Arquivos da etiqueta: produto ecolóxico

“Non podemos pensar nos comedores escolares só como un lugar onde darlles calorías aos alumnos”

Xavier Simón Fernández, profesor da UVigo e integrante do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia

Os comedores escolares son un quebracabezas para centos de familias que se ven na obriga de botar man deste servizo para conciliar. Con este tema como pano de fondo, a Universidade de Vigo (UVigo) celebrou o pasado xullo en Allariz un curso de verán no que expertos de diferentes ámbitos abordaron a realidade dos menús nos colexios. O programa Comedores escolares ecolóxicos, avanzando cara a unha economía circular nas Reservas de Biosfera estivo dirixido por Xavier Simón Fernández, profesor da UVigo e integrante do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia.

En Galicia prevalece un sistema  mixto de xestión. Por que fórmula se inclina á hora de garantir a alimentación equilibrada dos cativos?
O que importa non é tanto o sistema de xestión do comedor coma o modelo de alimentación polo que se aposte. Esa é a clave. Sexa centralizado ou descentralizado, sexa in situ ou mediante catering, o relevante é o contido dos menús, a orixe das súas proteínas, a estacionalidade do menú, o uso de produtos frescos, a presenza de precociñados, o tempo que transcorre entre o cociñado e o seu consumo, o uso de plásticos, o volume dos residuos e o seu destino, a orixe dos alimentos, etc.

Segundo un estudo do proxecto Carro de combate, na comunidade existen 333 colexios con cociña in situ. O catering redúcese a 103, pero hai moitas familias que non están satisfeitas…
Se as familias non están satisfeitas co sistema, hai que buscar novas fórmulas que permitan atenuar ese malestar. Eu creo que non podemos pensar os comedores escolares unicamente como un lugar onde darlles calorías aos alumnos e alumnas. Hai que integralo dentro da comunidade educativa e iso inclúe cambios profundos, tamén nas familias. Podemos usar os comedores escolares como un medio para mellorar a alimentación incluso cando non se come no cole.

O catering semella difícil  de  erradicar. O negocio está en mans dun grupo de empresas cada vez máis reducido. Poderá desaparecer algún día dos centros?
O catering, como servizo para prestar alimentación colectiva, paréceme necesario nesta sociedade na que vivimos. O problema non é o catering en si mesmo. Hai modelos que apostan pola inclusión social, polos alimentos de proximidade, polos produtos ecolóxicos… Se, como vostede di, se trata dun negocio en poucas mans, seguramente se as licitacións públicas do servizo para os colexios (e para os hospitais, centros penitenciarios…) fosen de menores contías na licitación, habería máis oportunidades para outras pequenas e medianas empresas, non cre? Polo tanto, no que respecta á xestión pública da alimentación colectiva, é responsabilidade das administracións, se queren evitar os oligopolios, buscar fórmulas que permitan lotes de adxudicación de menor escala para que se incremente a competencia.

Realmente para as administracións (Xunta ou concellos) resulta máis económico manter o catering?
Eu creo que é unha decisión política. Máis eco- nómico? Non o sei. Non manexo os datos das adxudicacións. De todas as formas, para poder avaliar a idoneidade das diferentes alternativas de servizo aos comedores colectivos  hai  que ter en conta a economía, os cartos, pero tamén se deberían usar criterios sociais e ambientais.

O  modelo  de  cociña  en  cada  centro, con  alimentos  ecolóxicos  e de  tempada,  é ciencia ficción?
Ciencia ficción é pensar que nos podemos alimentar do mesmo xeito os 7.000 millóns de persoas, con alimentos iguais producidos por grandes fábricas controladas por poucas empresas, comendo calquera alimento en calquera momento do ano.

Cal é, na súa opinión, o modelo ideal? Poña algún exemplo.
Non hai un único modelo ideal, haberá tantos modelos de alimentación como territorios e como condicións culturais existan. A diversidade é a clave para afrontar os retos máis urxentes. Só así seremos capaces de responder adecuadamente e, ao mesmo tempo, aos retos sociais, económicos e ambientais. Mediante a uniformización da produción ou do consumo de alimentos podemos producir alimentos baratos, pero a un custo social e ambiental moi alto.

