O Craega acudiu a Biocultura A Coruña coa imaxe da campaña ‘Somos Semente’
Tres intensos días de feria aberta a todos os públicos e moi cerca da casa. O sector eco galego amosou na segunda edición de Biocultura A Coruña (28 e 29 de febreiro e 1 de marzo) a súa madurez e tivo ocasión de palpar o interese crecente do público local polos alimentos orgánicos. No estand agrupado do Craega, 21 expositores do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) achegaron as súas propostas a consumidores e profesionais procedentes de toda a comunidade.
Para a entidade que se ocupa de controlar e certificar o sector ecolóxico en Galicia, a feira permitiu aliñar no mesmo escaparate un amplo abano de produtos: mel, marmeladas, café, froita, algas, carne, embutidos, cervexa, xeados, pan ou viño. Baixo o paraugas do Consello, compartiron estand Camemorcol; Biowak; Jamones González; Mieles Anta; Bubela Artesá; Galuriña; The Bio Factory; Verín Biocoop; Galletas Daveiga; Cafés Saburido (Sabora); Celtaverde; Conservas do Támega; Maruxas de Nata; Producto de Aldea; Sovoral; Daiquí; Bodegas Corisca; Euro Andean Trading; Adegas Xangall; Mirabel do Rosal-Alén do Val; e Algamar.
Co apoio da Consellería de Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o Craega organizou diferentes actividades como show cooking, obradoiros infantís, catas e mesas redondas.
Organizada pola Asociación Vida Sana, Biocultura A Coruña logrou reunir a 150 expositores dedicados aos sectores da alimentación bio (con máis de 10.000 referencias), cosmética ecolóxica, moda sostible, casa sa, benestar e artesanía. A vindeira cita será en Barcelona do 7 ao 10 de maio. A feira despediuse cun balance superior aos 11.000 visitantes.
Participantes na primeira edición de BioCultura A Coruña 2018. Foto: Biocultura
O eco galego chega á segunda edición de BioCultura A Coruña en plena eclosión do sector. O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) é líder español en leite, carne avícola e acuicultura. A entidade certificadora na comunidade aterra na feira bio máis importante do Estado cunha elevada participación. Durante tres días, 21 operadores achegarán as súas propostas a profesionais e público xeral no stand agrupado do Craega. Así mesmo, o Consello terá especial protagonismo no programa de actividades e da súa man celebraranse catas, degustacións, obradoiros ou mesas redondas.
A feira abre as súas portas o vindeiro venres 28 de febreiro en EXPOCoruña (de 10 a 20 h.) con 150 expositores e unha previsión de asistencia de 13.000 persoas. O sábado 29 poderase visitar no mesmo horario e o domingo 1, de 10 a 19 h. O Craega terá un papel de peso. Baixo o seu paraugas, expoñerán os seus produtos 21 inscritos con diferentes liñas de produto: Camemorcol; Biowak; Jamones González; Mieles Anta; Bubela Artesá; Galuriña; The Bio Factory; Verín Biocoop; Galletas Daveiga; Cafés Saburido (Sabora); Celtaverde; Conservas do Támega; Maruxas de Nata; Producto de Aldea; Sovoral; Daiquí; Bodegas Corisca; Euro Andean Trading; Adegas Xangall; Mirabel do Rosal-Alén do Val; e Algamar.
O Consello tamén participa na feira co obxectivo de arroupar a todas as empresas certificadas e por iso habilitará un punto propio de información para explicar aos asistentes todo o que precisen sobre a agricultura ecolóxica. En 2018, a entidade pechou a súa memoria cun balance récord e rexistrou os mellores datos desde que botou a andar en 1997: 1.152 operadores, 33,736,44 hectáreas e 78,7 millóns de euros en volume de ventas certificadas.
