NOPE de Londres: o sector eco galego bota raíces no exterior

Empresas participantes no stand que montou o Craega na NOPE 2019

O sector ecolóxico galego bota raíces no mercado internacional. Despois de dous intensos días na Natural & Organic Products Europe (NOPE), o produto que certifica o Craega amplía as súas oportunidades de negocio no exterior. Ata o stand que o Consello habilitou no Excel London entre o 7 e o 8 de abril achegáronse moitos profesionais interesados en comercializar o produto dos cinco expositores. Todos os participantes na feira -Toca Honey (Mieles Anta), Pazo de Lusío, Producto de Aldea, Galletas Daveiga e Porto-Muíños- aproveitaron para reforzar as súas relacións internacionais e establecer novos contactos comerciais, cuxos froitos se verán materializados probablemente ao longo dos vindeiros meses. O espazo –de 24 m²- tamén contou con visitas institucionais de representantes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación no Reino Unido e do ICEX.

É a segunda vez que o Craega se suma á NOPE, unha das feiras ecolóxicas máis importantes na axenda británica. Parte das empresas desenvolveron esta acción co apoio do Igape, a Xunta, a UE e a marca turística de Galicia. Segundo a organización, no encontro inscribíronse 700 expositores de ata 48 países. A previsión era pechar cun balance de 10.500 visitantes.

PRÓXIMAS CITAS. O eco galego ten a súa vindeira cita en Milán. Baixo o paraguas da Consellería do Mar, o Craega levará o produto de nove operadores certificados a Tuttofood 2019, unha feira internacional B2B de alimentos e bebidas que cada dous anos organiza Fiera Milano. A celebrar entre o seis e o nove de maio, en Italia estarán HQSeawed, Jamones González, Casa Castelao, El Molino de Isabel, Gudi Eco Foods (Eco Bracan), Cervexa Celebridade Galega (Cervexa Monte Rei), Palacio de Oriente, Mieles Anta e Porto-Muíños.