Habería que exportar ao conxunto da comunidade o modelo do Concello de Ames e da Asociación Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e  Terras  do  Mandeo? 
Non o creo. O que necesitamos é que os actores sociais (pais e nais, comunidades educativas, responsables políticos, labregos e labregas, consumidores e consumidoras…) en cada escala decidan colectivamente cal é o modelo alimentario que queren para si mesmos, para os colexios, pero tamén para as propias familias e para a restauración, etc.

Estender  os  ecocomedores   contribuiría a diminuír a pegada de carbono?
A clave é producir de forma respectuosa co medio ambiente, tanto alimentos coma outros bens e servizos. Se o facemos así, reduciremos  a pegada do carbono, é dicir, estaremos a contribuír menos ao cambio climático. Se, ademais, tratamos de consumir localmente o que se produce localmente, reducindo o transporte, estaremos a actuar cunha maior responsabilidade. Entendo que os comedores escolares dos centros públicos de ensino se poden converter nun mecanismo que impulse a transformación profunda dos modelos de produción e consumo de alimentos. E trátase dunha urxencia colectiva.

Vexetais, ovos e pan copan o top 10 do consumo eco en Galicia


Os vexetais son os produtos ecolóxicos que se consomen con máis frecuencia en Galicia. Ata un 48,1% dos enquisados incorpóraos á súa cesta da compra máis dunha vez por semana. Así se desprende do último barómetro elaborado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) para avaliar a percepción e consumo dos alimentos orgánicos.

En segunda posición atópanse os ovos. O 66,5% dos entrevistados mércaos unha vez por semana ou incluso máis. Esta é a mesma frecuencia coa que os galegos adquiren carne fresca eco, un produto que gaña terreo nos fogares galegos e medra 7,2 puntos -de 2014 a 2017- ata acadar o 40,4%. Algo semellante sucede coa liña bio do polo e outro tipo de aves, un alimento que o 36,7% engade á súa lista da compra alomenos cada sete días. O crecemento con respecto á análise anterior é de 8,4 puntos.

Pan, pasta ou cereais ecolóxicos teñen un papel de peso no informe e ocupan xa o terceiro posto. O 49,6% declaran consumilos con certa frecuencia. Desta porcentaxe, o 26,3% asegura introducilos na lista da compra máis dunha vez por semana. Con regularidade (53,1%) entran así mesmo nos fogares os snacks, doces, marmeladas, mel ou sobremesas non lácteas.

Con frecuencias por debaixo do 30%, completan o top 10 as bebidas, conservas e aceites, e conxelados. Fóra dos dez primeiros postos e cunha porcentaxe do 7,27%, atópase a alimentación infantil.

Cómpre facer fincapé en que a base de consumidores eco medrou de forma considerable entre 2014 e 2017. Cun incremento do 23,5%, chega agora ao 47,3% da poboación galega.

Segundo o barómetro do Craega, queda patente que os produtos de orixe vexetal son a porta e entrada ao consumo ecolóxico. Así o poñen de manifesto o 73,8% dos enquisados. A máis distancia séguenlle os ovos (7,6%) e os lácteos (7,5%).

PERFIL DO CONSUMIDOR ECOLÓXICO. De mediana idade, con estudos superiores e con renda alta. Son as características comúns do consumidor ecolóxico galego. Tal e como reflexa o último barómetro do Craega, a compra de alimentos orgánicos ten unha presenza máis intensa entre a xente nova. A maior parte (55,2%) dos que inclúen os alimentos bio na súa cesta da compra teñen entre 35 e 49 anos. Moi de preto (52,2%) sitúase o grupo de ata 34 anos. Pola contra, a consideración de non consumidor aumenta notablemente por riba do 63% entre os maiores de 65 anos.

O que merca ecolóxico adoita ter un nivel educativo elevado. Máis da metade conta con Formación Profesional ou universitaria. Sen embargo, nos niveis máis baixos de instrución son máis abundantes os non consumidores.

Segundo a actividade que desempeñan, o consumidor eco preséntase con maior intensidade entre os empregados (53,2%), estudantes (54,3%) e as persoas que realizan labores no fogar (57,7%).

