Arquivos da etiqueta: ayudas

As comunidades da cornixa cantábrica reclaman ao Goberno central que teña en conta as súas peculiaridades na aplicación da futura PAC

As comunidades autónomas da cornixa cantábrica (Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco) coinciden en reclamar ao Goberno central que teña en conta as súas peculiaridades no deseño e a aplicación da futura PAC 2023-2027.

Os conselleiros de Medio Rural destes catro territorios subscribiron o pasado martes 19 de xaneiro por vía telemática un documento conxunto coa súa postura común ao respecto. Así, o texto foi asinado por José González, conselleiro de Medio Rural de Galicia; Alejandro Calvo, consejero de Medio Rural y Cohesión Territorial de Asturias; Guillermo Blanco, consejero de Desarrollo Rural, Ganadería, Pesca, Alimentación y Medio Ambiente de Cantabria, e Arantxa Tapia, consejera de Desarrollo Económico, Sostenibilidad y Medio Ambiente do País Vasco.

Os territorios que conforman a cornixa cantábrica teñen en común unhas características peculiares, como as súas explotacións, que na maioría dos casos teñen un tamaño pequeno ou mediano e un carácter profesional, pero eminentemente familiar. Explicaron, ademais, que a súa orientación produtiva ten que ver sobre todo con sectores gandeiros coma o lácteo, algo que as diferencia doutras zonas de España. Por iso, as catro comunidades defenden que o Plan Estratéxico nacional da PAC se apoie e recoñeza ese modelo de explotación familiar agraria sustentable do norte de España.

Neste contexto, as autonomías cantábricas esixen a Madrid —desde unha posición “construtiva e leal”— que teña en conta esas peculiaridades e amosan a súa preocupación pola orientación “mediterránea” que semella estar adoptando o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación á hora de trasladar ao ámbito nacional os postulados da nova PAC.

 

AXUDA BÁSICA Á RENDA

Así, por exemplo, indicaron que na axuda básica á renda dos agricultores e gandeiros é preciso ter en conta que as comunidades do Cantábrico teñen unha porcentaxe de superficie con dereitos de pago moi inferior á media española. Este desequilibrio debe corrixirse como paso previo a unha eventual transición cara un sistema de pago por superficie. A maiores, no documento considérase “inaceptable” que se propoña a incorporación das superficies de viñedo, froitas e hortalizas —ata agora excluídas e nas que a zona mediterránea resulta claramente beneficiada—, e ao mesmo tempo se dificulte a entrada de superficies doutros usos ou sistemas produtivos (como os pastos arbustivos).

Por outra banda, os conselleiros trasladaron que, no deseño das axudas á renda, é imprescindible que se reflictan, a nivel de toda España, as diferentes realidades existentes, no plano agronómico e socioeconómico. Así, engadiron, deben terse en conta tanto as diferenzas existentes entre as dimensións económicas das distintas explotacións como aquelas que se dan entre as diversas orientacións produtivas dos diferentes territorios.

Con respecto ás axudas acopladas (asociadas aos diferentes sectores), para estas comunidades, segundo explicou González, é prioritario que se manteñan para os sectores de vacún de leite, de carne e ovino-caprino cunha dotación polo menos similar ao período 2014-2020.

Sobre o capping ou límite de axudas, o documento conxunto insiste na necesidade de establecelo nos 60.000 euros por explotación e ademais amosan a súa preocupación porque estes mecanismos pasan a ser voluntarios para os países e non de obrigado cumprimento.

 

AGRICULTOR XENUÍNO

En relación coa definición de agricultor xenuíno, avógase por establecer unha porcentaxe mínima, que se propón do 30 %, dos ingresos agrarios sobre os totais, excepto para os afiliados á Seguridade Social como traballadores por conta propia no sector agrario. Advírtese, ademais, como inadecuada a proposta do MAPA de incluír a aquelas persoas que perciben menos dun certo volume de axudas directas, con independencia dese peso dos ingresos na súa renda. Isto, dise no texto acordado, “desnaturaliza a propia definición de agricultor xenuíno”.

