Arquivos da etiqueta: producto ecológico

Evaristo Rodríguez (Abadía da Cova): “Non é certo que o viño ecolóxico teña menos calidade”

Evaristo Rodríguez-Abadía da Cova-Adegas Moure
Evaristo Rodríguez (segundo pola esquerda), xerente de Adegas Moure, durante a presentación da última colleita. Foto: Adegas Moure

Corría 2010 cando Abadía da Cova presentaba o seu primeiro viño ecolóxico certificado polo Craega. Nove anos despois o fillo máis mimado de Adegas Moure vén de facerse co Acio de Ouro nas Catas de Galicia 2019. Organizado pola Consellería do Medio Rural, o certame recoñece cada ano os mellores viños e augardentes que se producen na comunidade. Á hora de elexir gañador da categoría orgánica, o xurado foi reparar nunha varidade da D.O. Ribeira Sacra. Detrás do galardón, hai unha empresa con sólidos valores que comezou a súa andaina hai case un século no Saviñao. Hoxe é unha das imaxes máis recoñecibles da zona. Falamos con Evaristo Rodríguez, xerente de Adegas Moure.

Por que Abadía da Cova decide iniciar a súa aventura co ecolóxico?
Sempre tivemos unha filosofía de respecto ao medio e así se mantén na etapa que vivimos agora de relevo xeracional, incluso con máis incidencia. Aplicamos os mesmos principios á hora de realizar tratamentos ou facer elaboracións, tanto en convencional como en ecolóxico. Pero non temos todo certificado polas características das nosas parcelas. Conseguir produtos sans e respectuosos co medio e coa natureza son conceptos que están pegados á nosa marca. E penso que é algo fundamental para calquera que teña sensibilidade polo mundo vinícola e en particular para os que traballamos todos os días no sector agrario. O cambio climático está aí.

Unha aclaración para profanos, cal é a diferenza entre un viño eco e un convencional?
As principais diferenzas están máis na viticultura que na elaboración. Hai quen ten a necesidade de facer viños naturais e sans, e ademais de calidade. O máis reseñable é a sensibilidade que amosa o ecolóxico co medio: non se empregan herbicidas e os tratamentos son menos agresivos.

En Galicia, é particularmente difícil producir viño eco…
Si. Temos unha viticultura con bastante risco. A humidade e a temperatura provoca que proliferen os fungos e, por se acaso, un intenta preservar a colleita co que teña á man. Tamén é certo que na convencional, ás veces, usamos cañóns para matar moscas. Canto máis agresivos sexan os produtos que utilizamos, máis desequilibrio provocamos. É decir, facemos ás plantas máis sensibles ás enfermidades e máis resistentes aos tratamentos. En ecolóxico, a viticultura é moito máis respectuosa. Hai produtos fitosanitarios certificados que funcionan moi ben fronte a algunhas doenzas. Neste sentido, estamos nunha etapa de grandes cambios.

Que matices de sabor definen ao viño premiado?
É un viño afroitado, lixeiro, natural… Reflicte moi ben as características do solo no que se produce. É moi mineral. Tamén se trata dun viño menos corpulento ca outros porque non se pode arriscar buscando grandes maduracións e que apareza botritis (un fungo que podrece as vides). En resumo, é moi fácil de beber, moi en boga co que se demanda hoxe en día no mercado. Nós queremos ir nesa liña tamén con outras variades, sobre todo cos viños novos. En realidade, esa é a vocación típica da nosa zona. A Ribeira Sacra dá unha mencía moi afroitada, acorde coa vida do paisano antigo.

Catas de Galicia 2019-Premio Viño Ecolóxico
Evaristo Rodríguez, esquerda, con Núñez Feijóo e Francisco López Valladares, presidente do Craega, amosando o premio das Catas de Galicia 2019. Á dereita, foto do Abadía da Cova Ecolóxico galardoado.

Cal é a diferenza entre os viños da Ribeira Sacra e os doutras zonas de España?
Aquí non temos que envellecelos para que sexan bebibles. En moitas zonas de España trabállase con variedades que son máis ásperas, con máis corpo… E polo tanto hai que abordar procesos de elaboración máis longos, en particular cos crianzas. Todo depende do estilo de viño, da variedade, do seu grao de maduración… Salvo que se sometan a fermentacións especiais, é moi difícil que resulten bebibles. Por iso, son fundamentalmente de barrica. Sen embargo, os da Ribeira Sacra teñen outro ton que vén marcado polas características do solo e a climatoloxía. Son viños porosos, afroitados, lixeiros, idales par moito tipo de combinacións que temos no noso territorio.