Xa por último, contribúe a definir o perfil a situación económica dos fogares. Entre os niveis de ingresos máis baixos (renda familiar media mensual inferior a 1.000 €) a frecuencia dos consumidores cae ao 39,1%. No extremo contrario (máis de 4.000 € por mes), a compra de produto eco sobe ata o 68,8%.

CASE 80 MILLÓNS DE EUROS EN VENDAS. O Craega medra ano tras ano. En 2018, as vendas de produto ecolóxico certificado disparáronse un 33,2% e acadaron os 78,7 millóns de euros. Arredor da metade do produto certificado véndese fóra de Galicia. Desta porcentaxe, entre o 20% e o 30% comercialízase no mercado exterior.

O leite UHT e a carne avícola, por esta orde, son os produtos estrela. Cunha facturación superior aos 26 millóns de euros e un crecemento de case 41 puntos, o lácteo é con diferenza o que máis ingresos xera. Galicia certifica o 65% do leite que se consome en España.

A superficie certificada polo Consello tamén anota datos positivos. Con 33.736,44 ha certificadas, o crecemento durante o curso pasado ronda os seis puntos. A provincia con máis terreo en ecolóxico é Lugo, xa que suma 16.507 ha (o 49% do total).

En canto ao número de operadores, o Craega rexistra neste caso unha suba de case oito puntos e computa 1.152 inscritos ao peche de 2018 (un 125,8% máis que en 2008). Cun 37,6%, a vexetal consolídase como a produción maioritaria no conxunto da comunidade.

BARÓMETRO 2017: DOCUMENTO COMPLETO E RESUMO.

Buscas o té perfecto? Sorteamos dúas entradas para visitar Orballo e un lote de produtos

Participantes nunha das visitas á plantación que Orballo ten en Paderne (A Coruña). Foto: Orballo

Orballo botou a andar en 2012 en Paderne (A Coruña). Amante da natureza, a comida san e o rural, a empresa naceu co obxectivo de recuperar as plantas aromáticas que se cultivaban antigamente na terra para vender especias e infusións eco. O seu produto certificado polo Craega conseguiu facerse oco entre os grandes produtores e exportadores de té do mundo. Como novidade, acaba de estrear un programa de visitas guiadas.

Gustaríache gañar dúas entradas para unha destas rutas? Participa nos sorteos das nosas contas de Facebook e Instagram!

Dinámicas

  • Segue as contas do Craega e de Orballo en Facebook e Instagram.
  • Dálle ‘Me Gusta’ a esta publicación.
  • Publica un comentario no que menciones a outra persoa e dinos cal é o momento máis máxico que viviches xuntos na natureza.

Consulta aquí as bases legais do sorteo.

Gañadores 

Consulta aquí  o nome do gañador e dos tres suplentes do sorteo. 

O Craega apoia o documento da SEAE ‘Evidencias científicas da produción ecolóxica’

A agricultura ecolóxica é máis respectuosa co medio ambiente? É o modelo actual de produción de alimentos sostible? Son os alimentos ecolóxicos máis saudables? … Estas son algunhas das preguntas formuladas con máis frecuencia cando se fala sobre produción ecolóxica. As respostas non sempre resultan as máis axustadas á realidade. Por iso, a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) elaborou un documento recompilatorio que recolle estudos e investigacións sobre as principais contribucións da produción ecolóxica a tres ámbitos: ao medio ambiente, á saúde das persoas e calidade dos alimentos, e a unha sociedade máis xusta e equitativa.

O Craega, xunto cun cento de organizacións representativas do sector, vén de adherirse a este documento clave para a agricultura ecolóxica.

O artigo baséase, principalmente, en meta-análises publicadas durante os últimos 15 anos. Presenta unha relación de argumentos científicos que poden servir como unha ferramenta para contrarrestar mensaxes tendenciosas (ou directamente falsas) en contra da produción ecolóxica. “Trátase de que calquera persoa ou colectivo, relacionado directa ou indirectamente coa produción ecolóxica, dispoña de argumentos que evidencian cientificamente as aportacións ambientais, sociais e a saúde da produción ecolóxica”, comentan desde a SEAE.

