Arquivos da etiqueta: craega

A alimentación saudable e o deporte, unidos grazas ao Convenio de colaboración entre o Craega e a Fegatri

Gonzalo Triunfo e Francisco L. Valladares, presidentes da Fegatri e do Craega repectivamente, tras a firma do convenio

O presidente do Craega, Francisco López Valladares, e mais o presidente da Federación Galega de Tríatlon e Pentatlón Moderno (Fegatri), Gonzalo Mario Triunfo, asinaron esta tarde na sede da Federación en Lugo un convenio de colaboración entre ambas as entidades co fin de impulsar e apoiar as actividades deportivas e fomentar o consumo de produtos amparados polo Consello Regulador e o coñecemento da produción ecolóxica por parte dos deportistas e consumidores en xeral.

 

 

 

 

 

 

Deste xeito, no ámbito de celebración das probas deportivas, os deportistas da Federación lucirán a imaxe e os logos do Craega, co obxectivo de visibilizar a importancia dunha alimentación saudable e respectuosa co medio ambiente, así como a práctica do deporte.

CALENDARIO DE PROBAS 

O calendario de probas previstas no circuíto galego de Tríatlon 2021 é o seguinte:

  • Sábado 26 de xuño: X Tríatlon Concello de Poio, praia de Lourido (Poio, Pontevedra)
  • Domingo 11 de xullo: XXXII Tríatlon do Miño, Área Recreativa Los Robles (Lugo)
  • Domingo 8 de agosto: XX Tríatlon Cidade de Ferrol, Porto Deportivo de Ferrol
  • Sábado 21 de agosto: XX Tríatlon Cidade de Pontevedra. Campionato Xunta de Galicia Absoluto de Tríatlon e Paratríatlon, Paseo do Lérez (Pontevedra)

Fóra de circuíto*

Sábado 12 de xuño: III Mar de Muros Tríatlon-Trofeo Iván Raña, Porto de Muros

*Malia que esta proba non pertence ao circuíto de probas clasificatorias, a organización levará a cabo a promoción de toda publicidade.

 

O Congreso Ecolóxico Europeo 2021 celébrase online do 16 ao 18 de xuño

A 15ª edición do Congreso Ecolóxico Europeo será online, en vivo desde Lisboa, do 16 ao 18 de xuño de 2021 das 10:00 ás 15:30 horas. O evento, organizado por IFOAM Organics Europe e o seu socio portugués Agrobio, profundará no sector ecolóxico, as súas estruturas e o seu impulso político-lexislativo na UE.
A cita deste ano ten como obxectivo inspirar aos participantes ensinando iniciativas de representantes e expertos do sector ecolóxico. O evento reunirá oradores de alto nivel e moderadores de toda Europa para falar sobre os desenvolvementos de políticas en alimentos e agricultura ecolóxicos en seis sesións.

O PROGRAMA

16 de xuño:A nova PAC e o Pacto Verde Europeo” e “A agricultura ecolóxica en Portugal”

Despois da apertura do Congreso, a primeira sesión avaliará se a nova PAC e as ambicións nacionais, a través dos plans estratéxicos propostos, están en liña cos obxectivos da UE do Pacto Verde, en particular co obxectivo de alcanzar o 25% de terra ecolóxica para 2030. Despois da pausa para o xantar, discutirase a situación actual da Agricultura Ecolóxica en Portugal, profundando no traballo que se realiza sobre o terreo, vinculando a agricultura ecolóxica coa saúde e a biodiversidade.

17 de xuño: “Secuestro climático na agricultura” e “Sistemas alimentarios máis sustentables”

O segundo día comezará cun panel de discusión sobre se a «neutralidade climática» é un obxectivo realista para o sector agrícola e mesmo se é un obxectivo desexable, dado o enfoque actual na eficiencia e os riscos de compensacións con obxectivos de biodiversidade. Despois desta sesión, discutirase a transición cara a sistemas alimentarios máis sostibles. As iniciativas como o Plan de Acción para a Agricultura Ecolóxica, a contratación pública sustentable e outras iniciativas relacionadas coa estratexia “Da granxa á mesa” serán o tema central da sesión.