Cara onde lles gustaría que evolucionara a produción eco de Adegas Moure?
Queremos que toda a nosa produción vaia por esa vía. Pero resúltanos moi difícil, sobre todo pola gran parcelación que hai nos viñedos. As nosas son fincas pequenas, antigas e rodeadas por terreos doutros propietarios que, en moitos casos, traballan en convencional. Nestas circunstancias, é moi difícil conseguir a certificación.

Ao igual que sucede con outros produtos, no caso do viño orgánico tamén se percibe un incremento da demanda?
O noso viño ecolóxico esgótase, aínda que non é dos que ten máis tirada (5.200 botellas en 2018). Polo de agora a demanda proviña do mercado internacional, pero xa notamos que aquí hai cada vez máis xente que o pide. Non é certo que o viño ecolóxico teña menos calidade. Esa idea quedou atrás. Estamos encantados co Abadía da Cova ecolóxico, parécenos moi bo e está á altura de calquera dos noso viños novos. Dalgún xeito, o premio das Catas de Galicia vén a refrendar o que pensamos.

Con que marida ben este viño?
Con polbo, con cocido… Con calquera dos dous combina á perfección. Ao ser un viño tan lixeiro e fresco, pódese beber máis dun vasiño.

A produción acuícola ecolóxica case se cuadruplica nun lustro e supera os 16 millóns de euros

Batea ecolóxica certificada polo Craega na ría de Arousa
Embarcación extraendo mexillón ecolóxico dunha batea certificada polo Craega na ría de Arousa. Foto: Craega

A acuicultura ecolóxica galega case cuadruplicou a súa facturación no último lustro. 2018 pechouse cun volume de vendas superior aos 16,9 millóns de euros -case 12 millóns de euros máis que en 2013- grazas sobre todo ao tirón dos produtores de mexillón e á extracción sostible de algas. O que vén do mar adquire cada vez máis peso no seo do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e a día de hoxe representa xa o 21,4% do monto total da súa facturación (78,7 millóns). Para satisfacer a demanda dun sector con grandes perspectivas de crecemento, a entidade pública estreará nos vindeiros meses unha segunda sede en Boqueixón. Así o anunciou hoxe en Vilanova de Arousa o presidente do organismo, Francisco López Valladares, no transcurso dun percorrido pola ría para coñecer de primeira man este tipo de produción. Ademáis de integrantes do pleno do Consello e de autoridades locais, estivo acompañado pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez Moreda; e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez Vázquez.

“Galicia é pioneira en produción de mexillón ecolóxico en Europa. Desde que en 2010 saíron as primeiras 12 toneladas da ría de Arousa, o sector non deixou de medrar. O consumidor valora cada vez máis o ecolóxico, tanto por cuestións de saúde como de respecto ao medio ambiente”, argumentou López Valladares. O presidente do Craega fixo fincapé en que o crecemento do sector foi paulatino e constante desde aquela. Superado o período de conversión obrigatorio que estipula a normativa para as bateas (tres meses), a primeira gran eclosión rexistrouse en 2013. Entón computáronse 66 plataformas flotantes. A súa xestión estaba repartida entre 34 empresarios.

O éxito do primeiro mexillón ecolóxico no mercado, en particular nos circuítos internacionais, seguiu empurrando pouco a pouco a un segmento que hoxe suma 208 bateas. Este sector facturou en 2018 máis de 4,1 millóns de euros, case 38 veces máis que cinco anos antes. O 97% atópanse en Arousa e o resto un pouco máis ao sur, en Cangas do Morrazo. O negocio distribúese entre 42 operadores, o 70% agrupados baixo o paraugas da Asociación de Mexilloeiros Illa de Arousa.

Valladares explicou que máis da metade do bivalvo con selo se destina ao mercado exterior. Alemaña, Reino Unido e Austria, por esta orde, son os principais importadores. O molusco galego tamén chega ata Dinamarca, Países Baixos e Italia.

ALGAS E PRODUTOS INDUSTRIAIS. Concentrada tamén nas provincias atlánticas, a produción acuícola ecolóxica atopou outro nicho de mercado na recolleita sostible de algas. O volume de vendas certificadas do curso pasado acadou os 959.720 euros, practicamente dúas veces máis que en 2013. As súas propiedades nutritivas e o protagonismo que vai adquirindo na nova cociña están a converter este produto nunha delicatessen moi apreciada, en particular fóra das nosas fronteiras.