Ademais do Craega, tamén apoian este documento os consellos reguladores de Murcia, Cataluña, Valencia, Castela e León e Baleares. Tamén se sumaron Intereco, a Asociación Vida Sana, Greenpeace, Ecologistas en Acción, Del campo al cole e un longo etcétera.

Evaristo Rodríguez (Abadía da Cova): “Non é certo que o viño ecolóxico teña menos calidade”

Evaristo Rodríguez-Abadía da Cova-Adegas Moure
Evaristo Rodríguez (segundo pola esquerda), xerente de Adegas Moure, durante a presentación da última colleita. Foto: Adegas Moure

Corría 2010 cando Abadía da Cova presentaba o seu primeiro viño ecolóxico certificado polo Craega. Nove anos despois o fillo máis mimado de Adegas Moure vén de facerse co Acio de Ouro nas Catas de Galicia 2019. Organizado pola Consellería do Medio Rural, o certame recoñece cada ano os mellores viños e augardentes que se producen na comunidade. Á hora de elexir gañador da categoría orgánica, o xurado foi reparar nunha varidade da D.O. Ribeira Sacra. Detrás do galardón, hai unha empresa con sólidos valores que comezou a súa andaina hai case un século no Saviñao. Hoxe é unha das imaxes máis recoñecibles da zona. Falamos con Evaristo Rodríguez, xerente de Adegas Moure.

Por que Abadía da Cova decide iniciar a súa aventura co ecolóxico?
Sempre tivemos unha filosofía de respecto ao medio e así se mantén na etapa que vivimos agora de relevo xeracional, incluso con máis incidencia. Aplicamos os mesmos principios á hora de realizar tratamentos ou facer elaboracións, tanto en convencional como en ecolóxico. Pero non temos todo certificado polas características das nosas parcelas. Conseguir produtos sans e respectuosos co medio e coa natureza son conceptos que están pegados á nosa marca. E penso que é algo fundamental para calquera que teña sensibilidade polo mundo vinícola e en particular para os que traballamos todos os días no sector agrario. O cambio climático está aí.

Unha aclaración para profanos, cal é a diferenza entre un viño eco e un convencional?
As principais diferenzas están máis na viticultura que na elaboración. Hai quen ten a necesidade de facer viños naturais e sans, e ademais de calidade. O máis reseñable é a sensibilidade que amosa o ecolóxico co medio: non se empregan herbicidas e os tratamentos son menos agresivos.

En Galicia, é particularmente difícil producir viño eco…
Si. Temos unha viticultura con bastante risco. A humidade e a temperatura provocan que proliferen os fungos e, por se acaso, un intenta preservar a colleita co que teña á man. Tamén é certo que na convencional, ás veces, usamos cañóns para matar moscas. Canto máis agresivos sexan os produtos que utilizamos, máis desequilibrio provocamos. É decir, facemos ás plantas máis sensibles ás enfermidades e máis resistentes aos tratamentos. En ecolóxico, a viticultura é moito máis respectuosa. Hai produtos fitosanitarios certificados que funcionan moi ben fronte a algunhas doenzas. Neste sentido, estamos nunha etapa de grandes cambios.

Que matices de sabor definen ao viño premiado?
É un viño afroitado, lixeiro, natural… Reflicte moi ben as características do solo no que se produce. É moi mineral. Tamén se trata dun viño menos corpulento ca outros porque non se pode arriscar buscando grandes maduracións e que apareza botritis (un fungo que podrece as vides). En resumo, é moi fácil de beber, moi en boga co que se demanda hoxe en día no mercado. Nós queremos ir nesa liña tamén con outras variedades, sobre todo cos viños novos. En realidade, esa é a vocación típica da nosa zona. A Ribeira Sacra dá unha mencía moi afroitada, acorde coa vida do paisano antigo.

Catas de Galicia 2019-Premio Viño Ecolóxico
Evaristo Rodríguez, esquerda, con Núñez Feijóo e Francisco López Valladares, presidente do Craega, amosando o premio das Catas de Galicia 2019. Á dereita, foto do Abadía da Cova Ecolóxico galardoado.

