Arquivos da etiqueta: Organic Food Iberia

O coronavirus muda o calendario de feiras ecolóxicas

Celebrada en Núremberg (Alemaña), Biofach abriu o calendario de ferias do Craega en 2020

A pandemia do coronavirus obrigou a cancelar ou pospoñer moitas feiras e encontros de interese para os operadores ecolóxicos, en particular os que estaban programados para o primeiro semestre do ano. Repasamos por orde cronolóxica aqueles nas que ten previsto participar o Craega, ben con estand agrupado ou a través de colaboracións institucionais:

  • Salón Gourmets. Prevista en Ifema (Madrid) do 30 de marzo ao 2 de abril, retrasa a súa celebración a 2021, do 12 ao 15 de abril. Evento europeo máis importante dedicado en exclusiva a produtos delicatessen, o Craega tiña prevista unha degustación de produto ecolóxico no marco da programación desenvolvida pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).
  • Alimentaria 2020. De carácter bianual, o salón profesional ía ter lugar do 20 ao 23 de abril en Fira Barcelona, pero a organización decidiu pospoñela primeiro ao 14-17 de setembro e posteriormente a maio de 2021. Varias empresas certificadas polo Craega teñen comprometida a súa participación no espazo que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación reserva á produción ecolóxica. 
  • Organic Food Iberia. Tamén dirixida ao público profesional, estaba programada para o 3-4 de xuño en Ifema (Madrid). A raíz do estado de alarma, nun primeiro momento Diversified Communications trasladou a convocatoria a setembro, pero finalmente avogou por cancelar a edición deste ano e fixar a próxima cita entre o 9 e o 10 de xuño de 2021. O Consello tiña previsto acudir cun estand agrupado.
  • Biocultura Barcelona. Convocada do 7 ao 10 de maio no Palau Sant Jordi, a Asociación Vida Sana aprazou a cita a setembro (do 24 ao 27). O Craega participará cun estand agrupado no que terán cabida 10 operadores certificados.

Biofach 2020: o eco galego gaña peso no mercado exterior

Baixo o paraugas do Craega, oito empresas certificadas levaron as súas propostas a Biofach 2020

Oito empresas certificadas polo Craega acaban de aterrar en Galicia procedentes de Núremberg (Alemaña) despois de catro intensos días de feira. En Biofach 2020, o sector eco galego amosou unha vez máis o seu potencial no que está considerado o escaparate internacional de referencia en produción bio. Baixo o paraugas do Consello, promocionaron as súas novas propostas Porto-Muíños; Toca Honey (Mieles Anta); Quescrem (Innolact); Jamones González; Conservas Orbe; The Bio Factory; Coraçai e Orballo

Ata o stand 5 – 281 achegarónse representantes de diversas compañías e organizacións que viñeron a reforzar as axendas dos expositores. A viaxe ao país xermano tamén serviu para manter reunións con clientes que, desde diferentes puntos do mundo, se deron cita en Núremberg para estudar novas canles de negocio. Nos vindeiros meses os participantes estarán en condicións de concretar se as boas sensacións se materializan en frutíferas relacións comerciais.  

O Craega non é un recén chegado a Biofach. A de 2020 era a súa vixésima edición. Nesta ocasión acudiu cun innovador stand de cartón que tiña como leitmotiv o lema Somos Semente, título da campaña publicitaria online que o Consello puxo en marcha meses atrás para promover a agricultura ecolóxica en Galicia.  

A de Núremberg constitúe unha cita estratéxica para os profesionais do sector orgánico. En marcha desde 1990, Biofach e Vivaness -o salón de cosmética natural- habilitaron na pasada edición 12 pavillóns e reuniron a 3.273 expositores de 98 países. 

OUTRAS FEIRAS. O Craega inaugurou o calendario de feiras sectoriais en Biofach. A seguinte parada será Biocultura A Coruña, a celebrar do 28 de febreiro ao 1 de marzo na cidade herculina. No stand agrupado do Consello haberá 21 empresas certificadas. 

Asemade, a entidade que controla e certifica a produción ecolóxica en Galicia prevé asistir a outras dúas edicións de Biocultura (Barcelona e Madrid) e a Organic Food Iberia (Madrid).

O Craega volve por vixésima vez a Biofach, feira líder de produtos eco

Stand do Craega en Biofach 2019, a feira mundial de produtos orgánicos.

O sector eco galego xa quenta motores para Biofach 2020. A celebrar entre o 12 e o 15 de febreiro en Núremberg (Alemaña), o Craega contará por vixésima vez con stand propio. Considerada a feira líder mundial de produtos orgánicos, ofrece unha panorámica completa deste segmento, desde produción e certificación ata transformación e comercialización. Dirixido ao público profesional, o programa inclúe seminarios, workshops e conferencias sobre temas de actualidade.

Baixo o paraugas do Craega, compartirán espazo -82 m2– oito empresas: Porto-Muíños, Toca Honey (Mieles Anta), Quescrem (Innolact), Jamones González, Conservas Orbe, The Bio FactoryCoraçai e Orballo. As propostas do Consello poderán atoparse no hall 5, stand 5 – 281. 

En funcionamento desde 1990, Biofach é a maior feira de produción ecolóxica do mundo. Na última edición pasaron polo Messezentrum máis de 51.500 persoas (o 50% de procedencia internacional). Ademais de Alemaña, no top 5 de visitantes atópanse Italia, Austria, Francia e España. Nos 12 pavillóns habilitados para Biofach e Vivaness –o salón de cosmética natural- déronse cita 3.273 expositores de 98 países.