PROGRAMA DE ACTIVIDADES. O Craega tamén cobra un protagonismo especial na axenda de actividades. En colaboración coa Asociación Vida Sana e a Xunta, pon o seu gran de area na programación con propostas para todos os públicos. Para comezar e xunto con Intereco, o Consello impartirá un obradoiro de etiquetado dirixido a consumidores (venres 28, 12.30 h). Ademais de explicar como se identifican os alimentos ecolóxicos, haberá unha pequena degustación cunha ampla gama de produtos certificados.
O chef monfortino Martín Mantilla poñerase detrás fogóns para dirixir un show cooking sobre cociña tradicional e produtos ecolóxicos. Haberá varias sesións: venres 28 (14 h e 17.30 h); sábado 29 (13 h e 16 h) e domingo 1 (13 h e 16 h). Outro dos pratos fortes será a cata sensorial de viños ecolóxicos (venres 28, 16 h). Intervirán Natalia Rodríguez, de Bodegas Corisca; e Luis Buitrón, presidente da Asociación Galega de Enólogos (AGE).
O domingo 1 están previstas dúas mesas redondas. Baixo o título Mulleres eco-emprendedoras, a primeira actividade (12 h) poñerá o foco nas producións do rural e contará coa participación de Begoña Troncoso Fernández (Adegas Xangall); Concha Blanco (gandeira de vacún de leite ecolóxico e membro do Sindicato Labrego Galego); Jessica Rey (responsable de Marketing de Casa Grande de Xanceda) e Rocío Freire (vicepresidenta do Craega). Dedicada ás producións do mar, na segunda mesa redonda (13 h) estarán Carmen Sánchez (Galuriña, empanadas de algas); Cristina García (Algas La Patrona); Marta Villaverde (subdirectora xeral de Pesca e Mercados da Pesca da Consellería do Mar); e Dolores Paz Pérez (produtora de mexillón ecolóxico e socia fundadora de Dime Salnés).
Ese mesmo día (11 h), Dolores Raigón, vicepresidenta da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), presentará o documento Evidencias Científicas sobre a Produción Ecolóxica.
O público infantil dispón tamén dun espazo propio. Para que os cativos aprendan os conceptos básicos da agricultura ecolóxica, celebraranse varios obradoiros de cociña, horta e queixo ecolóxicos, entre outros. O venres será a quenda dos grupos escolares, e o sábado e o domingo haberá sesións cada media hora.
A Consellería de Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), financia as actividades de promoción do Craega en BioCultura A Coruña. Co seu apoio, a Asociación Vida Sana organiza a segunda edición desta feira na cidade herculina, un evento no que tamén conta co respaldo da Deputación e o Concello.
O CRAEGA participou na 26ª edición de Biocultura Barcelona cun stand de 66 m2
O sector eco galego regresa satisfeito da 26ª edición de Biocultura Barcelona. As trece empresas que acudiron á feira baixo o paraugas do CRAEGA coinciden en sinalar o éxito de ventas dunha convocatoria que medra ano tras ano. Celebrada entre o 9 e o 12 de maio, pechou cunha cifra superior aos 74.000 visitantes, segundo o balance da organización.
ÉXITO DE TUTTO FOOD. Tamén a principios de maio, entre os días seis e nove, o eco galego viaxou ata Milán para sumarse a Tutto Food 2019. Cunha participación récord de 82.551 operadores, a última edición vén confirmar que xa é unha plataforma clave para a industria alimentaria de Italia.
Trece empresas ecolóxicas certificadas participan na 26ª edición de Biocultura Barcelona. A celebrar entre o 9 e o 12 de maio no Palau Sant Jordi, o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) súmase por terceiro ano consecutivo á que está considerada a feira orgánica máis importante do Estado español. Organizada pola Asociación Vida Sana para profesionais e público xeral, prevé reunir a máis de 700 expositores. A programación inclúe máis de 400 actividades entre showcooking, eco-foodtrucks, obradoiros e concertos.