Algas e mexillón son a base doutra actividade que contribúe a incrementar de forma exponencial as vendas. Cun resultado de 11,8 millóns de euros en 2018, as industrias absorben o 69,8% da facturación acuícola con selo do Craega. As conservas de peixe (9.813.582 €) son o produto estrela. Aínda que con menor peso nas contas (dous millóns de euros), van abríndose paso os preparados alimenticios (salsas, ensaladas envasadas, patés, etc). Neste caso o domicilio social das empresas vai máis alá das provincias atlánticas e aparecen tamén firmas con sede en Lugo e Ourense.

SEGUNDA SEDE EN BOQUEIXÓN. Para dar visibilidade ao peso que vén adquirindo a acuicultura ecolóxica nos últimos anos, o Craega celebrou este venres o seu primeiro pleno á beira do mar, no pazo de Vista Real. Foi despois de realizar o percorrido en catamarán pola ría e de xantar coa conselleira do ramo, Rosa Quintana, na localidade arousá.

O encontrou serviu para aprobar a posta en marcha da segunda sede do Consello en Boqueixón. Extensión das oficinas que desde 1997 funcionan en Monforte de Lemos, a estrea neste punto estratéxico (á beira de Santiago e na liña do corredor A Coruña-Vigo) ten como obxectivo satisfacer a demanda acuícola e, ao mesmo tempo, deslocalizar a xestión do Craega para achegarse ás provincias atlánticas.

As novas dependencias estarán nas instalacións que a Xunta lle cede á entidade no pazo de Sergude, edificio no que xa comparten teito outros consellos reguladores. Para abrir o novo servizo, o Consello contratará a dous técnicos que centrarán a súa actividade nas provincias atlánticas.

A segunda sede pretende ademais paliar os problemas de espazo que agora mesmo atravesa o organismo que controla e certifica a produción ecolóxica en Galicia. Na actualidade ocupa varias salas do inmoble Multiusos de Monforte, en virtude dun acordo co Concello que está a piques de expirar. Nesta liña, o equipo de goberno reiterou o seu interese de chegar a un acordo coa Deputación de Lugo para mudarse ao Pazo de Tor.

Consultar a normativa de acuicultura ecolóxica completa.

Táboas cos balances de acuicultura ecolóxica 2013-2018.

Boas sensacións no Craega trala primeira edición de Organic Food Iberia

O Craega participou cun stand de 78 m2 na primeira edición de Organic Food Iberia (Ifema-Madrid). Foto: Craega

O sector ecolóxico galego despide con boas expectativas o calendario feiral do primeiro semestre. Celebrada en Ifema (Madrid) entre o 6 e o 7 de xuño, Organic Food Iberia (OFI) deixou sensacións excelentes entre as nove empresas que participaron no evento baixo o paraguas do CRAEGA. Xunto con Eco Living Iberia, a cita xorde co obxectivo de converterse nun referente deste segmento en España e Portugal.

Durante as dúas xornadas, no stand C614 houbo un continuo ir e vir de profesionais que aproveitaron para manter contactos cos expositores e interesarse polos seus produtos. Nos vindeiros meses será posible concretar se as primeiras conversas se materializan en contratos comerciais. Con 78 m² de superficie, a esta acción sumáronse Toca (Mieles Anta), Porto-Muíños, Eco González (Jamones González), The Bio Factory (A Factoría Ecolóxica), Coraçai, Casa Grande de Xanceda, Gudi Eco Foods (Eco Bracan S.L.), Galician Brew e Orballo. Ademais, dous representantes do Consello viaxaron ata Madrid para informar aos visitantes tanto sobre a actividade do propio organismo como do que atinxe aos operadores inscritos.

A primeira edición de OFI pechouse cun balance de 5.180 asistentes, segundo as cifras facilitadas desde a organización. Prevista entre o 4 e o 5 de xuño de 2020, para a próxima convocatoria xa está reservado o pavillón 7 de Ifema, o cal dispón dun 50% máis de espazo.

Durante os seis primeiros meses, o Consello tamén estivo con stand propio en Biofach (Núremberg, Alemaña), Natural & Organic Products Europe (Londres) e Biocultura Barcelona. En Tutto Food 2019 (Milán), o CRAEGA contou cun representante que ocupou un espazo no posto habilitado pola Consellería do Mar

Tres centros escolares de Trabada, O Bolo e Santiago gañan o concurso ‘Faite Eco do Lóxico’

Capturas dos vídeos do CEIP do Bolo (arriba) e do IES Xelmírez II (abaixo, esquerda) e imaxe da horta do Currás, o traballo dos escolares do CEIP Celso Currás.