Cal é a diferenza entre os viños da Ribeira Sacra e os doutras zonas de España?
Aquí non temos que envellecelos para que sexan bebibles. En moitas zonas de España trabállase con variedades que son máis ásperas, con máis corpo… E polo tanto hai que abordar procesos de elaboración máis longos, en particular cos crianzas. Todo depende do estilo de viño, da variedade, do seu grao de maduración… Salvo que se sometan a fermentacións especiais, é moi difícil que resulten bebibles. Por iso, son fundamentalmente de barrica. Sen embargo, os da Ribeira Sacra teñen outro ton que vén marcado polas características do solo e a climatoloxía. Son viños porosos, afroitados, lixeiros, ideales diferentes combinacións que temos no noso territorio.

Cara onde lles gustaría que evolucionara a produción eco de Adegas Moure?
Queremos que toda a nosa produción vaia por esa vía. Pero resúltanos moi difícil, sobre todo pola gran parcelación que hai nos viñedos. As nosas son fincas pequenas, antigas e rodeadas por terreos doutros propietarios que, en moitos casos, traballan en convencional. Nestas circunstancias, é moi difícil conseguir a certificación.

Ao igual que sucede con outros produtos, no caso do viño orgánico tamén se percibe un incremento da demanda?
O noso viño ecolóxico esgótase, aínda que non é dos que ten máis tirada (5.200 botellas en 2018). Polo de agora a demanda proviña do mercado internacional, pero xa notamos que aquí hai cada vez máis xente que o pide. Non é certo que o viño ecolóxico teña menos calidade. Esa idea quedou atrás. Estamos encantados co Abadía da Cova ecolóxico, parécenos moi bo e está á altura de calquera dos noso viños novos. Dalgún xeito, o premio das Catas de Galicia vén a refrendar o que pensamos.

Con que marida ben este viño?
Con polbo, con cocido… Con calquera dos dous combina á perfección. Ao ser un viño tan lixeiro e fresco, pódese beber máis dun vasiño.

A produción acuícola ecolóxica case se cuadruplica nun lustro e supera os 16 millóns de euros

Batea ecolóxica certificada polo Craega na ría de Arousa
Embarcación extraendo mexillón ecolóxico dunha batea certificada polo Craega na ría de Arousa. Foto: Craega

A acuicultura ecolóxica galega case cuadruplicou a súa facturación no último lustro. 2018 pechouse cun volume de vendas superior aos 16,9 millóns de euros -case 12 millóns de euros máis que en 2013- grazas sobre todo ao tirón dos produtores de mexillón e á extracción sostible de algas. O que vén do mar adquire cada vez máis peso no seo do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e a día de hoxe representa xa o 21,4% do monto total da súa facturación (78,7 millóns). Para satisfacer a demanda dun sector con grandes perspectivas de crecemento, a entidade pública estreará nos vindeiros meses unha segunda sede en Boqueixón. Así o anunciou hoxe en Vilanova de Arousa o presidente do organismo, Francisco López Valladares, no transcurso dun percorrido pola ría para coñecer de primeira man este tipo de produción. Ademáis de integrantes do pleno do Consello e de autoridades locais, estivo acompañado pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez Moreda; e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez Vázquez.

“Galicia é pioneira en produción de mexillón ecolóxico en Europa. Desde que en 2010 saíron as primeiras 12 toneladas da ría de Arousa, o sector non deixou de medrar. O consumidor valora cada vez máis o ecolóxico, tanto por cuestións de saúde como de respecto ao medio ambiente”, argumentou López Valladares. O presidente do Craega fixo fincapé en que o crecemento do sector foi paulatino e constante desde aquela. Superado o período de conversión obrigatorio que estipula a normativa para as bateas (tres meses), a primeira gran eclosión rexistrouse en 2013. Entón computáronse 66 plataformas flotantes. A súa xestión estaba repartida entre 34 empresarios.

