Arquivos da etiqueta: Biofach esPECIAL

A feira dixital Biofach congregou 13.800 participantes de todo o mundo

Craega na edición de Biofach 2020

A feira Biofach/Vianess Especial brindou unha gran variedade de contidos para os 13.800 participantes rexistrados en 136 países. O evento foi totalmente dixital e contou con 775 sesións do 17 ao 19 deste mes. As xornadas contaron con Congreso, presentación de expositores e mesas redondas nas que participaron 1.442 mostradores de todo o mundo.

O encontro dixital contou con 10.000 videoconferencias nas que os participantes interactuaron a un nivel “altamente profesional”. A sesión do Congreso titulado “O mercado ecolóxico alemán: feitos, cifras, análise 2021” logrou cifras récord en canto a participación, con máis de 700 asistentes.

Petra Wolf, membro do Consello de Administración de NürnbergMesse expuxo que “esta feira é un lugar para reunirse e interactuar tanto a nivel emocional como persoal, así como unha plataforma para os negocios e o coñecemento. Comprácenos que o formato dixital deste ano ofrecera unha alternativa compatible coa pandemia, e especialmente que todas as partes interesadas o aceptasen tan ben!”.

Centos de participantes mostraron o seu interese nas respectivas sesións do programa da feira. Houbo eventos que congregaron máis de 350 inscritos. Nas xornadas presentáronse as novas tendencias e produtos destacados. Nesta cita os elixidos de Biofach foron os seguintes: produtos de orixe vexetal, produtos baixos en azucre e sen azucre, alimentos con beneficios adicionais, sostibilidade e responsabilidade social. En canto a feira Vivaness foron: beleza sen auga, tempo para min e comodidade, beleza segura e beleza circular. Os participantes elixiron os seus favoritos entre os máis de medio millar presentados que optaban ao Premio ao Mellor Produto Novo.

Cabe destacar que a feira aínda estará dispoñible. Despois do 24 de febreiro, só se desactivarán as funcións de comunicación activas, pero a plataforma permanecerá no seu lugar durante seis meses máis como fonte de información.

As datas previstas para a vindeira edición son do 15 ao 18 de febreiro de 2022.

⇒Información completa 

⇒Fonte : Bio Eco Actual

O MAPA promove os alimentos ecolóxicos españois na 1ª feira virtual de Biofach

O Craega participou en Biofach 2020 co lema “Somos Semente” 

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) participa de novo na 32.ª edición da Feira Biofach (17-19 de febreiro), considerada coma o principal encontro mundial dos alimentos ecolóxicos, onde promoverá estes días a calidade e variedade dos Alimentos de España, a través das campañas Spain Food Nation e #alimentosdespaña. 

BIOFACH SÚMASE AO FORMATO EN LIÑA

A Feira Biofach ofrece unha panorámica completa da actividade ecolóxica, desde a produción até a súa transformación, comercialización e investigación. Debido á pandemia, Biofach non puido celebrarse este ano na cidade alemá de Nürenberg como en edicións anteriores, senón que se está a desenvolver de maneira virtual, do 17 ao 19 de febreiro, de maneira conxunta con Vivaness, a feira internacional de coidado persoal natural e orgánico.

No acceso que ten o ministerio como expositor nesta edición virtual, porase a disposición dos visitantes documentos e vídeos con contidos relativos ao sector ecolóxico de España. Así mesmo, antes do inicio dos diversos relatorios, encontros e mesas redondas organizadas por Biofach, emitirase un vídeo con información sobre a produción ecolóxica española.

 ESPAÑA, LÍDER DA UE NO SECTOR ECO

Con esta participación, o MAPA apoia un sector en constante crecemento e de grande importancia económica, social e ambiental para o noso país. España é líder da Unión Europea e cuarto país do mundo en superficie de produción ecolóxica, cunha oferta de gran calidade e variedade, froito da diversidade de climas, chans e prácticas culturais, así como dunha industria transformadora en constante evolución e crecemento, que integra innovación e tradición.

A crecente demanda de produtos ecolóxicos por parte dos consumidores europeos, así como a afluencia a Biofach de operadores comerciais de todo o mundo, constitúen unha excelente oportunidade para os produtos orgánicos españois.

CIFRAS DA FEIRA EN 2020

Na última edición, un total de 3.792 expositores procedentes de 110 países mostráronlles os seus produtos aos máis de 47.000 visitantes profesionais de 136 países, que acudiron a esta feira a coñecer os novos desenvolvementos, tendencias e innovacións que alí se presentaron.

Máis información: www.biofach.de/en

Biofach e Vivaness 2021, ‘on line’ do 17 ao 19 de febreiro

Stand do Craega en Biofach 2020 | Foto: Craega

Xa queda menos para a celebración de Biofach/Vivaness, a feira líder mundial do sector orgánico que cada ano ten lugar na cidade xermánica de Nuremberg. Este ano, en resposta ao complexo escenario derivado da pandemia, a entidade organizadora, NürnbergMesse, decidiu organizala en formato dixital. Con todo, o evento continuará co seu habitual tecido de ofertas, que inclúe as presentacións dos expositores e das diversas oportunidades para a creación de redes e encontros virtuais, eSPECIAL, así como un nutrido programa de actividades. O tema principal desta edición é “darlle forma á transformación. Máis forte. Xuntos”.

Información completa