Arquivos da etiqueta: #Cursos

Nova formación en Sergude sobre cultivos de verán na horta ecolóxica

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), dependente da Consellería do Medio Rural, acollerá un curso para a adquisición de competencias sobre os cultivos de verán en hortas ecolóxicas. A acción formativa será do 13 de xuño ao 20 de xullo e terá unha duración total de 48 horas, repartidas en quendas de tarde, no horario de 16.00 a 20.00 horas.

Este obradoiro abordará tanto aspectos teóricos coma prácticos sobre o estudo da horticultura e a produción vexetal.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) pretende contribuír á formación axeitada de persoal cualificado co fin de que acaden o nivel adecuado para cumprir coa normativa vixente. Con isto, trata de achegarlle ao alumnado técnicas modernas da agricultura tradicional, así como de ensinar o coidado dos recursos naturais e da saúde das persoas.

Esta iniciativa está dirixida ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, e tamén a aquelas que teñan expectativa de incorporación, en concreto a mocidade do medio rural.

Para asistir, as persoas interesadas poden facer a preinscrición na páxina da Xunta e a persoa encargada de coordinar esta formación poñerase en contacto a través do correo electrónico para comunicarlle se está admitido ou non.

Aberto o prazo de inscrición para o curso sobre xardinería ecolóxica de Bergondo

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), celebrará en Bergondo un taller temático sobre xardinería ecolóxica do 30 de maio ao 2 de xuño, en horario de 16:00 a 20:00 horas. O curso terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo.

Ao longo de 16 horas lectivas, daranse a coñecer as técnicas empregadas en xardinería ecolóxica, os conceptos e métodos de control biolóxico das principais pragas e a normativa europea e española ao respecto. A formación consta tamén dunha parte práctica na que os participantes poderán aplicar as técnicas ensinadas.

A iniciativa está destinada a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A solicitude de preinscrición pode realizarse a través da páxina da Xunta e debe enviarse ao correo electrónico cfea.guisamo@edu.xunta.gal.

Brión acollerá dous cursos sobre sementes hortícolas locais das comarcas de Santiago e Barbanza

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza dous cursos sobre sementes hortícolas locais no municipio coruñés de Brión, en concreto terán lugar na Aula da Terra do centro comercial Monte Balado; un deles comeza  o vindeiro 24 de maio e o segundo, ao día seguinte, cunha duración en ambos os casos de 60 horas lectivas en total. 

Estas sesións formativas están dirixidas a calquera persoa vinculada cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozas e mozos do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

O obxectivo é dar a coñecer as variedades das comarcas de Santiago e Barbanza, e trataranse outros temas como a correcta plantación en invernadoiros ou fincas ao aire libre, así como tratamentos ecolóxicos preventivos ou a rotación de cultivos.

Para asistir cómpre cubrir o formulario e envialo ao correo electrónico cursos.agacal.sergude@xunta.gal.