A segunda edición do concurso Faite Eco do Lóxico xa ten gañadores. Convocado polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), os premios recaen desta vez no CEIP Celso Currás (Trabada, Lugo), o CEIP O Bolo (O Bolo, Ourense) e o IES Xelmírez II (Santiago, A Coruña). Baixo o título Por que elixir produtos ecolóxicos?, o certame nace co obxectivo de recoñecer o esforzo da comunidade educativa á hora de achegarse a este sector.

Na categoría de Infantil, o traballo elixido é o presentado polo CEIP Celso Currás. O xurado valora a minuciosidade da proposta do centro de Trabada, xa que os nenos elaboraron unha maqueta que reproduce un horto con plastilina e material de refugallo. Co lema Se san queres estar, os nosos produtos ecolóxicos debes probar, os cativos fixeron unha plantación con leitugas, tomates, cabazas e cenoria, entre outros.

O máximo galardón na categoría de Primaria foi parar ao CEIP O Bolo. Aos integrantes do comité de selección chamoulles a atención neste caso a orixinalidade do traballo, un vídeo no que os estudantes interpretan un rap para defender as vantaxes do produto ecolóxico fronte ao convencional. No transcurso da peza, o alumnado do colexio ourensán amosa o arco da vella saudable (con pratos equilibrados incluídos) e o horto do centro.

Xa por último, o galardón na categoría de Secundaria é para o IES Xelmírez II. Co título Consome ecolóxico, os alumnos do instituto compostelán relatan nun vídeo as características deste tipo de produto e o seu sistema de produción.

Os centros premiados recibirán unha cesta de produtos ecolóxicos certificados polo CRAEGA antes de que remate o período lectivo. O curso pasado o gañador foi o CEIP Plurilingüe de Lousada (Guntín, Lugo). 

CHARLAS EN CENTROS DE TODA GALICIA. O certame escolar pon o punto e final ao programa Faite Eco do Lóxico, un programa impulsado polo CRAEGA no marco do Plan Proxecta, iniciativa esta última que parte desde a Consellería de Educación. Dirixido a primaria, ESO, bacharelato e FP, na convocatoria do Consello inscribíronse 46 centros de toda Galicia. Para achegar a agricultura ecolóxica aos máis novos, impartíronse charlas, organízaronse degustacións e enviáronse xogos á maior parte dos centros participantes.

Faite Eco do Lóxico é unha acción promovida polo CRAEGA con axuda do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER)-Europa inviste no rural e a Xunta.

TRABALLOS PREMIADOS:

1. CEIP Celso Currás (Trabada, Lugo). Ver traballo

2. CEIP O Bolo (O Bolo, Ourense). Ver traballo

3. IES Xelmírez II (Santiago, A Coruña). Ver traballo

O Craega participa nun curso sobre ecocomedores escolares en Allariz

Curso ecocomedores AllarizO Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) participa o vindeiro xullo nun curso sobre ecocomedores que organiza a Universidade de Vigo en Allariz. Baixo o título Comedores escolares ecolóxicos, avanzando cara unha economía circular nas Reservas de Biosfera, expertos de diferentes ámbitos abordarán a realidade dos menús escolares tanto dentro como fóra da comunidade.

A convocatoria pretende, entre outros aspectos, visibilizar os impactos da compra de alimentos de proximidade nas economías locais, coñecer as novas tendencias en modelos nutricionais para os comedores ou debater sobre o futuro da alimentación nos colexios de Galicia.

A celebrar entre o 1 e o 5 de xullo no municipio ourensán, está prevista a intervención de representantes das Reservas de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Área de Allariz, Ordesa-Viñamala e Valles de Omaña y Luna. Os asistentes tamén terán ocasión de escoitar como funcionan os comedores da escola infantil municipal A Caracola (A Coruña) ou os que xestiona o Concello de Ames. De fóra de Galicia chegarán para explicar o seu modelo portavoces das escolas infantís de Pamplona e de Cataluña. En nome do Craega ofrecerá unha charla o seu secretario, Javier García Lozano. O mércores 3 (10 h.) impartirá unha charla sobre a certificación da agricultura ecolóxica na comunidade.

Consulta o programa completo neste enlace.

