Arquivos da etiqueta: #Barbanza

Brión acollerá dous cursos sobre sementes hortícolas locais das comarcas de Santiago e Barbanza

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza dous cursos sobre sementes hortícolas locais no municipio coruñés de Brión, en concreto terán lugar na Aula da Terra do centro comercial Monte Balado; un deles comeza  o vindeiro 24 de maio e o segundo, ao día seguinte, cunha duración en ambos os casos de 60 horas lectivas en total. 

Estas sesións formativas están dirixidas a calquera persoa vinculada cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozas e mozos do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

O obxectivo é dar a coñecer as variedades das comarcas de Santiago e Barbanza, e trataranse outros temas como a correcta plantación en invernadoiros ou fincas ao aire libre, así como tratamentos ecolóxicos preventivos ou a rotación de cultivos.

Para asistir cómpre cubrir o formulario e envialo ao correo electrónico cursos.agacal.sergude@xunta.gal.