No que atinxe ao pago redistributivo, as catro comunidades amosan o seu desacordo con que a súa aplicación deixe de ser obrigatoria para facerse voluntaria e reclaman un orzamento “ambicioso”, cun maior pago ás primeiras hectáreas, para beneficiar ás pequenas explotacións, a aquelas cunha dependencia significativa dos ingresos agrarios e sempre dando prioridade aos agricultores profesionais.

ECOESQUEMAS

Sobre os ecoesquemas, unha nova liña de axudas comunitarias que priman a sustentabilidade ambiental, as comunidades cantábricas apoian que se destine a estas axudas o 20 % do montante dispoñible para pagos directos. Porén, lamentan que os ecoesquemas propostos polo MAPA aborden problemáticas e realidades produtivas características, principalmente, do centro e sur peninsulares, quedando a España húmida moito máis desatendida. Por iso, demandan, entre outras cuestións, a modificación das propostas do Ministerio e engadir outros ecoesquemas adicionais, para atender a súa realidade. A maiores, defenden introducir, de modo transversal, melloras como a de aplicar un complemento vinculado á prevención de incendios ou a de incorporar unha modulación da axuda por estratos de tamaño.

Por último, sobre o segundo piar da PAC (desenvolvemento rural), a reclamación das autonomías cantábricas pasa por un incremento das asignacións dos fondos europeos de polo menos o 5 % para elas, tendo en conta as súas necesidades. Ademais, con respecto ao cofinanciamento, demandan que se recupere o equilibrio entre as achegas da Administración central e das comunidades autónomas que se rompeu no período 2014-2020 e consideran que o deseño das intervencións deste segundo piar debe ser realizado por cada comunidade autónoma, en función da realidade e necesidades específicas do seu medio rural.

A UE amplía ata o 15 de xuño a solicitude da PAC

A Comisión Europea vén de ampliar a solicitude das axudas da Política Agrícola Común (PAC) ata o 15 de xuño. Nun principio, o prazo expiraba o 30 de abril e o Goberno español decidiu prorrogalo ata o 15 de maio a causa da crise do coronavirus. Ademais, desde o Ministerio de Agricultura solicitouse a Bruxelas que estendera un mes máis o calendario para xestionar as subvencións, petición que finalmente foi aceptada. 

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), en colaboración coas comunidades autónomas, fomentará a presentación telemática da solicitude única e favorecerá as distintas alternativas que permitan aproveitar ao máximo estos mecanismos. 

ENLACE AXUDA:  https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200218/AnuncioG0426-120220-0001_gl.html

AMPLIACIÓN DA UE: https://eur-lex.europa.eu/legal-content/ES/TXT/PDF/?uri=CELEX:32020R0501&from=ES

PRAZO: 15/06/2020

Aberto o prazo para solicitar as axudas da PAC

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde da Consellería de Medio Rural que regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandería e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control (coñecidas como PAC). Os interesados poderán presentar de forma telemática a solicitude única, desde hoxe e ata o vindeiro 30 de abril

O orzamento previsto para esta convocatoria elévase aos 216 millóns de euros, dos cales 170 millóns corresponden aos pagamentos directos da PAC e máis de 46 millóns de euros a medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas).

Prevese que uns 27.000 agricultores e gandeiros soliciten estas achegas, que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria e que son de gran interese para o sector primario.

A Consellería do Medio Rural traballa con máis de 50 entidades colaboradoras para prestar apoio ás persoas interesadas nestas achegas, como son as entidades bancarias, asociacións agrarias, organizacións profesionais e as entidades de aconsellamento.

ENLACE AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200218/AnuncioG0426-120220-0001_gl.html

PRAZO: 30/04/2020 

Axudas para prevención e indemnización de danos da fauna salvaxe

Xa se poden solicitar as axudas para previr os danos da fauna salvaxe e tamén consultar as bases para pedir indemnizacións cando se produzan. Segundo a convocatoria da Consellería de Medio Ambiente, existen as seguintes liñas: 

1. Prevención de danos ocasionados polo lobo e o xabaril. Das subvencións poderán beneficiarse as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega). Haberá axudas para adquirir cans para a protección do gando, pastores eléctricos, cerrumes móbiles de malla electrificada, valados fixos electrificados, valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica. 