Cole gañador de ‘Faite Eco do Lóxico’ 2017-2018: “Temos a esperanza de que sexa o xermolo dun xeito de vida máis san”

Alumnos do CEIP de Lousada (Guntín) realizando tarefas agrícolas no patio do colexio

Faite Eco do Lóxico deixou pegada no CEIP Plurilingüe de Lousada (Guntín), gañador do primeiro certame que convoca o Craega no seo deste programa educativo. “O pasado setembro, cando volvemos ao cole, a primeira preocupación do alumnado foi o invernadoiro: que iamos plantar, como preparar a terra, como gardar as sementes…”, conta M.ª Luisa Vázquez Viana, responsable do Plan Proxecta no centro. “Hoxe xa temos unhas cantas leitugas para autoconsumo e estamos agardando a colleita de repolos, coliflores e brócoli”, celebra a mestra.

O documental que fixeron os rapaces sobre que significa o ecolóxico mereceu o máximo galardón do Consello no curso 2017-2018. “No traballo implicouse todo o colexio. Todos foron quen de sentirse protagonistas”, engade a coordinadora. Por iso resultou unha experiencia tan positiva e a dirección do centro non dubidou en repetir este ano. “Fomos quen de inculcarlles aos nenos a importancia de cultivar e consumir produto ecolóxico e que ademais levaran a mensaxe á súa casa”, sinala Vázquez Viana. Unha mensaxe que non foi moi difícil de trasladar porque, nesta zona, unha alta porcentaxe das familias se dedica á agricultura e á gandería.

Este programa “é un labor de longo percorrido, ten que ir afianzándose pouco a pouco. Temos a esperanza de que sexa o xermolo dun xeito de vida máis san”, argumenta. Por iso, o CEIP de Lousada decidiu inscribirse de novo nesta modalidade do Plan Proxecta.

46 CENTROS, NA SEGUNDA EDICIÓN. A segunda edición de Faite Eco do Lóxico está a superar todas as expectativas. Promovido polo Craega no seo do Plan Proxecta, conta coa participación de 46 centros escolares de toda Galicia (34 de infantil e primaria e 12 de secundaria). O ano pasado anotáronse 34. Iniciativa da Consellería de Educación, o programa pretende afondar en aspectos vencellados coa ciencia, as novas tecnoloxías, a reciclaxe ou a alimentación mediante o traballo en rede. Deste xeito, comunidade educativa e entidades colaboradoras tenden pontes ao longo de todo curso académico para intercambiar coñecementos.

Baixo o paraugas de Aliméntate ben (impulsado por Medio Rural, Mar e Sanidade), o Consello dispón da modalidade Fai Eco do Lóxico. O seu cometido non é outro que fomentar o consumo de produto eco amosando ao alumnado os seus beneficios, tanto para a saúde como para o medio ambiente. Para iso, o Craega está a organizar charlas, degustacións e xogos en centros de  toda  a  comunidade.  Para  pechar  o programa, celebrarase un concurso final no que se avaliarán os coñecementos adquiridos polos estudantes.

O Craega desembarca en Organic Food Iberia con nove firmas eco

O eco galego pecha o calendario feiral do primeiro semestre coa súa participación en Organic Food Iberia. A celebrar en Ifema (Madrid) entre os días 6 e 7 de xuño, a convocatoria nace co obxectivo de converterse na referencia do sector en España e Portugal. Esta primeira edición é unha cita ineludible para as industrias especializadas en produtos agroalimentarios, bebidas e viños ecolóxicos.

No stand C614 -78 m²- estarán as nove empresas que se suman ao evento baixo o paraugas do CRAEGA: Toca (Mieles Anta), Porto-Muíños, Eco González (Jamones González), The Bio Factory (A Factoría Ecolóxica), Coraçai, Casa Grande de Xanceda, Gudi Eco Foods (Eco Bracan S.L.), Galician Brew e Orballo. Ademais, dous representantes do Consello ocuparanse de informar aos visitantes tanto sobre a actividade da propia entidade como do que atinxe operadores inscritos.

De carácter internacional e dirixida exclusivamente ao público profesional, a organización prevé reunir a máis de 500 expositores entre Organic Food Iberia e o salón de cosmética e moda Eco Living Iberia. Coa que se celebra en Madrid a principos de xuño, o CRAEGA culmina un intenso primeiro semestre que levou o eco galego ata Alemaña (Biofach), Londres (NOPE), Milán (Tutto Food) e máis recentemente Barcelona (Biocultura).

