Corga Brancellao, medalla de ouro na categoría de viños ecolóxicos de VinEspaña 2021

Benigno Pereira é o propietario da adega Pereimos 2007

O prestixioso concurso nacional organizado pola Federación Española de Enoloxía, VinEspaña 2021, celebrou a súa terceira edición en Almendralejo (Estremadura). No certame, varios viños brancos e tamén tintos galegos conseguiron alzarse con 10 Grandes Ouros, a máxima distinción; en concreto foron seis brancos, tres tintos e un na categoría de viños elaborados con variedades de uvas minoritarias. Cabe destacar na categoría de viños ecolóxicos, a Corga Brancellao Ecolóxico 2020, elaborado pola bodega Pereimos 2007 SL na DOP Ribeira, certificada polo Consello dende 2014, que acadou unha das medallas de ouro.

Hai case un ano, o propietario da adega, Benigno Pereira Ramos, falou para o Craega e salientaba do Corga Brancellao que “é unha aposta arriscada porque non moitas adegas vinifican esta variedade por si soa. Que nós saibamos, é a primeira vez que sae ao mercado. Para empezar, o que pretendiamos era amosar o brancellao con toda a súa naturalidade. Trátase dun tipo de uva moi especial, autóctona de Galicia, e cunha extensión de cultivo minoritaria”. En canto á produción de viño en ecolóxico indicaba que o seu obxectivo é “respectar os principios da agricultura ecolóxica; poida que sacrifiquemos cantidade de produción, pero non entendemos outro xeito de traballar a terra. Vainos no ADN. Ademais, no caso do val do Bibei, podemos facelo así. Temos outras variedades sen certificación e están sometidas exactamente ao mesmo sistema de produción. Pero como as fincas non son da nosa propiedade, non teñen o selo”.

GUÍA ROBERT PARKER

En case sete anos de andaina, a adega Pereimos 2007 conseguiu que varios dos seus viños figuren en The Wine Advocate, revista que publica cada dous meses o prestixioso crítico estadounidense Robert Parker. “Figurar na guía Parker lévate á primeira liga dos viños a nivel mundial e ábreche moitas portas. Para calquera importador ou distribuidor, atoparte nesta publicación supón unha garantía. En todo caso, nós queremos seguir sendo humildes e que o noso produto sexa asequible”, afirmaba Pereira na entrevista para o Craega.

Todos os premios