OUTRAS FEIRAS. A de Núremberg inaugura o calendario de feiras do Craega para 2020.  Pouco despois, do 28 de febreiro ao 1 de marzo, terá lugar a segunda edición de Biocultura A Coruña. Ao igual que en 2018, o Consello contará con stand agrupado para que os seus operadores teñan ocasión de poñer os seus produtos ao alcance de visitantes profesionais e público xeral. 

Na axenda tamén se inclúen a segunda edición de Organic Food Iberia (Madrid, 3-4 de xuño) e Biocultura Madrid (Madrid, 26-29 de novembro), entre outras convocatorias. 

O sector eco galego viaxa a feiras en Milán, Barcelona e Madrid

Imaxe de arquivo da feira Biocultura Barcelona

Trece empresas ecolóxicas certificadas participan na 26ª edición de Biocultura Barcelona. A celebrar entre o 9 e o 12 de maio no Palau Sant Jordi, o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) súmase por terceiro ano consecutivo á que está considerada a feira orgánica máis importante do Estado español. Organizada pola Asociación Vida Sana para profesionais e público xeral, prevé reunir a máis de 700 expositores. A programación inclúe máis de 400 actividades entre showcooking, eco-foodtrucks, obradoiros e concertos.

O CRAEGA contará de novo cun stand agrupado de 66 m² no que compartirán espazo as trece firmas inscritas: Toca (Mieles Anta), Sovoral, Paporroibo, Biowak, Casa Castelao, Galician Brew, Terra de Baronceli, Pecado de Outono, Orballo, Producto de Aldea, Cervexa Celebridade Galega, Green Mixology e Galuriña. Durante catro días, no Palau Sant Jordi será posible atopar produtos ecolóxicos certificados polo Consello como mel, infusións, aceites vexetais, embutidos, cervexas, marmeladas, viño, destilados e ata empanadas.

ORGANIC FOOD IBERIA. En xuño, o sector ecolóxico galego sae de novo de viaxe para para sumarse á primeira edición da feira internacional Organic Food Iberia. A cita terá lugar desta vez en Ifema (Madrid) entre os días 6 e 7. Dirixida ao público profesional, aspira a converterse en punto de encontro entre os principais representantes do sector agroalimentario, as bebidas e os viños ecolóxicos.

No stand do CRAEGA -78 m²- compartirán espazo nove empresas certificadas: Toca (Mieles Anta), Porto-Muíños, Eco González (Jamones González), The Bio Factory (A Factoría Ecolóxica), Coraçai, Casa Grande de Xanceda, Gudi Eco Foods (Eco Bracan S.L.), Galician Brew e Orballo. No recinto daranse cita centos de expositores, destacados relatores, formadores de opinión e grupos de debate. En paralelo, terá lugar Eco Living Iberia, outra convocatoria internacional enfocada neste caso aos sectores da cosmética, produtos do fogar e moda ecolóxica natural certificada.

TUTTO FOOD 2019, EN MILÁN. O eco galego tamén terá presenza en Tutto Food 2019, unha feira internacional B2B de alimentos e bebidas que cada dous anos organiza Fiera Milano. Desta vez terá lugar entre o seis e o nove de maio. O CRAEGA disporá dun espazo propio no posto que habilitará a Consellería do Mar. Ata alí desprazarase un representante do Consello cos produtos dos oito operadores inscritos: HQSeawed, Jamones González, Casa Castelao, El Molino de Isabel, Gudi Eco Foods (Eco Bracan), Palacio de Oriente, Mieles Anta e Porto-Muíños.

DE ALEMAÑA A REINO UNIDO. Con estas tres feiras, o CRAEGA pecha un intenso primeiro semestre de actividade que levou o produto ecolóxico certificado ata Núremberg (Alemaña) e Londres (Reino Unido). O Consello xa é un veterano participante en Biofach, a feira orgánica máis importante do mundo. O pasado febreiro achegáronse ata o país xermano trece empresas certificadas, a cifra máis elevada desde que este organismo aterrara por primeira vez no encontro en 2000.

Cinco das firmas participantes volveron a saír o pasado abril ao exterior para exhibir os seus produtos no stand que o CRAEGA montou no Excel London no marco da Natural & Organic Products Europe.

CASE 80 MILLÓNS DE EUROS EN VENDAS. O CRAEGA medra ano tras ano. En 2018, as vendas de produto ecolóxico certificado disparáronse un 33,2% e acadaron os 78,7 millóns de euros. Arredor da metade do produto certificado véndese fóra de Galicia. Desta porcentaxe, entre o 20% e o 30% comercialízase no mercado exterior.

O leite UHT e a carne avícola, por esta orde, son os produtos estrela. Cunha facturación superior aos 26 millóns de euros e un crecemento de case 41 puntos, o lácteo é con diferenza o que máis ingresos xera. Galicia certifica o 65% do leite que se consome en España.

A superficie certificada polo Consello tamén anota datos positivos. Con 33.736,44 ha certificadas, o crecemento durante o curso pasado ronda os seis puntos. A provincia con máis terreo en ecolóxico é Lugo, xa que suma 16.507 ha (o 49% do total).

En canto ao número de operadores, o CRAEGA rexistra neste caso unha suba de case oito puntos e computa 1.152 inscritos ao peche de 2018 (un 125,8% máis que en 2008). Cun 37,6%, a vexetal consolídase como a produción maioritaria no conxunto da comunidade.