Arquivos da etiqueta: formación

Aberto o prazo de inscrición para o curso sobre xardinería ecolóxica de Bergondo

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), celebrará en Bergondo un taller temático sobre xardinería ecolóxica do 30 de maio ao 2 de xuño, en horario de 16:00 a 20:00 horas. O curso terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo.

Ao longo de 16 horas lectivas, daranse a coñecer as técnicas empregadas en xardinería ecolóxica, os conceptos e métodos de control biolóxico das principais pragas e a normativa europea e española ao respecto. A formación consta tamén dunha parte práctica na que os participantes poderán aplicar as técnicas ensinadas.

A iniciativa está destinada a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A solicitude de preinscrición pode realizarse a través da páxina da Xunta e debe enviarse ao correo electrónico cfea.guisamo@edu.xunta.gal.

Rexistrada a primeira organización de produtores de leite ecolóxico de España

A Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia funcionou como tal desde o seu nacemento en 2019 e agora dá un paso máis, logo de crecer en socios e produción. Recentemente rexistrouse como organización de produtores de leite (OPL) ecolóxica para empezar a operar. Trátase da primeira OPL específica de leite ecolóxico en España.

A OPL terá o seu ámbito de actuación a nivel de Galicia. Actualmente, a asociación conta con 34 ganderías socias e cunha produción de 12 millóns de quilogramos de leite. Delas, 29 ganderías con máis de 9,7 millóns de quilogramos de leite integrarán a OPL.

Como referencia, a OPL aglutina ao 12,4 % das explotacións de bovino de leite en España, así como o 20 % de produción de leite cru española (últimos datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, 2020).

O principal obxectivo da OPL é mellorar o propio sector, optimizando os custos de produción e mellorar as condicións para os socios. Para iso contará co persoal técnico, administrativo e medios necesarios cos que darán apoio ao sector.

A asociación convida aos gandeiros de produción ecolóxica a sumarse á iniciativa, xa que poderán acceder a formación adecuada, apoio técnico, interlocución coa Administración e coa industria, entre outros beneficios.

Brión acollerá dous cursos sobre sementes hortícolas locais das comarcas de Santiago e Barbanza

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza dous cursos sobre sementes hortícolas locais no municipio coruñés de Brión, en concreto terán lugar na Aula da Terra do centro comercial Monte Balado; un deles comeza  o vindeiro 24 de maio e o segundo, ao día seguinte, cunha duración en ambos os casos de 60 horas lectivas en total. 

Estas sesións formativas están dirixidas a calquera persoa vinculada cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozas e mozos do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

O obxectivo é dar a coñecer as variedades das comarcas de Santiago e Barbanza, e trataranse outros temas como a correcta plantación en invernadoiros ou fincas ao aire libre, así como tratamentos ecolóxicos preventivos ou a rotación de cultivos.

Para asistir cómpre cubrir o formulario e envialo ao correo electrónico cursos.agacal.sergude@xunta.gal.

A terceira edición de Come Local conta co seu propio mapa interactivo

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), está a levar a cabo, por terceiro ano consecutivo, a campaña Come Local, organizada por Slow Food Compostela. A través dela, achega produtos das DOP, IXP e agricultura ecolóxica de proximidade a 24 centros escolares, repartidos polas catro provincias galegas, entre eles os comedores distinguidos como “km 0”.

Esta nova edición estará activa ata o 21 de xuño e conta coa participación do Craega, que achegará produtos certificados para a elaboración dos menús nos comedores escolares. Así mesmo, haberá degustacións de menús especiais e impartiranse actividades formativas sobre as características nutricionais dos propios produtos e sobre o impacto que supón o consumo de produtos certificados na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU, ademais de formación e asesoramento aos responsables dos comedores adheridos.

 MAPA INTERACTIVO PARA NON PERDER DETALLE

Esta campaña conta coa súa propia páxina web na que se recolle toda a información sobre a iniciativa e, ademais, ten un mapa interactivo no que se poden visualizar os comedores escolares que forman parte de Come Local III e subiranse fotos das diferentes actividades e dos menús que se degustarán.

PRIMEIROS CENTROS PARTICIPANTES

O Craega participa na 3.ª edición de Come Local para comedores escolares

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), promove por terceiro ano consecutivo a campaña “Come Local” nos comedores escolares. A finalidade é impulsar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade nestes espazos educativos. Como en cada edición, o Craega colaborará achegando produtos certificados para a elaboración dos menús. 

