fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O coronavirus muda o calendario de feiras ecolóxicas

A pandemia do coronavirus obrigou a cancelar ou pospoñer moitas feiras e encontros de interese para os operadores ecolóxicos, en particular os que estaban programados para o primeiro semestre do ano. Repasamos por orde cronolóxica aqueles nas que ten previsto participar o Craega, ben con estand agrupado ou a través de colaboracións institucionais:

  • Salón Gourmets. Prevista en Ifema (Madrid) do 30 de marzo ao 2 de abril, retrasa a súa celebración a 2021, do 21 ao 24 de xuño. Evento europeo máis importante dedicado en exclusiva a produtos delicatessen, o Craega ía celebrar unha degustación de produto ecolóxico no marco da programación desenvolvida pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).
  • Alimentaria 2020. De carácter bienal, o salón profesional ía ter lugar do 20 ao 23 de abril en Fira Barcelona, pero a organización decidiu pospoñela primeiro ao 14-17 de setembro e posteriormente a maio de 2021. Varias empresas certificadas polo Craega teñen comprometida a súa participación no espazo que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación reserva á produción ecolóxica. 
  • Organic Food Iberia. Tamén dirixida ao público profesional, estaba programada para o 3-4 de xuño en Ifema (Madrid). A raíz do estado de alarma, nun primeiro momento Diversified Communications trasladou a convocatoria a setembro, pero finalmente avogou por cancelar a edición deste ano e fixar a próxima cita entre o 9 e o 10 de xuño de 2021. O Consello tiña previsto acudir cun estand agrupado.
  • Biocultura Barcelona. A Asociación Vida Sana decidiu aprazar a cita a 2021. Convocada do 7 ao 10 de maio no Palau Sant Jordi, nun primeiro momento pospúxose a setembro. Pero finalmente a situación derivada da COVID-19 levou á organización a cancelar a edición deste ano. O Craega tiña previsto participar cun estand agrupado no que se inscribiran 10 operadores certificados.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.