O CRAEGA contará de novo cun stand agrupado de 66 m² no que compartirán espazo as trece firmas inscritas: Toca (Mieles Anta), Sovoral, Paporroibo, Biowak, Casa Castelao, Galician Brew, Terra de Baronceli, Pecado de Outono, Orballo, Producto de Aldea, Cervexa Celebridade Galega, Green Mixology e Galuriña. Durante catro días, no Palau Sant Jordi será posible atopar produtos ecolóxicos certificados polo Consello como mel, infusións, aceites vexetais, embutidos, cervexas, marmeladas, viño, destilados e ata empanadas.
ORGANIC FOOD IBERIA. En xuño, o sector ecolóxico galego sae de novo de viaxe para para sumarse á primeira edición da feira internacional Organic Food Iberia. A cita terá lugar desta vez en Ifema (Madrid) entre os días 6 e 7. Dirixida ao público profesional, aspira a converterse en punto de encontro entre os principais representantes do sector agroalimentario, as bebidas e os viños ecolóxicos.
No stand do CRAEGA -78 m²- compartirán espazo nove empresas certificadas: Toca (Mieles Anta), Porto-Muíños, Eco González (Jamones González), The Bio Factory (A Factoría Ecolóxica), Coraçai, Casa Grande de Xanceda, Gudi Eco Foods (Eco Bracan S.L.), Galician Brew e Orballo. No recinto daranse cita centos de expositores, destacados relatores, formadores de opinión e grupos de debate. En paralelo, terá lugar Eco Living Iberia, outra convocatoria internacional enfocada neste caso aos sectores da cosmética, produtos do fogar e moda ecolóxica natural certificada.
TUTTO FOOD 2019, EN MILÁN. O eco galego tamén terá presenza en Tutto Food 2019, unha feira internacional B2B de alimentos e bebidas que cada dous anos organiza Fiera Milano. Desta vez terá lugar entre o seis e o nove de maio. O CRAEGA disporá dun espazo propio no posto que habilitará a Consellería do Mar. Ata alí desprazarase un representante do Consello cos produtos dos oito operadores inscritos: HQSeawed, Jamones González, Casa Castelao, El Molino de Isabel, Gudi Eco Foods (Eco Bracan), Palacio de Oriente, Mieles Anta e Porto-Muíños.
DE ALEMAÑA A REINO UNIDO. Con estas tres feiras, o CRAEGA pecha un intenso primeiro semestre de actividade que levou o produto ecolóxico certificado ata Núremberg (Alemaña) e Londres (Reino Unido). O Consello xa é un veterano participante en Biofach, a feira orgánica máis importante do mundo. O pasado febreiro achegáronse ata o país xermano trece empresas certificadas, a cifra máis elevada desde que este organismo aterrara por primeira vez no encontro en 2000.
Cinco das firmas participantes volveron a saír o pasado abril ao exterior para exhibir os seus produtos no stand que o CRAEGA montou no Excel London no marco da Natural & Organic Products Europe.
CASE 80 MILLÓNS DE EUROS EN VENDAS. O CRAEGA medra ano tras ano. En 2018, as vendas de produto ecolóxico certificado disparáronse un 33,2% e acadaron os 78,7 millóns de euros. Arredor da metade do produto certificado véndese fóra de Galicia. Desta porcentaxe, entre o 20% e o 30% comercialízase no mercado exterior.
O leite UHT e a carne avícola, por esta orde, son os produtos estrela. Cunha facturación superior aos 26 millóns de euros e un crecemento de case 41 puntos, o lácteo é con diferenza o que máis ingresos xera. Galicia certifica o 65% do leite que se consome en España.
A superficie certificada polo Consello tamén anota datos positivos. Con 33.736,44 ha certificadas, o crecemento durante o curso pasado ronda os seis puntos. A provincia con máis terreo en ecolóxico é Lugo, xa que suma 16.507 ha (o 49% do total).
En canto ao número de operadores, o CRAEGA rexistra neste caso unha suba de case oito puntos e computa 1.152 inscritos ao peche de 2018 (un 125,8% máis que en 2008). Cun 37,6%, a vexetal consolídase como a produción maioritaria no conxunto da comunidade.