ACTIVIDADES INTERECO. Durante os dous días de feira, Intereco (asociación sen ánimo de lucro da que forma parte o CRAEGA) organiza diferentes accións promocionais, de divulgación e formativas. Entre as máis destacadas atópanse as seguintes:

  • Mesa redonda sobre harmonización internacional de normas da produción ecolóxica. Desenvolverase o xoves 6 de xuño (sala 14.5, 16.30-18 h.). É recomendable reservar praza neste enlace.
  • Entrega de premios da Organic Food Iberia (xoves 6, de 19 a 20 h.).
  • Obradoiro técnico-práctico de etiquetado profesional. Organizado xunto coa Asociación Vida Sana e coa colaboración do Comité de Agricultura Ecolóxica de Comunidade de Madrid, terá lugar o venres 7 (Organic Theatre, de 15.25 a 16.15 h.).
  • Degustacións e charlas. Durante as dúas xornadas terán lugar diferentes actividades para catar os produtos no stand de Intereco (F700S).

Carlos Spuch: “O importante dos produtos eco é o que non teñen”

Carlos Spuch
Carlos Spuch, neurocientífico do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e coordinador da Rede Galega de Investigación en Demencias, é un gran defensor do produto ecolóxico

Romper o ciclo natural das cousas ten un prezo. E a ciencia corrobórao pouco a pouco. Demostrado está que pesticidas como o DDT –xa prohibido– inciden no alzhéimer e que hai outros que se relacionan co párkinson. Existen ademais “evidencias” de que estas e outras enfermidades como a depresión poderían ter a súa orixe no intestino. Por iso, levar unha alimentación saudable, a base de produto ecolóxico e sen procesados, é tan importante para previr determinadas doenzas. É o que defende Carlos Spuch, neurocientífico do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e coordinador da Rede Galega de Investigación en Demencias. Agora ten entre mans un proxecto piloto que intenta probar que a dieta ecolóxica é quen de diminuír a actividade inflamatoria no intestino.

Somos o que comemos?
Estamos formados por un montón de substancias. Desde que nacemos ata que morremos, o que incorporamos ao noso organismo chega a través da respiración, da alimentación ou do que nos poida picar o médico. Nada máis. Na respiración inflúen factores externos como a contaminación, pero o demais depende da nutrición. Cando es neno, se inxires un tipo de graxa determinado, hidratos de carbono en exceso e ademais hai déficit de proteínas, modifícase o neurodesenvolvemento e iso vai ter consecuencias na idade adulta.

Entón non hai alimentos nin bos, nin malos. Todo é unha cuestión de equilibrio…
O difícil é estar equilibrado. Salvo que haxa unha patoloxía que o impida, a mellor dieta é aquela na que comes de todo e variado. As graxas non se deben eliminar nunca por completo. Son moi importantes para o sistema nervioso. O 70% do cerebro está composto de graxa e as nosas neuronas necesítana para funcionar. Que sucede entón cando consomes unha dieta alta en hidratos e baixa en graxa? Que o desenvolvemento do cerebro non é bo. Hai estudos que demostran que os nenos que consumiron poucas graxas teñen un desenvolvemento cognitivo un pouco máis lento. Son normais, pero lévalles máis tempo resolver problemas ou reaccionar fronte a certas cousas. En resumo, cómpre comer de todo e variado.

Convén logo incluír as graxas na dieta?
Pois claro. O que hai é que escoller o tipo de graxa e atopar o equilibrio. En Galicia temos dous dos alimentos con mellor composición de ácidos graxos que existen no mundo: o peixe azul e o leite. O que non sabe a xente, en termos xerais, é que os ácidos malos son necesarios para a correcta absorción dos bos. O de que algo é bo ou malo é moi relativo. A natureza mesma é así e todo ten as súas funcións.

Estamos a envelenarnos coa alimentación de hoxe en día?
Envelenar é un pouco forte, pero si que estamos a modificar os nosos patróns alimentarios. O prexudicial é tomar sempre produtos procesados. Por outra banda, é positivo que xurdan tendencias bio. Pouco a pouco, a ciencia demostra que a dieta dos nosos avós era mellor que a de hoxe. Pero volvendo ao veleno, quizais habería que dicir que si, polo excesivo uso de pesticidas que se rexistra na actualidade. Cada vez saen máis estudos que verifican que certos praguicidas cunha alta concentración en alimentos provocan problemas crónicos no noso corpo. Por iso, son un defensor do produto ecolóxico: o máis importante non é o que teñen, senón o que non teñen.

