Arquivos da etiqueta: #Ferias

O Craega darase cita na Feira Biofach

A Feira Internacional de Produtos Orgánicos Biofach celebra este ano a XXXIII edición, combinada con Vivaness, a Feira Internacional do Coidado Persoal Natural e Orgánico. Trátase do tándem feiral de Núremberg recibido con grande entusiasmo polo mundo ecolóxico, como demostran os datos da última edición (2020), que convocou  3.738 expositores.

A cita será entre o 26 e o 29 de xullo no Exhibition Centre Nuremberg e, por terceiro ano consecutivo, será a Federación Española de Industrias de Alimentación e Bebidas (FIAB), co apoio do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a que organizará o pavillón español. Nel estarán presentes varios operadores galegos certificados polo Craega: Refix, Conservas del Noroeste (Connorsa), Avilugo, Lacto Baltar, Camemorcol, Mieles Anta, Conservas Ortiz e Porto-Muiños

Tras o encontro virtual por mor da pandemia, a feira alemá regresa cun completo programa de actividades: seminarios, workshops e conferencias sobre diversos temas de actualidade. O Congreso, que terá lugar paralelamente, é desde hai un tempo un foro importante para o sector biolóxico, entre outras cousas porque é onde se amosan as cifras e os feitos máis actuais acerca do seu desenvolvemento.

Todos os detalles da feira, nesta ligazón.

O Craega estará presente en BioCultura Barcelona         

Produtores do Craega na anterior edición

BioCultura Barcelona quenta motores para abrir as súas portas o vindeiro xoves, 5 de maio. A 28.ª edición, que durará ata o domingo 8 de maio, chega ao Palau Sant Jordi con moitas novidades.

O evento reunirá uns 300 expositores dedicados aos sectores da alimentación bío, cosmética ecolóxica, moda sustentable, casa sa, turismo responsable, enerxías renovables, mobilidade sustentable, artesanías e ONG. Entre os expositores estará presente o Consello Regulador da Produción Ecolóxica de Galicia (Craega), así como operadores certificados, que ofrecerán os seus produtos estrela e darán a coñecer a calidade de Galicia.

A Feira de Produtos Ecolóxicos e Consumo Responsable ten o propósito de seguir sorprendendo os visitantes coas últimas novidades do sector ecolóxico. As propostas son variadas, polo que facilitan adoptar uns hábitos saudables e a consumir de forma máis responsable.

Toda a información do evento nesta ligazón.

 

Galicia presume de produtores certificados en ecolóxico en Alimentaria Barcelona

As feiras volven á normalidade e así se percibiu en Alimentaria Barcelona e Hostelco, que se celebrou desde o luns 4 de abril ata o xoves 7. Segundo informa Fira de Barcelona, conseguíronse uns 100.000 visitantes, o que demostra que o sector está de volta. En Alimentaria destacaron iniciativas que fomentan a sustentabilidade, mentres que en Hostelco tamén se mostrou a incipiente robotización dos hoteis, entre outras tendencias. O impacto económico do evento que xunta ambas as feiras é de 180 millóns de euros.

“A intensa dinámica vivida durante esta edición reforza o carácter do evento como aliado estratéxico do sector no seu imparable proceso de internacionalización”, valorou o director de Alimentaria, Toni Valls. Máis de 3.000 empresas procedentes de 52 países distintos reuníronse no recinto situado en l’Hospitalet de Llobregat. O 23 % dos visitantes foron internacionais, provenientes de 149 países. “Destaca a calidade dos compradores que nos visitaron, que contribuirá a impulsar as vendas da industria alimentaria no exterior”, agregou Valls.

ÉXITO NA PARTICIPACIÓN DE PRODUTOS CON CERTIFICACIÓN DO CRAEGA

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, estivo presente na inauguración do evento, que contou coa presenza de produtos amparados por indicacións como Pataca de Galicia, Lacón Galego, Castaña de Galicia, Torta de Santiago e Mel de Galicia, ademais de produtos certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Os produtores e comercializadores do Consello que asistiron baixo o paraugas do MAPA foron os seguintes: Galuriña, Bioalacena, Traloagro SL, Jamones González SLU, Sovoral, A Factoría Ecolóxica SL, Algas La Patrona, Capitán Alga, Bágoas na Ría, Orballo, Sangría Republic, Avieco, Porto Muíños, Pasteurizados Cíes e Sensus Green Mixology SL.

