fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A Cooperativa A Carqueixa gaña o XXI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

José Antonio Díaz mostra o galardón acompañado de membros do xurado.

José Antonio Díaz mostra o galardón acompañado de membros do xurado

O presidente da sociedade, José Antonio Díaz, recolleu o galardón, dotado de 10.000 euros. Desde o xurado destacaron do gañador “o traballo feito ao longo destes anos, así como o salto á venda online

O auditorio da Casa do Saber (Lugo) acolleu a cerimonia do XXI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural que estivo presidida polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, acompañados pola vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Monsterrat Valcárcel Armesto. Os tres formaban parte do xurado xunto con Manuel Gómez-Franqueira, presidente do Grupo Coren, e María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC.

A vicerreitora foi a encargada de ler a resolución do xurado que lle outorgou o premio á Cooperativa A Carqueixa. O reitor da USC e o presidente de Aresa fixeron entrega da placa conmemorativa e os 10.000 euros, cos que está dotado o premio, ao presidente da cooperativa, José Antonio Díaz. López destacou do gañador “o traballo feito ao longo destes anos, así como o salto á venda online coa marca Sabor dos Ancares para adaptarse á nova realidade que vivimos tras esta pandemia”.

A Carqueixa está inscrita no Craega como produtor agrícola para a produción de froitos secos e cogomelos. Ten a súa orixe en 1994, ano no que se fundou para comercializar de forma conxunta os xatos e a compra de insumos, adquirir máis dimensión e conseguir que os produtores de carne de Cervantes fosen un sector máis forte e  unido.

CAMPAÑA AUDIOVISUAL ‘GANDERÍA HEROICA’

Dáse a circunstancia de que este premio lle chega á cooperativa cando o seu presidente e o cineasta Oliver Laxe, autor do aclamado filme O que arde, están a levar a cabo a presentación de nova campaña audiovisual para promover e difundir a que denominaron a “Gandería Heroica” dos Ancares. O proxecto darase a coñecer nas redes de O sabor dos Ancares, unha iniciativa de comercialización directa de tenreira galega suprema da cooperativa, situada na zona.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.