ENLACE AXUDA:  https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200207/AnuncioG0532-201219-0002_gl.html

PRAZO: 09/03/2020

2. Indemnizacións por danos do lobo. A estas axudas poden acollerse persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras con cobertura para danos de cabezas de vacún, ovino, caprino, porco celta, cabalos, burros e mulas. Cunha partida de 400.000 €, o importe das subvencións é un 30% maior en 75 municipios nos que hai constancia de maior incidencia dos danos.  

ENLACE AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200207/AnuncioG0532-201219-0004_gl.html

PRAZO: 1 mes desde a comunicación do ataque. Para os danos producidos desde o 1 de outubro de 2019 ata o 7 de febreiro, remata o 9 de marzo.

3. Indemnización por danos do xabaril. A convocatoria está dirixida a explotacións agrarias profesionais que figuren no Reaga e de autoconsumo. Cun importe de 2,4 millóns de euros, cada beneficiario pode recibir un máximo de 1.700 euros. 

ENLACE AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200207/AnuncioG0532-231219-0006_gl.html

PRAZO: O afectado dispón dun prazo de 72 horas para comunicar o dano ao teléfono 012 desde que se produce. Despois ten un mes de prazo para presentar a solicitude de indemnización. Para os que notificaran o dano desde o 11 de outubro ata o 7 de febreiro, o prazo para tramitar a petición de axuda conclúe o 9 de marzo.

Subvencións para o uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo

A Consellería do Medio Rural vén de convocar un paquete de axudas para fomentar o uso da maquinaria agrícola en réxime asociativo. Cun importe de 2,5 millóns de euros, as achegas están cofinanciadas por fondos europeos. 

Das subvencións poderán beneficiarse as cooperativas agrarias, as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), as cooperativas de explotación comunitaria da terra ou as sociedades agrarias de transformación. 

Con esta inxección, a Xunta procura fomentar o uso de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, impulsar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego e racionalizar os custos de mecanización. Outros obxectivos pasan por incrementar os mecanismos de seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e promover o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no rural galego. 

As axudas apoian, en concreto, os custos de adquisición de maquinaria agrícola e os estudos técnicos-económicos de viabilidade daquelas entidades asociativas do sector agrario que queiran dar servizo aos seus socios a través deste sistema que permite compartir a maquinaria. 

O importe das subvencións será do 35% dos custos, unha porcentaxe que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios que priman a localización da entidade en zonas con limitacións naturais e o feito de que o beneficiario proceda dunha fusión de cooperativas. 

ENLACE AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200206/AnuncioG0426-201219-0004_gl.html

PRAZO: 06/03/2020

Axudas para a promoción exterior das empresas galegas

O Instituto Galego de Promoción Económica vén de convocar as axudas para a promoción exterior de empresas galegas (Galicia Exporta Empresas). Das subvencións poderán beneficiarse as compañías que cumpran os seguintes requisitos: pemes; que teñan algún centro de traballo radicado na comunidade; que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización e que estean ao día nas obrigas tributarias. 

Cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, as axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e pretenden incentivar a realización de accións de promoción no exterior. Para 2020, o importe dispoñible para esta convocatoria ascende a 1,2 millones de euros. No exercicio seguinte o importe chega aos 5,8 millóns. 

LIGAZÓN AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200129/AnuncioO92-090120-0003_gl.html

PRAZO: 30/03/2020 (prorrogado pola COVID-19)

Axudas para apoiar investimentos nas explotacións agrícolas de produción vexetal

O martes 30 de xullo de 2019 foi publicado no DOG núm. 143 – Consellería do Medio Rural  a orde do 12 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal. Están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, e convócanse para o ano 2019 (código de procedemento MR419A). Consulta a orde completa aquí

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal. Enmárcanse no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 dentro da medida 4: investimentos en activos físicos, submedida 4.1; apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas …

O importe das axudas será do 30% dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios: agricultores mozos, investimentos colectivos, investimentos en zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas. No caso de investimentos en agricultura ecolóxica o incremento é de un 10%.

