Arquivos da etiqueta: agroecología

Xornada técnica sobre pataca ecolóxica en Rairiz de Veiga

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) celebra o vindeiro outubro unha xornada técnica sobre a produción ecolóxica de pataca. Terá lugar o luns 7 e o martes 8 (de 08.30 a 20.30 horas) no CEIP Carlos Cid Arregui, en Rairiz de Veiga (Ourense).

O programa está dirixido a agricultores e produtores e pataca, profesionais do medio rural dados de alta na súa actividade, agricultores en xeral, empresas vinculadas á produción (ecolóxica ou non) do tubérculo, e outros actores implicados neste tipo de cultivo.

O enxeñeiro agrónomo e especialista en Agroecoloxía Axel Torrejón Pineda impartirá o groso dos relatorios. Estará acompañado de Ramón Jesús Lamelo Otero, da Agacal, e Manuel García, de Daiquí, unha cooperativa certificada polo Craega. Para inscribirse, só hai que cubrir este formulario e envialo por correo electrónico a craega@craega.es antes do 03/10/2019. Tamén se pode remitir por fax ao número 982 416 030 ou anotarse por teléfono chamando ao 982 405 300. Neste último caso, o impreso entregarase o día da xornada.

Programa completo e formulario

O Craega apoia o documento da SEAE ‘Evidencias científicas da produción ecolóxica’

A agricultura ecolóxica é máis respectuosa co medio ambiente? É o modelo actual de produción de alimentos sostible? Son os alimentos ecolóxicos máis saudables? … Estas son algunhas das preguntas formuladas con máis frecuencia cando se fala sobre produción ecolóxica. As respostas non sempre resultan as máis axustadas á realidade. Por iso, a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) elaborou un documento recompilatorio que recolle estudos e investigacións sobre as principais contribucións da produción ecolóxica a tres ámbitos: ao medio ambiente, á saúde das persoas e calidade dos alimentos, e a unha sociedade máis xusta e equitativa.

O Craega, xunto cun cento de organizacións representativas do sector, vén de adherirse a este documento clave para a agricultura ecolóxica.

O artigo baséase, principalmente, en meta-análises publicadas durante os últimos 15 anos. Presenta unha relación de argumentos científicos que poden servir como unha ferramenta para contrarrestar mensaxes tendenciosas (ou directamente falsas) en contra da produción ecolóxica. “Trátase de que calquera persoa ou colectivo, relacionado directa ou indirectamente coa produción ecolóxica, dispoña de argumentos que evidencian cientificamente as aportacións ambientais, sociais e a saúde da produción ecolóxica”, comentan desde a SEAE.

Ademais do Craega, tamén apoian este documento os consellos reguladores de Murcia, Cataluña, Valencia, Castela e León e Baleares. Tamén se sumaron Intereco, a Asociación Vida Sana, Greenpeace, Ecologistas en Acción, Del campo al cole e un longo etcétera.