Arquivos da etiqueta: Jamones González

Éxito do CRAEGA en Biocultura Barcelona 2019

O CRAEGA participou na 26ª edición de Biocultura Barcelona cun stand de 66 m2

O sector eco galego regresa satisfeito da 26ª edición de Biocultura Barcelona. As trece empresas que acudiron á feira baixo o paraugas do CRAEGA coinciden en sinalar o éxito de ventas dunha convocatoria que medra ano tras ano. Celebrada entre o 9 e o 12 de maio, pechou cunha cifra superior aos 74.000 visitantes, segundo o balance da organización.

Dirixido a consumidor e profesionais, a que acolle o Palau Sant Jordi constitúe un escaparate excepcional para introducir o produto ecolóxico galego na franxa mediterránea. No stand agrupado do Consello -66 m²- compartiron espazo Toca (Mieles Anta), Sovoral, Paporroibo, Biowak, Casa Castelao, Galician Brew, Terra de Baronceli, Pecado de Outono, Orballo, Producto de Aldea, Cervexa Celebridade Galega, Green Mixology e Galuriña. O CRAEGA participou na feira por terceiro ano consecutivo e, a tenor da boa impresión dos operadores, de seguro que non será a última.

ÉXITO DE TUTTO FOOD. Tamén a principios de maio, entre os días seis e nove, o eco galego viaxou ata Milán para sumarse a Tutto Food 2019. Cunha participación récord de 82.551 operadores, a última edición vén confirmar que xa é unha plataforma clave para a industria alimentaria de Italia.

Cun espazo propio no posto que habilitou a Consellería do Mar, o CRAEGA contou alí cun representante que viaxou cos produtos de oito operadores inscritos: HQSeawed, Jamones González, Casa Castelao, El Molino de Isabel, Gudi Eco Foods (Eco Bracan), Palacio de Oriente, Mieles Anta e Porto-Muíños.

GALERÍA DE BIOCULTURA BARCELONA 2019

O Craega consolida a súa presenza en Biofach despois de case dúas décadas

Biofach 2019-Craega
Trece empresas do Craega participaron en Biofach 2019

Despois de case dúas décadas participando con stand propio, o Consello consolida a súa presenza en Biofach. Pechada días atrás en Núremberg, á última edición sumáronse 13 empresas certificadas, a cifra máis elevada desde que o Craega aterrara por primeira vez no encontro en 2000. Feira líder mundial de alimentos ecolóxicos, ata Alemaña viaxaron Connorsa, Conservas Orbe, El Nogal, Jamones González, Galletas Daveiga, Mieles Anta, Pazo de Lusío, Orballo, Porto-Muíños, Produto de Aldea, Green Mixology, The Bio Factory e Coraçai.

Durante catro xornadas, os representantes das empresas aproveitaron para visitar compradores e provedores de produto, reforzar as súas relacións internacionais e establecer novos contactos comerciais, cuxos froitos se verán materializados probablemente ao longo dos vindeiros meses. Distribuidos nun stand de 110 m2 (pavillón 5), cada posto serviu de escaparate para amosar o produto a potenciais clientes. Ata o certame achegouse unha delegación da Consellería de Medio Rural presidida polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez. Durante o percorrido, acompañouno Javier García Lozano, secretario do Craega. Esta acción levouse a cabo co apoio da Xunta e da UE. Pola súa banda, o Igape subvencionou as viaxes e o aloxamento de parte dos expositores.

En marcha desde 1990, Biofach é a maior feira de produción ecolóxica do mundo. Na 30ª edición -celebrada entre o 13 e o 16 de febreiro- achegáronse ao Messezentrum máis de 51.500 persoas (o 50% internacionais), segundo o balance facilitado pola organización. Ademais de Alemaña, no top 5 de visitantes atópanse Italia, Austria, Francia e España. Nos 10 pavillóns habilitados para Biofach e Vivaness –o salón de cosmética natural-, déronse cita 3.273 expositores de 98 países.

A de Núremberg abre o calendario de feiras do Craega para 2019. En abril, está previsto que cinco operadores se despracen a Londres para expoñer en Natural & Organic Products Europe. Xa en España, probablemente haberá stand agrupado en Biocultura (Barcelona e Madrid) e en Organic Food Iberia.

Conta atrás para despegar cara Biofach 2019

O stand do Craega na anterior edición de Biofach (Foto: Craega)

O Craega ata os últimos flocos para emprender rumbo a Núremberg (Alemaña). O 13 de febreiro levanta o pano Biofach 2019, a maior feira de produción ecolóxica do mundo. Trece operadores de diferentes sectores preparan a súa participación na que de seguro será unha cita clave para o seu afianzamento no mercado exterior.

Cara ao país xermano partirán dentro duns días Connorsa, Conservas Orbe, El Nogal, Jamones González, Galletas Daveiga, Mieles Anta, Pazo de LusíoOrballo Innov. Forestales, Porto-Muíños, Producto de Aldea, Green MixologyThe Bio Factory (A Factoría Ecolóxica) e Coraçai. Estarán alí catro xornadas. Esta acción lévase a cabo co apoio da Xunta e da UE. Pola súa banda, o Igape subvenciona as viaxes e o aloxamento de parte dos expositores.

Biofach botou a andar en 1990 coa aspiración de converterse nun referente para os profesionais do sector. Na última edición sumou 2.500 expositores e 44.000 visitantes de 129 países. Para as trece empresas galegas representa unha ocasión excepcional á hora de tecer redes internacionais.