O éxito do primeiro mexillón ecolóxico no mercado, en particular nos circuítos internacionais, seguiu empurrando pouco a pouco a un segmento que hoxe suma 208 bateas. Este sector facturou en 2018 máis de 4,1 millóns de euros, case 38 veces máis que cinco anos antes. O 97% atópanse en Arousa e o resto un pouco máis ao sur, en Cangas do Morrazo. O negocio distribúese entre 42 operadores, o 70% agrupados baixo o paraugas da Asociación de Mexilloeiros Illa de Arousa.

Valladares explicou que máis da metade do bivalvo con selo se destina ao mercado exterior. Alemaña, Reino Unido e Austria, por esta orde, son os principais importadores. O molusco galego tamén chega ata Dinamarca, Países Baixos e Italia.

ALGAS E PRODUTOS INDUSTRIAIS. Concentrada tamén nas provincias atlánticas, a produción acuícola ecolóxica atopou outro nicho de mercado na recolleita sostible de algas. O volume de vendas certificadas do curso pasado acadou os 959.720 euros, practicamente dúas veces máis que en 2013. As súas propiedades nutritivas e o protagonismo que vai adquirindo na nova cociña están a converter este produto nunha delicatessen moi apreciada, en particular fóra das nosas fronteiras.

Algas e mexillón son a base doutra actividade que contribúe a incrementar de forma exponencial as vendas. Cun resultado de 11,8 millóns de euros en 2018, as industrias absorben o 69,8% da facturación acuícola con selo do Craega. As conservas de peixe (9.813.582 €) son o produto estrela. Aínda que con menor peso nas contas (dous millóns de euros), van abríndose paso os preparados alimenticios (salsas, ensaladas envasadas, patés, etc). Neste caso o domicilio social das empresas vai máis alá das provincias atlánticas e aparecen tamén firmas con sede en Lugo e Ourense.

SEGUNDA SEDE EN BOQUEIXÓN. Para dar visibilidade ao peso que vén adquirindo a acuicultura ecolóxica nos últimos anos, o Craega celebrou este venres o seu primeiro pleno á beira do mar, no pazo de Vista Real. Foi despois de realizar o percorrido en catamarán pola ría e de xantar coa conselleira do ramo, Rosa Quintana, na localidade arousá.

O encontrou serviu para aprobar a posta en marcha da segunda sede do Consello en Boqueixón. Extensión das oficinas que desde 1997 funcionan en Monforte de Lemos, a estrea neste punto estratéxico (á beira de Santiago e na liña do corredor A Coruña-Vigo) ten como obxectivo satisfacer a demanda acuícola e, ao mesmo tempo, deslocalizar a xestión do Craega para achegarse ás provincias atlánticas.

As novas dependencias estarán nas instalacións que a Xunta lle cede á entidade no pazo de Sergude, edificio no que xa comparten teito outros consellos reguladores. Para abrir o novo servizo, o Consello contratará a dous técnicos que centrarán a súa actividade nas provincias atlánticas.

A segunda sede pretende ademais paliar os problemas de espazo que agora mesmo atravesa o organismo que controla e certifica a produción ecolóxica en Galicia. Na actualidade ocupa varias salas do inmoble Multiusos de Monforte, en virtude dun acordo co Concello que está a piques de expirar. Nesta liña, o equipo de goberno reiterou o seu interese de chegar a un acordo coa Deputación de Lugo para mudarse ao Pazo de Tor.

Consultar a normativa de acuicultura ecolóxica completa.

Táboas cos balances de acuicultura ecolóxica 2013-2018.

Boas sensacións no Craega trala primeira edición de Organic Food Iberia

O Craega participou cun stand de 78 m2 na primeira edición de Organic Food Iberia (Ifema-Madrid). Foto: Craega

O sector ecolóxico galego despide con boas expectativas o calendario feiral do primeiro semestre. Celebrada en Ifema (Madrid) entre o 6 e o 7 de xuño, Organic Food Iberia (OFI) deixou sensacións excelentes entre as nove empresas que participaron no evento baixo o paraguas do CRAEGA. Xunto con Eco Living Iberia, a cita xorde co obxectivo de converterse nun referente deste segmento en España e Portugal.