18 de xuño:O Novo Regulamento Ecolóxico da UE” e “O desenvolvemento rural”

O último día comezará cun panel de discusión sobre como se implementará o novo Regulamento Ecolóxico (UE) 2018/848 e de que maneira eses cambios técnicos axudarían a alcanzar os obxectivos da UE do 25% en terras en cultivo ecolóxico para 2030. Para finalizar o congreso, e antes do acto de clausura, terá lugar unha sesión sobre como iniciativas como os distritos ecolóxicos (ou biodistritos), os laboratorios vivos e as demostracións agrícolas poden contribuír ao desenvolvemento das zonas rurais e ao éxito do Plan de Acción para a Agricultura Ecolóxica.

Información e inscrición

Fonte da noticia

O Craega implícase por segundo ano consecutivo na campaña Come Local

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), lanza a segunda edición da campaña Come Local nos comedores escolares no marco da canle Mercaproximidade. A iniciativa será posta en marcha por Slow Food Compostela co obxectivo de impulsar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade: as DOP (Denominación de Orixe Protexida), IXP (Indicación Xeográfica Protexida) e a agricultura ecolóxica de proximidade. Esta última será levada ás mesas dos comedores escolares participantes grazas á colaboración do Craega, que achegará diversos alimentos certificados, como carne de polo e hortalizas, entre outros.

Esta campaña, que tivo unha grande acollida na súa primeira edición,  desenvolverase ata o 31 de outubro. Nesta ocasión contará con formación e asesoramento aos responsables dos comedores adherido, polo que non só serán degustacións de menús, senón tamén actividades formativas, tanto das características nutricionais dos alimentos como do impacto que supón o consumo de alimentos certificados na consecución dos Obxectos de Desenvolvemento Sostible da ONU.

ACTIVIDADES DA CAMPAÑA

  • Achegar aos comedores seleccionados, de forma totalmente gratuíta, produtos galegos con certificado de calidade. Darase a oportunidade de que nenos e nenas usuarios do comedor poidan degustar varios produtos dunha excelente calidade con orixe Galicia e cunha trazabilidade garantida.
  • Realizar un escandallo semanal para dotar os comedores dunha ferramenta que facilite o cálculo do gasto que lles permita planificar mellor a súa conta de gastos.
  • Enviar un vídeo aos estudantes sobre educación alimentaria, que ten como fío condutor o papel da biodiversidade agrícola e o que xogan os produtos certificados á hora de conservala, así coma a importancia de comer de xeito local.
  • Formación a través de Zoom aos cociñeiros/as dos comedores e caterings.

PARTICIPANTES

Ademais dos catro Comedores Escolares KM 0 que xa participaron na primeira campaña: CEIP Xacinto Amigo Lera (Portomouro), CEIP Os Muíños (Muxía), CEIP Vicente Otero Valcárcel (Carral) e CEIP López Ferreiro (Compostela) súmanse Divino Maestro e Colexio La Milagrosa de Santiago de Compostela; Colexio Alca de Ames, CEIP Santa Baia de Boiro; CPI Dr. López Suárez de Friol; CEIP San Cosme de Barreiros; CEIP Juan Rey de Lourenzá; CEIP Manuel Mato Vizoso de Vilalba; CEIP Rosalía de Castro de Bóveda; IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia; CEIP Joaquina Gallego Jorreto de A Merca; CEIP Carlos Cid Arregui de Rairiz de Vega; Colexio Salesianos-A Mercé de Cambados; CEIP Xoaquín Loriga de Prado (Lalín); CEIP A Lomba de Vilagarcía de Arousa e CEIP A Paz de Coruxo (Vigo).

O Estudo EFSA 2019 revela que case a metade dos 96.000 produtos analizados contén residuos

Máis da metade dos alimentos do mercado europeo non contén praguicidas e só un 4 % se sitúa fóra da lei. Aínda así, atopáronse trazas de praguicidas nun de cada catro alimentos analizados no Estudo EFSA 2019, no que se avalían os controis efectuados nese ano. Na análise recóllense os datos de todos os países membros, así como de Islandia e Noruega.

