Arquivos da etiqueta: CEIP O Bolo

O Craega leva outra vez a agricultura ecolóxica á escola

Charla sobre agricultura ecolóxica celebrada no CEIP Espedregada (Poio, Pontevedra) durante a edición 2018-2019 do programa Faite Eco do Lóxico. Foto: Craega

Mellorar os hábitos alimenticios do alumnado e concienciar sobre as vantaxes de consumir produtos ecolóxicos. Con ese obxectivo, o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) súmase por terceiro curso consecutivo ao Plan Proxecta. Iniciativa da Consellería de Educación, a través deste programa centros escolares de toda a comunidade terán ocasión de achegarse á realidade do sector bio grazas a diversas actividades deseñadas para escolares.

Faite Eco do Lóxico -nome da liña do Craega– pechou a edición anterior cunha cifra récord de 46 centros participantes. Aínda a pesar de que o tope se fixou en 30, a demanda superou todas as expectativas e admitíronse todas as solicitudes a fin de satisfacer as necesidades da comunidade educativa. Durante o período académico 2018-2019, impartíronse charlas sobre agricultura ecolóxica en centros escolares (Infantil, Primaria, ESO, Bacharaleto e FP) espallados por toda a comunidade.

Como colofón, convocouse un certame para premiar os traballos que os escolares desenvolveron con esta materia como pano de fondo. O CEIP Celso Currás (Trabada, Lugo) foi o gañador na categoría de Infantil, mentres que o CEIP O Bolo (O Bolo, Ourense) resultou galardoado no nivel de Primaria. O recoñecemento na convocatoria de Secundaria foi parar ao IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago, A Coruña).

O prazo para inscribirse na edición 2019-2020 do Plan Proxecta conclúe o 16 de outubro. A convocatoria está dirixida a centros de ensino non universitarios sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación. O Craega establece de novo un límite de 30 centros e volve a ofertar un amplo abano de actividades a desenvolver durante o segundo e o terceiro trimestre. O alumnado traballará os conceptos fundamentais da agricultura ecolóxica desde unha perspectiva lúdica. Ademais de charlas, haberá obradoiros, degustacións, xogos, visitas guiadas e un longo etcétera.

Faite Eco do Lóxico é unha das seis modalidades que integran Aliméntate Ben, unha liña do Plan Proxecta promovida polas consellerías do Mar, a de Medio Rural e a de Sanidade. Con esta iniciativa, a Administración pública quere plantar cara ao deterioro da calidade da oferta alimentaria no eido escolar a causa de razóns socioeconómicas de distinto tipo. O obxectivo é traballar a alimentación saudable de xeito integral dando a coñecer os produtos que compoñen o patrimonio alimentario e fomentando eleccións saudables a través do consumo responsable.

QUE É O PLAN PROXECTA? Desenvolvido desde a Consellería de Educación, o Plan Proxecta nace para fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas externos. Coa colaboración de diferentes organismos, o cometido non é outro que incentivar o traballo activo, cooperativo e en rede, tanto do alumnado como do profesorado. No curso escolar 2019-2020, ofértanse 44 programas educativos.

Máis información: www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta

Tres centros escolares de Trabada, O Bolo e Santiago gañan o concurso ‘Faite Eco do Lóxico’

Capturas dos vídeos do CEIP do Bolo (arriba) e do IES Xelmírez II (abaixo, esquerda) e imaxe da horta do Currás, o traballo dos escolares do CEIP Celso Currás.

A segunda edición do concurso Faite Eco do Lóxico xa ten gañadores. Convocado polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), os premios recaen desta vez no CEIP Celso Currás (Trabada, Lugo), o CEIP O Bolo (O Bolo, Ourense) e o IES Xelmírez II (Santiago, A Coruña). Baixo o título Por que elixir produtos ecolóxicos?, o certame nace co obxectivo de recoñecer o esforzo da comunidade educativa á hora de achegarse a este sector.

Na categoría de Infantil, o traballo elixido é o presentado polo CEIP Celso Currás. O xurado valora a minuciosidade da proposta do centro de Trabada, xa que os nenos elaboraron unha maqueta que reproduce un horto con plastilina e material de refugallo. Co lema Se san queres estar, os nosos produtos ecolóxicos debes probar, os cativos fixeron unha plantación con leitugas, tomates, cabazas e cenoria, entre outros.

O máximo galardón na categoría de Primaria foi parar ao CEIP O Bolo. Aos integrantes do comité de selección chamoulles a atención neste caso a orixinalidade do traballo, un vídeo no que os estudantes interpretan un rap para defender as vantaxes do produto ecolóxico fronte ao convencional. No transcurso da peza, o alumnado do colexio ourensán amosa o arco da vella saudable (con pratos equilibrados incluídos) e o horto do centro.

Xa por último, o galardón na categoría de Secundaria é para o IES Xelmírez II. Co título Consome ecolóxico, os alumnos do instituto compostelán relatan nun vídeo as características deste tipo de produto e o seu sistema de produción.

Os centros premiados recibirán unha cesta de produtos ecolóxicos certificados polo CRAEGA antes de que remate o período lectivo. O curso pasado o gañador foi o CEIP Plurilingüe de Lousada (Guntín, Lugo). 

CHARLAS EN CENTROS DE TODA GALICIA. O certame escolar pon o punto e final ao programa Faite Eco do Lóxico, un programa impulsado polo CRAEGA no marco do Plan Proxecta, iniciativa esta última que parte desde a Consellería de Educación. Dirixido a primaria, ESO, bacharelato e FP, na convocatoria do Consello inscribíronse 46 centros de toda Galicia. Para achegar a agricultura ecolóxica aos máis novos, impartíronse charlas, organízaronse degustacións e enviáronse xogos á maior parte dos centros participantes.

Faite Eco do Lóxico é unha acción promovida polo CRAEGA con axuda do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER)-Europa inviste no rural e a Xunta.

TRABALLOS PREMIADOS:

1. CEIP Celso Currás (Trabada, Lugo). Ver traballo

2. CEIP O Bolo (O Bolo, Ourense). Ver traballo

3. IES Xelmírez II (Santiago, A Coruña). Ver traballo