Como poden intervir os alimentos en enfermidades como o alzhéimer ou o párkinson?
Cada vez saen máis evidencias do que todo o mundo sabe. Xa entre a década dos 80 e 90, un estudo demostrou que había pacientes de alzhéimer cun elevedo nivel de DDT no cerebro. A raíz das presións do Goberno sueco, acabouse prohibindo (permítese o seu uso nalgún caso). Tamén hai evidencias de que certos praguicidas constitúen un factor de risco para o párkinson. Basta con facer a proba cunha rata: se inxectas o composto en cuestión no seu cerebro, matas as súas neuronas. Ese é o modelo do párkinson. A maior parte dos pesticidas empréganse para controlar pragas e malas herbas, pero moitos teñen efectos neurotóxicos. Acumúlanse en niveis moi elevados en froitas e verduras que nós despois inxerimos e, polo tanto, pasan ao noso organismo.

Tamén di vostede que no intestino se pode atopar a orixe de moitas doenzas…
Hoxe en día un dos grandes focos de atención é a microbiota intestinal (as bacterias e outros mi- croorganismos que residen no intestino). Todos os alimentos teñen que pasar pola flora bacteriana para que poidamos absorbelos. Sospéitase que certas poblacións de bacterias están orixinando a depresión, determinada manifestación do alzhéimer, o autismo… E quen modifica a flora bacteriana? Os alimentos. A flora bacteriana é un reflexo do que comes. Por exemplo, a serotonina é un neurotransmisor asociado á depresión. O 90 % está no intestino. Cando a microbiota está alterada, a parede intestinal inflámase e a produción de serotonina trastórnase. Se a investigación logra demostrar que a orixe destas enfermidades está no intestino, poderemos controlar a depresión regulando a flora bacteriana.

É máis san consumir ecolóxico?
Si. Porque o produto ecolóxico non ten ningún tipo de químico. E ademais adoita ser un produto de proximidade: madura de forma natural na horta durante o tempo que precisa e chega máis rápido aos puntos de venda. Eses antioxidantes tan beneficiosos para a saúde dos que tanto se fala, son compostos que producen as froitas e verduras para loitar contra a exposición solar ou contra o ataque de bacterias e fungos. E iso que significa? Que non é o mesmo comer unha froita que madurase ao sol que outra que o fixese dentro dunha cámara. Na medida posible, hai que consumir produtos da túa rexión e de tempada. Cómpre asumir que non se poden comer amorodos todo o ano porque non se producen. Cada alimento ten a súa época. Só con iso, sería suficiente para provocar o boom económico dunha determinada zona.

Vostede está intentando probalo…
O noso grupo ten entre mans un proxecto piloto con pacientes con enfermidade inflamatoria intestinal. Ademais de analizar os niveis de inflamación no intestino, tamén recollemos datos sobre a presenza de certos pesticidas nos ouriños. Despois mudamos os seus hábitos alimenticios e poñémoslles unha dieta ecolóxica. Aos 15 días volvemos a avalialos. Esperamos que a dieta ecolóxica diminúa a actividade inflamatoria no intestino e que mellore o seu estado de saúde xeral.

Éxito do CRAEGA en Biocultura Barcelona 2019

O CRAEGA participou na 26ª edición de Biocultura Barcelona cun stand de 66 m2

O sector eco galego regresa satisfeito da 26ª edición de Biocultura Barcelona. As trece empresas que acudiron á feira baixo o paraugas do CRAEGA coinciden en sinalar o éxito de ventas dunha convocatoria que medra ano tras ano. Celebrada entre o 9 e o 12 de maio, pechou cunha cifra superior aos 74.000 visitantes, segundo o balance da organización.

Dirixido a consumidor e profesionais, a que acolle o Palau Sant Jordi constitúe un escaparate excepcional para introducir o produto ecolóxico galego na franxa mediterránea. No stand agrupado do Consello -66 m²- compartiron espazo Toca (Mieles Anta), Sovoral, Paporroibo, Biowak, Casa Castelao, Galician Brew, Terra de Baronceli, Pecado de Outono, Orballo, Producto de Aldea, Cervexa Celebridade Galega, Green Mixology e Galuriña. O CRAEGA participou na feira por terceiro ano consecutivo e, a tenor da boa impresión dos operadores, de seguro que non será a última.

ÉXITO DE TUTTO FOOD. Tamén a principios de maio, entre os días seis e nove, o eco galego viaxou ata Milán para sumarse a Tutto Food 2019. Cunha participación récord de 82.551 operadores, a última edición vén confirmar que xa é unha plataforma clave para a industria alimentaria de Italia.

Cun espazo propio no posto que habilitou a Consellería do Mar, o CRAEGA contou alí cun representante que viaxou cos produtos de oito operadores inscritos: HQSeawed, Jamones González, Casa Castelao, El Molino de Isabel, Gudi Eco Foods (Eco Bracan), Palacio de Oriente, Mieles Anta e Porto-Muíños.