“O sector ecolóxico é clave para o noso rural galego”

José Luis Cabarcos na súa visita ao stand do Craega na BioCultura A Coruña

Reproducimos a entrevista que recolle El Ecomensajero Digital (Asociación Vida Sana) a José Luis Cabarcos, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Consellería do Medio Rural), en recoñecemento ao apoio que esta entidade lle proporcionou a BioCultura A Coruña, celebrada por terceira vez na nosa comunidade. Esta reportaxe foi realizada no marco do devandito evento, que tivo lugar a comezos do pasado mes de marzo.

Entre outros datos, Cabarcos falou do incremento da superficie ecolóxica da comunidade galega na última década, que pasou dunhas 14.000 hectáreas no ano 2010 a máis de 32.000 no 2020. Así mesmo, fixo referencia a importancia do papel da muller neste sector: “A muller ten un peso moi importante no rural galego, en todos os sentidos. Por iso, é tamén normal que o teña dentro do ecolóxico”, afirmou.

Así mesmo, puxo en valor o feito de que a produción ecolóxica está a contribuír de maneira destacada “á creación de riqueza e emprego no rural, incidindo no coidado do noso territorio e na loita contra o cambio climático, na liña coas directrices establecidas”.

Ler entrevista completa

O Craega promove os produtos do mar en AquaFuture Spain 2022

O I Salón Internacional da Industria Acuícula, AquaFuture Spain’22, celebrouse os días 23, 24 e 25 de marzo no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda (Pontevedra).

Os visitantes puideron coñecer os produtos e proxectos das 152 empresas e entidades presentes na súa área expositiva, procedentes de 23 países tanto de Europa como de Asia, Latinoamérica, Norteamérica ou Sudáfrica. Entre as entidades atopábanse compañías de subministracións industriais, alimentación, procesamento, equipamento profesional, criadeiros, tecnoloxía e desenvolvemento, software e informatización, produtores, asociacións, institucións públicas, publicacións ou formación. O programa incluía mesas redondas, presentacións e dúas showcookings con produtos acuícolas.

INAUGURACIÓN

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, foi a encargada de inaugurar este evento e manifestou a aposta de Galicia polo cultivo de produtos do mar para “dar resposta aos desafíos das novas formas de alimentación sen perder de vista a protección dos recursos naturais”.

Así mesmo, reivindicou que a Unión Europea debe favorecer o desenvolvemento sustentable deste sector como parte dunha estratexia xeral que garanta a seguridade alimentaria no marco do Pacto Verde Europeo. Ademais, deu conta do peso fundamental que ten a actividade acuícola, na que se inclúe o mexillón, na economía galega e destacou o seu valor na xeración de emprego pois nela traballan máis de 5.600 persoas e tamén en termos de crecemento sustentable, innovación tecnolóxica e seguridade alimentaria.

CASETA DA CONSELLERÍA

Quintana destacou o apoio do Executivo galego a este salón e a súa presenza no certame, no que conta cun posto de máis de 200 m2 que alberga a 10 expositores e no que se presentaron diferentes iniciativas, como o Foroacui, e celebrouse unha charla sobre innovación aberta aplicada á industria: casos de éxito, da man de Inxenia.

Entre os expositores atopábase o Craega con mostras de Conservas do Noroeste SL, empresa que ten unha variedade de produtos do mar ecolóxicos (Conservas Cabo de Peñas). Con expositor propio, dentro da mesma caseta, estiveron presentes Algas La Patrona e HQ Seaweed (Capitán Alga), dedicadas a algas ecolóxicas.

Durante as xornadas, no posto recibíronse varias visitas como a de Ramón Fernández Conchas, vogal do Craega (Servizo de Mercados da Consellería do Mar); a de Miriam González (Servizo de Mercados da Consellería); e a de Loli Paz e Juan Carlos Juncal, de Dimesalnés SL, tamén vogal do Consello (empresas importadoras e/ou comercializadoras), que estiveron acompañados de Agustín Pose e Marisa, dous bateeiros de Pontevedra.