Haberá degustacións de menús especiais e tamén se desenvolverán actividades formativas tanto sobre as características nutricionais dos propios produtos, como o impacto que supón o consumo de produtos certificados na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU. Así, ata o vindeiro 21 de xuño de 2022, impartirase formación e asesoramento aos responsables dos comedores adheridos.

Outra ferramenta coa que se vai traballar cos centros educativos é a xestión dos custos dos ingredientes nas receitas para poder ter maior control dos gastos na elaboración dos menús.

COMEDORES PARTICIPANTES

Nesta campaña elixíronse centros cunha determinada sensibilidade para poder acceder a recoñecementos como o de “Comedores KM 0”, debido á súa aposta polas producións de proximidade á hora de confeccionar os seus menús. nesta ocasión participarán 14 comedores escolares das catro provincias galegas. Son os seguintes: CEIP Labarta Pose (Zas), CPI Plurilingüe Cabo da Area (Laxe), CEIP de Palas de Rei (Palas de Rei), CEIP Plurilingüe de Luíntra (Luíntra), Nuestra Sra. de los Remedios (Compostela), CEIP Filomena Dato (Barbadás), CEIP Rogelio García Yáñez (Ramirás), CEIP Roberto Blanco Torres (A Peroxa), El Marisma de Santa Mariña (Redondela), CEIP de Soutelo de Montes (Soutelo de Montes), CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Sober), CEIP Virxe da Barca (Muxía) e o CEIP Ruxidoiro de Barbadás.

Ademais, tamén formarán parte da mesma, os 9 Comedores Escolares KM 0, ao igual que nas anteriores edicións: CEIP Xacinto Amigo Lera (Portomouro), CEIP Os Muíños (Muxía), CEIP Vicente Otero Valcárcel (Carral), CEIP López Ferreiro (Compostela), CEIP Joaquina Gallego Jorreto (A Merca), CEIP Saco e Arce (Toén), CPI Antonio Faílde (Coles), CEIP A Paz-Tintureira (Coruxo-Vigo) e CEIP A Lomba (Vilagarcía de Arousa). Algúns destes últimos foron distinguidos a raíz do seu traballo na anterior campaña.

Como novidade, nesta terceira edición, os catro centros de formación agroforestal galegos comezarán o proceso para lucir o certificado de KM 0.

A Aula Cemit de Chantada acollerá un curso sobre comercialización da castaña eco

A Consellería do Medio Rural, a través da Agacal, en colaboración co Craega, organiza un novo curso de produción ecolóxica. Nesta ocasión a formación estará dedicada á “comercialización da castaña ecolóxica”, e desenvolverase o 6 de setembro na Aula Cemit de Chantada (Lugo). 

Como os outros dous cursos previstos (viticultura ecolóxica e pataca ecolóxica), a xornada comezará a partir das 9:00 horas; tras a presentación do curso, terá lugar unha charla sobre a situación do mercado da castaña ecolóxica, o novo regulamento e a comunicación ambiental de produtos ecolóxicos; a sesión matutina rematará cun coloquio para todos os asistentes.  Pola tarde, a partir das 16:00 horas, levarase a cabo unha visita práctica na empresa Miguel Areán e Hijos, situada no Polígono Industrial de Chantada. 

As solicitudes poden enviarse a clientes@sinerxia.es

A SEAE presenta un mes de xuño cheo de eventos

Desde a SEAE ofrecen un mes de xuño completo de eventos interesantes para o sector ecolóxico. As inscricións para as diferentes citas están abertas e son totalmente gratuítas.

NOVOS RETOS PARA AS SEMENTES EN PRODUCIÓN ECOLÓXICA

Este seminario online celébrase o mércores 9 de xuño a partir das 10:00 horas. O programa completo e inscricións pódense realizar na páxina web. O evento está organizado conxuntamente con Ecovalia no marco do proxecto Liveseed.

EXPERIENCIAS DESDE A AGROECOLOXÍA: GANDERÍA ECOLÓXICA E GANDERÍA REXENERATIVA

Esta cita, organizada xunto a Agroecology Europe, tamén se celebrará o mércores 9 de xuño, a partir das 18:00 horas. Inscripción.

XXIX XORNADAS TÉCNICAS DE SEAE: “UNHA SAÚDE, UN PLANETA, UN MUNDO RURAL DIVERSO”

Estas xornadas serán do 28 do presente mes ata o 1 de xullo. Celebraranse de forma presencial, cada día nun lugar, e online. Toda a información.