GALERÍA DE BIOCULTURA BARCELONA 2019

O CRAEGA reclama a presenza de alimentos ecolóxicos nos comedores escolares

Manuel Corredoira López (director xeral de Educación), esquerda, Francisco López Valladares (presidente do CRAEGA), José González (conselleiro do Medio Rural), Mª Pilar Tobar Quintanar (directora do IES Xelmírez II) e Manuel Rodríguez, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). Foto: Xoán Crespo/Xunta

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) reclama a presenza dos alimentos ecolóxicos nos comedores escolares. “O produto que certifica o CRAEGA é deficitario tanto nas escolas como nos eventos públicos”, advertiu hoxe en Santiago o presidente da entidade, Francisco López Valladares. Neste senso, brindou a súa colaboración á Xunta para que, en vindeiras licitacións do servizo de comedores, puntúe tamén positivamente o ecolóxico e non só o alimento de tempada e de proximidade. “Os nenos de agora son os adultos do mañá e a súa saúde debe ser unha prioridade para o conxunto da sociedade”, engadiu. “O CRAEGA quere chegar ao prato de todos: da xente nova e da que non é tan nova. Porque só así lograremos espertar definitivamente ao noso rural e alimentarnos mellor”, sinalou.

López Valladares fixo esta demanda coincidindo co acto de apertura da segunda edición de Faite Eco do Lóxico no IES Xelmírez II. En presenza do conselleiro de Medio Rural, José González, do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e do director xeral de Educación, Manuel Corredoira, o presidente do CRAEGA lembrou que este programa serve para achegar a agricultura ecolóxica a 46 centros de infantil, primaria e secundaria de toda a comunidade. “A Galicia despoboada ten un aliado neste sector, estratéxico á hora de dinamizar o rural sen destruír a súa esencia. Sostible e respectuosa co medio ambiente, é unha opción de vida para o produtor, pero tamén para o consumidor”, recalcou. “É fundamental que as novas xeracións dediquen unha parte do seu programa educativo a este sector cada vez máis relevante. A concienciación é un traballo de todos. Da familia, da escola e das institucións públicas”, engadiu.

O conselleiro do Medio Rural animou aos preto de 80 mozos participantes na charla a confiar na produción ecolóxica. “Os mellores produtos do mundo son os de Galicia e, en concreto, os ecolóxicos, produtos 100% naturais sen ningún tipo de engadido químico”, declarou.

Para González, a agricultura ecolóxica é “o futuro que vén do pasado” e proba diso é que cada vez máis xente aposta por mercar este tipo de alimentos. De feito, nos últimos anos a agricultura ecolóxica en Galicia está a rexistrar un crecemento destacado cun aumento do 33% no volume de ventas certificadas, que pasou de 59 millóns de euros en 2017 a 78,7 millóns o pasado ano.

Pola súa banda, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, salientou a importancia do Plan Proxecta -no que se enmarca este programa- como paraugas coordinador de todas as iniciativas impulsadas desde diferentes consellerías e organismos para fomentar diversos valores de forma transversal a través do ensino. Neste caso concreto, Faite Eco do Lóxico (integrado na liña Aliméntate Ben) contribúe a concienciar aos máis novos dos beneficios para o medio ambiente e para a saúde dos produtos ecolóxicos, promovendo hábitos de vida saudables.

SEGUNDA EDICIÓN. O CRAEGA participa por segundo ano consecutivo no Plan Proxecta, unha iniciativa da Consellería de Educación que tende pontes entre a comunidade educativa e diferentes entidades sectoriais como este Consello. Dirixido a primaria, ESO, bacharelato e FP, no curso 2018-2019 fixouse un límite de 30 centros. A demanda superou todas as expectativas e acadou as 46 solicitudes. Nas charlas -como a que acolleu hoxe o IES Xelmírez II- inscribíronse 29 centros das catro provincias. Os escolares tamén están a recibir degustacións de produtos ecolóxicos e xogos no marco desta convocatoria. Como colofón, o CRAEGA convoca un concurso con tres categorías (infantil, primaria e secundaria) para premiar os mellores traballos sobre agricultura ecolóxica desenvolvidos durante o curso. En cada modalidade outorgarase un galardón único consistente nunha cesta de produtos ecolóxicos. O fallo darase a coñecer a principios de xuño.

Faite Eco do Lóxico é unha acción promovida polo CRAEGA con axuda do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER)-Europa Inviste no Rural e a Xunta.