fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A crema Orange Exotic de Lenatt Food acada 2 estrelas nos Premios Great Taste 2023 de Londres

Con motivo da concesión deste recoñecemento, de indubidable prestixio internacional, conversamos con Nanda Pérez, unha das persoas integrantes desta firma certificada co selo Craega, para que nos falase de Lennat Food e, sobre todo, para que nos contase por que decidiron presentar esta crema de cacao e laranxa a este concurso, que a partir de agora lucirá no seu tarro dúas estrelas, que a cualifican como “excepcional”.

 

Nanda Pérez, Leo Bellas e Caetana de Ramón están detrás de Lennat Food, un proxecto que naceu hai aproximadamente un ano. As súas cremas de froitos secos e cacahuete elabóranse no seu obradoiro artesanal con base en ingredientes de orixe ecolóxica, certificados polo Craega, pois as súas principais apostas son a calidade e o control total da trazabilidade.

Leo Bellas e Nanda Pérez, no seu stand de Biocultura A Coruña 2023

Segundo nos contou Nanda, mércanlles directamente aos produtores, a maioría en España, agás no caso de ingredientes coma o cacao, azucre integral de cana ou a canela, os cales, ao non producirse no país, os importan, pero sempre a través de plataformas de comercio xusto. Con todo, “agora mesmo estamos con produción a través doutros operadores do Craega para conseguir os propios froitos cultivados en Galicia, de modo que pecharemos o círculo ao 100 %”, relata esta produtora.

DÚAS ESTRELAS PARA O SEU PRODUTO MÁIS INTERNACIONAL

Co fin de dar un paso máis na súa traxectoria profesional, este ano decidiron presentarse aos premios Great Taste Awards que convoca anualmente a Guild of Fine Food Retailers de Londres e cuxo proceso comezou na primavera. En concreto, optaron coa súa crema Orange Exotic, que se prepara con cacao, abelás e laranxa, a cal xa a bautizaran en inglés porque “son cremas que nós xa elaborabamos hai anos para os nosos amigos ingleses”.

Nanda confesa que optaron ao premio “con ilusión e sen moitas expectativas, porque somos moi pequenos”, pero onte, 1 de agosto, levaron unha grande alegría ao recibir a noticia de que á súa crema lle foron concedidas 2 estrelas, o que a categoriza coma un “produto excepcional”.

CATA A CEGAS

Os Great Taste divídense en tres categorías, 1, 2 e 3 estrelas, que concede un xurado tras unha cata “a cegas” dos diversos produtos que concorren a estes prestixiosos galardóns, “os óscar da alimentación”, apunta Nanda, quen resalta con orgullo que o xurado definiu a súa crema como “deliciosa, sedosa e cremosa; moi ben elaborada, cunha gran forza e orixinalidade. Simplemente excepcional”.

“A crema foi descrita polo xurado como deliciosa, sedosa e cremosa, moi ben elaborada, cunha gran forza e orixinalidade. Simplemente excepcional”

Ao remate da nosa conversa, Nanda Pérez, que agradeceu o apoio da nosa entidade dende o nacemento da súa marca, confesa que esta categorización é moi importante para o repunte de Lennat, porque lle outorga un valor engadido, non só a este produto, que dende agora levará a pegatina de Great Taste, senón tamén a outro dos seus tarros estrela, a crema de cacahuete picante, que tamén comercializan dende hai meses nese país, o que, sen dúbida, lles fará aumentar considerablemente as súas vendas.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.