BioCultura A Coruña quenta motores

Asistencia á BioCultura de Madrid

Xa queda menos para o grande evento ecolóxico na nosa comunidade. Será do 4 ao 6 de marzo, na ExpoCoruña cando teña lugar a celebración de BioCultura, a feira de produtos ecolóxicos, consumo responsable e turismo sustentable. Co obxectivo de potenciar outro sector, ademais do ecolóxico, nesta edición galega o ecoturismo será o gran protagonista.

ACTIVIDADES

Nas actividades principais da feira porase o acento nesta dobre temática e centraranse na simbiose entre o mundo ecolóxico e o ecoturismo. Nese sentido, os showcooking servirán para achegar propostas de gastronomía ecolóxica vinculadas ao territorio e á oferta turística e, ademais, levarán a cabo catas de produtos de zonas para visitar en Galicia. Tamén contarán con charlas relacionadas con diferentes aspectos do coidado do medio ambiente e a sustentabilidade.

Haberá seccións dedicadas ao sector ecolóxico e os seus mundos, degustacións de produtos da zona, así como receitas tradicionais e tamén se presentarán actuacións de grupos emerxentes de folk, conferencias sobre ámbitos patrimoniais e territoriais e debates sobre agricultura e gandería ecolóxica, extensiva e local, vinculadas á tradición cultural de cada zona. Así mesmo, contarán cunha ampla gama de expositores, desde casas rurais con certificado, ata produtores de alimentos como algas ou xeados, entre outros. En definitiva, terá de todo, pero sempre relacionado co mundo eco.

PRESENZA DO CRAEGA

O Craega contará con stand propio dentro da cita, onde dará a coñecer o traballo que realiza diariamente para poder certificar e avalar os diferentes produtos de Galicia que se producen en ecolóxico. Ademais, acollerá a unha vintena de empresas certificadas.

PROGRAMA COMPLETO

Xa está dispoñible o número 59 da revista do Craega con todas as novidades do sector

En pleno inverno traemos un novo número da revista, que xa podedes consultar na súa edición dixital.

Esta nova edición ábrese coa sección “Lexislación”, na que ofrecemos unha síntese das principais novidades da nova normativa que afecta á produción ecolóxica e que se aplica xa dende o 1 de xaneiro de 2022, tras o seu adiamento por mor da pandemia. Este apartado complétase coa entrevista a Diego Canga, conselleiro principal da Comisión Europea na Dirección Xeral de Agricultura e Medio Rural,  que abordou interesantes temas, como as bases do Pacto Verde, as modificacións da nova normativa no tocante á agricultura eco ou o futuro do sector. 

Teri Portela é a protagonista da nosa sección “A entrevista”, coñecida a nivel mundial pola súa brillante carreira como piragüista, quen nos acompañou nas pasadas Ecoexperiencias do Craega da Coruña e Ourense. Entre a súa innumerable lista de recoñecementos, destaca a medalla de prata que recolleu nos pasados Xogos Olímpicos de Toquio na súa categoría. Esta subcampioa olímpica relátanos como é o día a día dunha deportista de elite. 

Tamén nos internamos na finca das Fadegas para coñecer a Marta Méndez e Montse Laya, dúas socias que seguiron traballando estas terras que naceron en 1977. Esta explotación agrícola foi unha das primeiras en contar coa certificación do Craega e é fiel á venda directa nos mercados locais, en concreto no de Ribadeo. Así o afirman na nosa sección “De temporada”.

Un número máis, Indo e Vindo Gastronomía proponnos un delicioso menú na “Cociña Eco”,  nesta ocasión composto dun bocado de polo con verduras, un tradicional prato de culler e un doce irresistible.

Completan este número a “Actualidade do sector” onde coñecemos o Informe do MAPA sobre a produción ecolóxica española en 2020, así como o calendario sobre as feiras e os eventos que se levarán a cabo nos próximos meses e as últimas novidades do sector.

Pechamos esta edición cuns consellos sobre as producións de inverno na nosa sección “Aliméntate bío”.

Consulta xa a revista completa

Descargar revista