PREGUNTAS FRECUENTES

1-Que produtos se poden certificar?

Pódense certificar aqueles produtos definidos na normativa europea sobre produción ecolóxica  que son: produtos agrarios de orixe animal ou vexetal non transformados; produtos agrarios de orixe animal ou vexetal transformados destinados a ser utilizados para a alimentación humana; pensos; material de reprodución vexetativa e sementes para cultivo; fermentos destinados ao consumo humano ou animal; produtos da acuicultura ecolóxica (peixes, algas e moluscos). A normativa aplícase ás actividades en calquera etapa da produción, preparación e distribución relativas aos produtos para os cales se solicita a certificación. Quedando fóra da certificación os produtos provenientes da pesca extractiva e da caza.

2- Que documentos debo presentar?

Debe presentar a Solicitude de Certificación. Este modelo pode cubrirse na nosa web ou solicitalo poñéndose en contacto connosco. Ademais deberanse cumprimentar aqueles Anexos que estean referidos ao tipo de actividade que se quere certificar. A medida que cumprimente a Solicitude de Certificación e o Anexo correspondente á súa produción iráselle requirindo que achegue para o seu envío copia de documentación necesaria.Se xurdise algunha dúbida á hora de cumprimentar póñase en contacto connosco no teléfono do CRAEGA.

3- Que custo ten a certificación?

O custo da certificación vén definido no anexo de taxas do regulamento de funcionamento e pode consultalo nesta web. O pago do custo do servizo deberá realizarse no momento da inscrición para que podamos iniciar o proceso de revisión. Son dous pago a realizar, a taxa de inscrición (81 €) e a taxa de certificación, que dependera do tamaño da súa explotación. Anualmente para continuar co servizo de certificación será necesario que realice o pago da renovación(70€) e o de certificación que novamente dependera do tamaño da explotación. Tamén semestralmente realizará o pago das exaccións de vendas no seu caso.

4- Cando se realiza a visita de inscrición e posteriores?

Revisada a solicitude, comprobando que a documentación é completa e realizando o pago da cota, enviaráselle un Plan de Auditoría onde se lle informa das datas aproximadas de visita e requiriráselle a documentación necesaria para o correcto desenvolvemento da auditoría. Posteriormente para realizar a visita chamaráselle para concretar o día e a hora exactos.
En anos posteriores como mínimo faráselle unha visita de seguimento anual, previo pago da cota de renovación, utilizando o mesmo método: envío do Plan de Auditoría e posterior aviso para concretar o día e hora.

5-En que consiste a visita do auditor?

O auditor acudirá á dirección da explotación obxecto da auditoría e comprobará o proceso de produción, avaliará o sistema utilizado polo cliente para asegurar o cumprimento dos requisitos, realizará unha inspección visual dos medios de produción, e nos casos nos que considere necesario, realizará unha toma de mostras. Como constancia da auditoría asinarase un acta da cal lle será entregada unha copia ao cliente. Finalmente enviaráselle un informe onde se lle comunican as non conformidades e o resultado das mostras tomadas.

6-Que ocorre se o auditor atopa algunha non conformidade?

Se o auditor detecta algunha non conformidade significa que debe mellorar algún apartado do seu sistema de autocontrol ou do seu sistema de produción. Débese dar un tratamento correcto á non conformidade, para o que debe atopar a causa que provocou a aparición do problema; seguidamente localizar que parte do seu sistema de autocontrol e/ou do seu sistema de produción, viuse afectado; e por último propoñer unhas medidas que sexan eficaces para corrixir o problema nun prazo de tempo determinado. Todo isto debe estar reflectido no modelo de Plan de Accións, tendo en canta que é moi importante entregalo ao CRAEGA en prazo.

7- Que ocorre coa mostra que toma o auditor?

Teña en conta que non sempre é necesario realizar toma de mostras. Con carácter xeral, as mostras tómanse cando vai obter a súa certificación ou, cando hai unha sospeita ou risco de contaminación da produción ou por un seguimento ao azar. No caso de que o auditor tome unha mostra na súa parcela ou industria, esta enviarase a un laboratorio acreditado por ENAC na 17.025, como máxima garantía na realización da análise. Cando se reciba o resultado reflectirase no informe que se lle envía. Se a análise detectase a presenza de residuos de produtos prohibidos, abriríase unha non conformidade, á cal tería que dar tratamento.

8- Que proceso segue tras a auditoría inicial ou de ampliación?

O auditor entrega o informe final de auditoría e o resto da documentación do seu expediente ao Director Técnico quen os prepara para o Comité de Certificación.
O Comité de Certificación é o órgano que decide e emite unha decisión sobre a certificación. As decisións poden ser favorables (para conceder e/ou manter o certificado), ou desfavorables (para denegar/retirar o certificado) a decisión deste Comité de Certificación élle comunicada mediante resolución asinada polo Presidente do CRAEGA.

9- En que consiste o período de conversión?

A normativa de agricultura ecolóxica establece para distintos tipos de produción un período de conversión diferente. No período de conversión o Cliente pode vender o produto sen referencias á agricultura ecolóxica. Tan só na produción vexetal pódese vender o produto coa denominación á conversión á agricultura ecolóxica sempre que transcorrese o primeiro ano de conversión.

10-Cando se emite o certificado e que validez ten?

En caso de decisión favorable emitirase o correspondente Certificado para vender os seus produtos, e sempre que se cumpriron os requisitos referidos aos períodos de conversión. Terá o seu certificado coa categoría que corresponda: Agricultura ecolóxica, ou en Conversión. O Certificado terá unha data de validez.
Unha vez emitido o certificado, este irase renovando antes de que finalice a data de validez, e sempre que estea ao corrente dos pagos e os informes de visita sexan positivos.

11-Que debe facer se quere darse de baixa?

Debe enviar un escrito dirixido ao CRAEGA cos seus datos e asinado, onde se indique que quere darse de baixa nos rexistros do CRAEGA. Se posúe material de control é obrigatorio envialo ao CRAEGA.

12-Como podo realizar un cambio de titularidade?

Debe cubrir o formulario de cambio de titularidade, e achegar a documentación solicitada no devandito formulario.

13-Como podo ampliar os medios de produción?

Para realizar a ampliación dos medios de produción debe cubrir o modelo de solicitude de ampliación, e envialo ao CRAEGA xunto coa documentación requirida.
No caso dunha industria que queira ampliar os produtos debe enviar o formato da ficha de elaboración de produto e bosquexo de etiqueta/s a ampliar para a súa aprobación.

14-Que podo facer se non estou de acordo coa decisión do Comité de Certificación?

Deberá facernos chegar por escrito o motivo da súa desconformidade e procederemos a remitir confirmación da súa chegada. Trasladaremos esta reclamación ao Comité Consultivo para a toma de decisión. O resultado da mesma comunicarase ao cliente mediante Resolución asinada polo Presidente.

15-Que significa ter a certificación suspendida?

A suspensión da certificación implica que mentres que o Comité de Certificación non tome unha nova decisión sobre a certificación, o cliente non poderá utilizar o certificado, nin o material de control.

16-Como solicito o material de control?

Para solicitar o material de control debe ser posuidor do certificado de conformidade e cumprimentar correctamente a solicitude de material de control.

No caso de que o produto sexa etiquetaxe, lembrar que a etiqueta debe ser aprobada previamente polo CRAEGA.