á feira coas últimas novidades en apicultura orgánica.

O abano de expositores do Consello complétase con postos de xeados, algas, pratos preparados, viño, embutidos, conservas, queixos e outros derivados lácteos, algas ou infusións.

PONTEVEDRA, A PROVINCIA CON MÁIS PESO. Case a metade dos expositores proceden de Pontevedra, precisamente a provincia con máis peso na transformación e comercialización de produto ecolóxico. 11 empresas teñen o seu domicilio social establecido nesta zona: Bioalacena, Producto de Aldea, Dona Cobiña, Biowak Natural Oils, Mirabel do Rosal / Alén do Val, Cervexa Toupiña, Galician Brew, Bodega Luz de Estrelas, Palacio de Oriente, Paporroibo Tés e Infusiones e Algas La Patrona.

En segundo lugar, atópase a provincia de Lugo. Desde aí chegan outras seis firmas: Celtaverde, Arqueixal, Mieles Anta, Jamones González, Bubela Artesá e Milhulloa. Con menor representación nesta feira figuran Ourense (Baronceli Agricultura Orgánica, Camoco Foods by Belgosuc , Sovoral Apicultura Orgánica e Cerveza Celebridade Galega Eco) e A Coruña (A Factoría Ecolóxica e Galuriña Empanadas de Algas).

DOUS ‘SHOW COOKINGS’. O chef monfortino Martín Mantilla será o encargado de conducir as dúas sesións de cociña en directo que organiza o Craega con motivo de Biocultura Madrid. O primeiro terá lugar o xoves 7 (15 h) na sala Show Cooking 1. Os asistentes poderán degustar castañas guisadas con chourizo e touciño entrefebrado de porco celta; arroz cremoso de vaca galega con aceite de Quiroga e mousse de queixo cocida con marmelo. Cun aforo de 60 persoas, a actividade está aberta a todos os públicos.

Para o venres 8 (16 h), Mantilla ten previsto preparar ceviche de vaca galega, arroz de grelos con mexillóns en escabeche e flan líquido de castañas. Terá lugar no mesmo espazo e as condicións de acceso son semellantes ás do primeiro día.

Reputado chef galego, formado nos fogóns da escola de hostalería da Fundación Belarmino Fernández Iglesias (Sober), Martín Mantilla foi xefe de cociña do restaurante O Grelo (Monforte de Lemos). Forte defensor da agricultura ecolóxica, está a preparar a apertura do seu propio establecemento en pleno corazón da Ribeira Sacra, no Concello de Sober.

35ª EDICIÓN DE BIOCULTURA MADRID. A que comeza mañá en Madrid é a feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable máis importante do conxunto do Estado. De periodicidade anual, prevé a participación de case 800 expositores e 74.500 visitantes. En paralelo, acolle un completo programa de 400 actividades para todos os públicos.

A 35ª edición de Biocultura Madrid é a sexta feira sectorial á que acode o Craega en 2019. O calendario deste exercicio abriuse o pasado febreiro en Biofach (Alemaña). Tamén no eido internacional, posteriormente tivo presenza en Natural & Organic Products Europe (Reino Unido) e en Tutto Food (Italia). Xa en territorio nacional, o Consello asistiu despois a Biocultura Barcelona e Organic Food Iberia.

Máis de 20 empresas eco apúntanse a Biocultura Madrid 2019

Biocultura Madrid 2018. Stand Craega
Stand do Craega en Biocultura Madrid 2018

Por cuarto ano consecutivo, o Craega estará en Biocultura Madrid. Considerada unha das feiras máis importantes do Estado, terá lugar entre o 7 e o 11 de novembro en Ifema. Con enorme interese para o sector, desta vez inscribíronse máis de 20 empresas certificadas.

Dirixida a profesionais e consumidores, a Asociación Vida Sana prevé a participación de 800 expositores e 74.500 visitantes. En paralelo, a organización preparou un intenso programa con máis de 400 actividades para que a 35ª edición de Biocultura Madrid sexa un éxito. O Craega promove dúas sesións de cociña en directo con produto ecolóxico certificado a cargo do chef monfortino Martín Mantilla. A primeira terá lugar o xoves 7 (15 h.) e a segunda o venres 8 (16 h.). Ámbalas dúas sesións se celebrarán na sala Show Cooking 1. 

O pavillón 10 de Ifema está reservado para máis de 18.000 referencias de produtos de alimentación ecolóxica. No recinto tamén haberá oco para produtos de hixiene e cosmética con ingredientes certificados. A moda sostible e todo o relacionado coa vivenda estará no pavillón 8.

No stand do Craega -o número 16- compartirán espazo 23 empresas: Biowak, Tés Paporroibo, Bodega Luz de Estrelas (Manuel Céspedes Rodríguez), Mieles Anta, Celtaverde, Algas La Patrona, Baronceli Agricultura Ecolóxica (Conservas do Támega), Cerveza Celebridade Galega (Cervexa Monte Rei), Jamones González, Producto de Aldea, Galician Brew, Galuriña, empanadas de algas, Gudi Eco Foods, BioAlacena (Mule System), Mirabel do Rosal / Alén do Val, The Bio Factory (A Factoría Ecolóxica), Sovoral Apicultura Orgánica, Camoco Foods By Belgosuc, Bubela Artesá, Cervexa Toupiña (Kalinka Lagazós), Palacio de Oriente (Conservas Antonio Alonso SA), Milhulloa, Dona Cobiña (Cobideza Sociedade Cooperativa) e Arqueixal.