Durante as dúas xornadas, no stand C614 houbo un continuo ir e vir de profesionais que aproveitaron para manter contactos cos expositores e interesarse polos seus produtos. Nos vindeiros meses será posible concretar se as primeiras conversas se materializan en contratos comerciais. Con 78 m² de superficie, a esta acción sumáronse Toca (Mieles Anta), Porto-Muíños, Eco González (Jamones González), The Bio Factory (A Factoría Ecolóxica), Coraçai, Casa Grande de Xanceda, Gudi Eco Foods (Eco Bracan S.L.), Galician Brew e Orballo. Ademais, dous representantes do Consello viaxaron ata Madrid para informar aos visitantes tanto sobre a actividade do propio organismo como do que atinxe aos operadores inscritos.

A primeira edición de OFI pechouse cun balance de 5.180 asistentes, segundo as cifras facilitadas desde a organización. Prevista entre o 4 e o 5 de xuño de 2020, para a próxima convocatoria xa está reservado o pavillón 7 de Ifema, o cal dispón dun 50% máis de espazo.

Durante os seis primeiros meses, o Consello tamén estivo con stand propio en Biofach (Núremberg, Alemaña), Natural & Organic Products Europe (Londres) e Biocultura Barcelona. En Tutto Food 2019 (Milán), o CRAEGA contou cun representante que ocupou un espazo no posto habilitado pola Consellería do Mar

Tres centros escolares de Trabada, O Bolo e Santiago gañan o concurso ‘Faite Eco do Lóxico’

Capturas dos vídeos do CEIP do Bolo (arriba) e do IES Xelmírez II (abaixo, esquerda) e imaxe da horta do Currás, o traballo dos escolares do CEIP Celso Currás.

A segunda edición do concurso Faite Eco do Lóxico xa ten gañadores. Convocado polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), os premios recaen desta vez no CEIP Celso Currás (Trabada, Lugo), o CEIP O Bolo (O Bolo, Ourense) e o IES Xelmírez II (Santiago, A Coruña). Baixo o título Por que elixir produtos ecolóxicos?, o certame nace co obxectivo de recoñecer o esforzo da comunidade educativa á hora de achegarse a este sector.

Na categoría de Infantil, o traballo elixido é o presentado polo CEIP Celso Currás. O xurado valora a minuciosidade da proposta do centro de Trabada, xa que os nenos elaboraron unha maqueta que reproduce un horto con plastilina e material de refugallo. Co lema Se san queres estar, os nosos produtos ecolóxicos debes probar, os cativos fixeron unha plantación con leitugas, tomates, cabazas e cenoria, entre outros.

O máximo galardón na categoría de Primaria foi parar ao CEIP O Bolo. Aos integrantes do comité de selección chamoulles a atención neste caso a orixinalidade do traballo, un vídeo no que os estudantes interpretan un rap para defender as vantaxes do produto ecolóxico fronte ao convencional. No transcurso da peza, o alumnado do colexio ourensán amosa o arco da vella saudable (con pratos equilibrados incluídos) e o horto do centro.

Xa por último, o galardón na categoría de Secundaria é para o IES Xelmírez II. Co título Consome ecolóxico, os alumnos do instituto compostelán relatan nun vídeo as características deste tipo de produto e o seu sistema de produción.

Os centros premiados recibirán unha cesta de produtos ecolóxicos certificados polo CRAEGA antes de que remate o período lectivo. O curso pasado o gañador foi o CEIP Plurilingüe de Lousada (Guntín, Lugo). 

CHARLAS EN CENTROS DE TODA GALICIA. O certame escolar pon o punto e final ao programa Faite Eco do Lóxico, un programa impulsado polo CRAEGA no marco do Plan Proxecta, iniciativa esta última que parte desde a Consellería de Educación. Dirixido a primaria, ESO, bacharelato e FP, na convocatoria do Consello inscribíronse 46 centros de toda Galicia. Para achegar a agricultura ecolóxica aos máis novos, impartíronse charlas, organízaronse degustacións e enviáronse xogos á maior parte dos centros participantes.

Faite Eco do Lóxico é unha acción promovida polo CRAEGA con axuda do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER)-Europa inviste no rural e a Xunta.

