Arquivos da etiqueta: Lugar da Veiga

Cinco empresas do CRAEGA participan na NOPE de Londres

NOPE LONDON-CRAEGA
O pasado ano achegáronse ata a NOPE de Londres 10.500 visitantes (Foto: NOPE)

O sector eco galego saca músculo unha vez máis no mercado exterior e esta mesma fin de semana súmase a unha das feiras verdes máis importantes do Reino Unido. Por segundo ano consecutivo, o CRAEGA participa na Natural & Organic Products Europe (NOPE). A celebrar entre o 7 e o 8 de abril no Excel London, desta vez estará representado por cinco empresas: Mieles Anta (coa súa marca Toca Honey), Pazo de Lusío, Producto de Aldea, Galletas Daveiga e Porto-Muíños. Compartirán un stand de 24 metros cadrados. Parte das empresas desenvolven esta acción co apoio do Igape, a Xunta, a UE e a marca turística de Galicia.

De carácter profesional, a NOPE serve de punto de encontro a tendas independentes, maioristas e distribuidores de produtos saudables, supermercados e compradores de todo o mundo. Segundo as previsións da organización, ata o recinto achegaranse 700 expositores de ata 48 países. O ano pasado pechou cun balance de 10.500 visitantes.

O CRAEGA despediu 2018 cunha facturación récord de 78,7 millóns de euros, un 33,2% máis que o exercicio anterior. Arredor da metade do produto certificado véndese fóra de Galicia. Desta porcentaxe, entre o 20% e o 30% comercialízase no mercado internacional.