Arquivos da etiqueta: Natural & Organic Products Europe

Boas sensacións no Craega trala primeira edición de Organic Food Iberia

O Craega participou cun stand de 78 m2 na primeira edición de Organic Food Iberia (Ifema-Madrid). Foto: Craega

O sector ecolóxico galego despide con boas expectativas o calendario feiral do primeiro semestre. Celebrada en Ifema (Madrid) entre o 6 e o 7 de xuño, Organic Food Iberia (OFI) deixou sensacións excelentes entre as nove empresas que participaron no evento baixo o paraguas do CRAEGA. Xunto con Eco Living Iberia, a cita xorde co obxectivo de converterse nun referente deste segmento en España e Portugal.

Durante as dúas xornadas, no stand C614 houbo un continuo ir e vir de profesionais que aproveitaron para manter contactos cos expositores e interesarse polos seus produtos. Nos vindeiros meses será posible concretar se as primeiras conversas se materializan en contratos comerciais. Con 78 m² de superficie, a esta acción sumáronse Toca (Mieles Anta), Porto-Muíños, Eco González (Jamones González), The Bio Factory (A Factoría Ecolóxica), Coraçai, Casa Grande de Xanceda, Gudi Eco Foods (Eco Bracan S.L.), Galician Brew e Orballo. Ademais, dous representantes do Consello viaxaron ata Madrid para informar aos visitantes tanto sobre a actividade do propio organismo como do que atinxe aos operadores inscritos.

A primeira edición de OFI pechouse cun balance de 5.180 asistentes, segundo as cifras facilitadas desde a organización. Prevista entre o 4 e o 5 de xuño de 2020, para a próxima convocatoria xa está reservado o pavillón 7 de Ifema, o cal dispón dun 50% máis de espazo.

Durante os seis primeiros meses, o Consello tamén estivo con stand propio en Biofach (Núremberg, Alemaña), Natural & Organic Products Europe (Londres) e Biocultura Barcelona. En Tutto Food 2019 (Milán), o CRAEGA contou cun representante que ocupou un espazo no posto habilitado pola Consellería do Mar

NOPE de Londres: o sector eco galego bota raíces no exterior

Empresas participantes no stand que montou o Craega na NOPE 2019

O sector ecolóxico galego bota raíces no mercado internacional. Despois de dous intensos días na Natural & Organic Products Europe (NOPE), o produto que certifica o Craega amplía as súas oportunidades de negocio no exterior. Ata o stand que o Consello habilitou no Excel London entre o 7 e o 8 de abril achegáronse moitos profesionais interesados en comercializar o produto dos expositores. Todos os participantes na feira –Toca Honey (Mieles Anta), Pazo de Lusío, Producto de Aldea e Galletas Daveiga – aproveitaron para reforzar as súas relacións internacionais e establecer novos contactos comerciais, cuxos froitos se verán materializados probablemente ao longo dos vindeiros meses. O espazo –de 24 m²- tamén contou con visitas institucionais de representantes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación no Reino Unido e do ICEX.

É a segunda vez que o Craega se suma á NOPE, unha das feiras ecolóxicas máis importantes na axenda británica. Parte das empresas desenvolveron esta acción co apoio do Igape, a Xunta, a UE e a marca turística de Galicia. Segundo a organización, no encontro inscribíronse 700 expositores de ata 48 países. A previsión era pechar cun balance de 10.500 visitantes.

PRÓXIMAS CITAS. O eco galego ten a súa vindeira cita en Milán. Baixo o paraguas da Consellería do Mar, o Craega levará o produto de ocho operadores certificados a Tuttofood 2019, unha feira internacional B2B de alimentos e bebidas que cada dous anos organiza Fiera Milano. A celebrar entre o seis e o nove de maio, en Italia estarán HQSeawed, Jamones González, Casa Castelao, El Molino de Isabel, Gudi Eco Foods (Eco Bracan), Palacio de Oriente, Mieles Anta e Porto-Muíños.