TRABALLOS PREMIADOS:

1. CEIP Celso Currás (Trabada, Lugo). Ver traballo

2. CEIP O Bolo (O Bolo, Ourense). Ver traballo

3. IES Xelmírez II (Santiago, A Coruña). Ver traballo

O Craega participa nun curso sobre ecocomedores escolares en Allariz

Curso ecocomedores AllarizO Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) participa o vindeiro xullo nun curso sobre ecocomedores que organiza a Universidade de Vigo en Allariz. Baixo o título Comedores escolares ecolóxicos, avanzando cara unha economía circular nas Reservas de Biosfera, expertos de diferentes ámbitos abordarán a realidade dos menús escolares tanto dentro como fóra da comunidade.

A convocatoria pretende, entre outros aspectos, visibilizar os impactos da compra de alimentos de proximidade nas economías locais, coñecer as novas tendencias en modelos nutricionais para os comedores ou debater sobre o futuro da alimentación nos colexios de Galicia.

A celebrar entre o 1 e o 5 de xullo no municipio ourensán, está prevista a intervención de representantes das Reservas de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Área de Allariz, Ordesa-Viñamala e Valles de Omaña y Luna. Os asistentes tamén terán ocasión de escoitar como funcionan os comedores da escola infantil municipal A Caracola (A Coruña) ou os que xestiona o Concello de Ames. De fóra de Galicia chegarán para explicar o seu modelo portavoces das escolas infantís de Pamplona e de Cataluña. En nome do Craega ofrecerá unha charla o seu secretario, Javier García Lozano. O mércores 3 (10 h.) impartirá unha charla sobre a certificación da agricultura ecolóxica na comunidade.

Consulta o programa completo neste enlace.

O Craega desembarca en Organic Food Iberia con nove firmas eco

O eco galego pecha o calendario feiral do primeiro semestre coa súa participación en Organic Food Iberia. A celebrar en Ifema (Madrid) entre os días 6 e 7 de xuño, a convocatoria nace co obxectivo de converterse na referencia do sector en España e Portugal. Esta primeira edición é unha cita ineludible para as industrias especializadas en produtos agroalimentarios, bebidas e viños ecolóxicos.

No stand C614 -78 m²- estarán as nove empresas que se suman ao evento baixo o paraugas do CRAEGA: Toca (Mieles Anta), Porto-Muíños, Eco González (Jamones González), The Bio Factory (A Factoría Ecolóxica), Coraçai, Casa Grande de Xanceda, Gudi Eco Foods (Eco Bracan S.L.), Galician Brew e Orballo. Ademais, dous representantes do Consello ocuparanse de informar aos visitantes tanto sobre a actividade da propia entidade como do que atinxe operadores inscritos.

De carácter internacional e dirixida exclusivamente ao público profesional, a organización prevé reunir a máis de 500 expositores entre Organic Food Iberia e o salón de cosmética e moda Eco Living Iberia. Coa que se celebra en Madrid a principos de xuño, o CRAEGA culmina un intenso primeiro semestre que levou o eco galego ata Alemaña (Biofach), Londres (NOPE), Milán (Tutto Food) e máis recentemente Barcelona (Biocultura).

ACTIVIDADES INTERECO. Durante os dous días de feira, Intereco (asociación sen ánimo de lucro da que forma parte o CRAEGA) organiza diferentes accións promocionais, de divulgación e formativas. Entre as máis destacadas atópanse as seguintes:

  • Mesa redonda sobre harmonización internacional de normas da produción ecolóxica. Desenvolverase o xoves 6 de xuño (sala 14.5, 16.30-18 h.). É recomendable reservar praza neste enlace.
  • Entrega de premios da Organic Food Iberia (xoves 6, de 19 a 20 h.).
  • Obradoiro técnico-práctico de etiquetado profesional. Organizado xunto coa Asociación Vida Sana e coa colaboración do Comité de Agricultura Ecolóxica de Comunidade de Madrid, terá lugar o venres 7 (Organic Theatre, de 15.25 a 16.15 h.).
  • Degustacións e charlas. Durante as dúas xornadas terán lugar diferentes actividades para catar os produtos no stand de Intereco (F700S).