fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A agricultura ecolóxica conquistou o Festival de la Luz

Boimorto (A Coruña) acolleu esta última fin de semana de agosto unha nova edición do Festival de la Luz, no que o Craega estivo presente para dar a coñecer a súa campaña promocional co título “Únete ao Planeta Craega”. Así, centos de visitantes se interesaron pola actividade do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Tanto o sábado coma o domingo, compartiron expositor coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). Foron varias as iniciativas que se levaron a cabo e os asistentes do festival non dubidaron en achegarse ao stand para ser partícipes das mesmas e coñecer todos os detalles do noso plan C: compartir, consumir, cociñar… e coidar o planeta apostando por alimentos ecolóxicos certificados.

Durante os dous días celebráronse varias sesións que combinaban a elaboración dunha receita cunha charla divulgativa das experiencias de calidade e coa certificación dos alimentos ecolóxicos. As persoas interesadas en asistir tiñan que participar previamente nunha experiencia ben divulgativa, na que se lles propoñía un reto que consistía en acudir a tenda ofertada no propio stand e seleccionar os alimentos ecolóxicos correctos segundo a lista da compra que se lles fixese. Tamén, ao final do relatorio, facíanse preguntas sobre os temas tratados durante o mesmo e, as persoas que acertaran, recibían o seu agasallo.

Outras das actividades que se organizaron durante a fin de semana pasaban por xogos de memoria para os nenos, obradoiros de tatuaxe e maquillaxe coas DOP e IXP galegas e cata de produtos. Tamén se instalou unha tenda das experiencias de calidade, con compra online incluída. A afluencia de xente, de todas as xeracións, foi continua en todo momento.

A maiores, cabe resaltar que outros operadores de produción ecolóxica tamén decidiron achegarse ao festival co seu propio expositor, como Casa Grande de Xanceda ou Sovoral, unha empresa de mel xestionada por catro irmás e na que tamén traballan dous homes. Lucía Afonso é socia de Sovoral e asistiu ao festival xunto co seu marido, Óscar. Afonso afirmou que é o décimo ano que veñen ao Festival da Luz: “É moi familiar, vén xente de todas as xeracións e sempre quedamos satisfeitos. O número de asistentes é destacable”.

A produción en ecolóxico e os alimentos ecolóxicos certificados tiveron, por tanto, moi boa acollida durante este evento que se celebra cada verán. O número de persoas interesadas que compartiron as súas dúbidas e que amosaron interese foi moi amplo. Por tanto, o éxito foi innegable. Continuamos adiante co noso plan C.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.