O prazo para a presentación é dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Descargar a orde en PDF.

Axudas para fomentar o uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo


O luns 13 de maio de 2019 publicouse no DOG (núm. 90 – Consellería do Medio Rural) a orde do 30 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización da maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do (PDR) de Galicia 2014-2020, e convócanse para o ano 2019 (código de procedemento MR351A). Pode consultar o anuncio nesta ligazón.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas en réxime de concorrencia competitiva para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, dentro da medida 4 (investimentos en activos físicos), submedida 4.11 (apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas), procedemento MR351A, así como convocalas para o ano 2019.

Poderán beneficiarse destas axudas as cooperativas agrarias, as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), as cooperativas de explotación comunitaria da terra ou as sociedades agrarias de transformación. Para iso, serán subvencionables os seguintes investimentos:

  • Maquinaria agrícola.
  • Estudos técnico-económicos de viabilidade.

Non se subvencionarán:

  • A mera reposición ou adquisición de maquinaria de segunda man ou usada.
  • Non se considerarán subvencionables o IVE e outros impostos.
  • Os investimentos e maquinaria ou equipamentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais nin as máquinas de escaso significado para os efectos do conxunto dos socios da agrupación.
  • A maquinaria e os equipamentos de de carácter forestal.
  • Recolectoras de forraxes cun uso previsto menor de 500 horas anuais.
  • Maquinaria de aplicación de xurros mediante sistema de prato, abanico ou canóns.

O prazo para presentar solicitudes é dun mes desde o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Catro empresas do CRAEGA participan na NOPE de Londres

NOPE LONDON-CRAEGA
O pasado ano achegáronse ata a NOPE de Londres 10.500 visitantes (Foto: NOPE)

O sector eco galego saca músculo unha vez máis no mercado exterior e esta mesma fin de semana súmase a unha das feiras verdes máis importantes do Reino Unido. Por segundo ano consecutivo, o CRAEGA participa na Natural & Organic Products Europe (NOPE). A celebrar entre o 7 e o 8 de abril no Excel London, desta vez estará representado por cinco empresas: Mieles Anta (coa súa marca Toca Honey), Pazo de Lusío, Producto de Aldea Galletas Daveiga. Compartirán un stand de 24 metros cadrados. Parte das empresas desenvolven esta acción co apoio do Igape, a Xunta, a UE e a marca turística de Galicia.De carácter profesional, a NOPE serve de punto de encontro a tendas independentes, maioristas e distribuidores de produtos saudables, supermercados e compradores de todo o mundo. Segundo as previsións da organización, ata o recinto achegaranse 700 expositores de ata 48 países. O ano pasado pechou cun balance de 10.500 visitantes

O CRAEGA despediu 2018 cunha facturación récord de 78,7 millóns de euros, un 33,2% máis que o exercicio anterior. Arredor da metade do produto certificado véndese fóra de Galicia. Desta porcentaxe, entre o 20% e o 30% comercialízase no mercado internacional.

Axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade

Os agricultores que se adican á produción vexetal poden beneficiarse deste paquete de axudas

O venres 15 de febreiro de 2019 foi publicado no DOG (núm. 33 – Axencia Galega da Calidade Alimentaria) a resolución do 28 de xaneiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e convócanse para o ano 2019 (código de procedemento MR362/A). A orde pódese consultar neste enlace

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, así como proceder a súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2019. Segundo especifica a orde, a alta no réxime de calidade ten que ser posterior ao 18 de novembro de 2015.

Artigo 4. Gastos subvencionables e contía das axudas:
1.- Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade e a cota anual de participación no dito réxime, incluídos de ser o caso, os custos dos controis necesarios para comprobar o cumprimento do prego de condicións do réxime.

2.- A contía das axudas será do 100% dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 € anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.

3.- Non se tramitaran expedientes cuxa contía non supere os 50 €.

O prazo para a presentación das solicitudes comenzará o 16 de febreiro e rematará o 15 de maio de 2019Para a convocatoria de 2019, serán atendibles os gastos imputados á campaña que comprende o período que vai do 1 de maio 2018 ata o 30 de abril de 2019.