En 2019 analizáronse máis de 96.000 produtos, dos cales o 96,1 % están dentro a lei. A pesar diso, case a metade contén residuos que logo pasan a formar parte das nosas dietas. A responsable de Greenpeace Italia, Federica Ferrario, alerta de que “máis de 25.000 dos produtos analizados conteñen á vez residuos de dous ou máis praguicidas que, analizados de forma independente, están dentro dos límites”. Engade que “o problema tamén é que a nivel europeo séguese facendo a autorización de novas substancias para o principio activo illado, aínda que logo se vendan e utilicen formulacións que conteñen outros compostos”.

PAUTAS A SEGUIR 

Apostar pola produción ecolóxica en Europa é a solución. Desta forma, lograrase ter menos residuos nos alimentos. Tamén deberá ir ligado a un cambio na produción de alimentos e o consumo, tratando de reducir a porcentaxe de alimentos de orixe animal na dieta e substituíndo estes produtos por alternativas de orixe vexetal obtidas con métodos de produción sostibles.

Fonte da información 

 

O FiBL lanza un novo informe cos conceptos clave e os principios básicos da produción ecolóxica

O Instituto de Investigación de Agricultura Orgánica (FiBL) presenta Organic farming. Basic principles and Good practices, un dossier no que explica os novos conceptos básicos da produción ecolóxica e mostra como se aplican na práctica. Trátase dunha valiosa fonte de información para agricultores interesados na conversión á agricultura ecolóxica, que tamén sirva para outras partes interesadas en facer que a produción de alimentos en Europa sexa máis sostible.

Cabe destacar que nos últimos 20 anos o mercado ecolóxico medrou a nivel mundial con taxas anuais dun a dous díxitos. Unha proba é que o mercado europeo creceu case un 8 % en 2018, superando os 40 billóns de euros de facturación. De feito, segundo este estudo, o sector ecolóxico europeo ten un gran potencial para seguir crecendo.

PRINCIPIOS BÁSICOS

A agricultura ecolóxica esfórzase en lograr unha alimentación saudable que aforre recursos, respecte o medio ambiente e os animais e sexa social e xusta. Por iso, o agricultor ecolóxico busca utilizar principios e procesos naturais para lograr rendementos óptimos mentres protexe o medio ambiente.

COIDADO DO SOLO, CLAVE

A agricultura ecolóxica preséntase como unha solución para que moitos países europeos revitalicen as terras agrícolas con prácticas sostibles e logren mellores rendementos e prezos. O que non se concibe sen un chan e ben nutrido. Conséguese mediante procesos biolóxicos, libres de fertilizantes químicos ou sintetizados, de calidade e con impactos mínimos na flora, a fauna e atmosfera.

A rotación de cultivos persegue, ademais, obxectivos a corto prazo para manter a produtividade e a saúde do chan. Por exemplo, as sementes ou mesturas leguminosas puras en cultivos principais ou de sementeira poden proporcionar grandes cantidades de nitróxeno para cultivos posteriores. Isto é esencial, non só para o crecemento das plantas, senón tamén para os organismos do chan e, polo tanto, para a actividade biolóxica deste en xeral.

CERTIFICACIÓNS E REGULACIÓNS

A produción ecolóxica está regulada legalmente con certificados de garantía que definen os requisitos mínimos legais para a cualificación e alimentos ecolóxicos. Todas estas regulacións (estatais ou privadas) protexen os conceptos “bio” e “eco” en todas as linguaxes posibles.

Información extraída de BioEcoActual.

Aberto o prazo de inscrición para o webinario sobre cambio climático e sociedade que organiza a Fundación Biodiversidad

A xornada, dirixida a educadores, axentes sociais, cadros técnicos, decisores políticos, estudantes, empresas e poboación xeral, realizarase o 16 de abril, de 11:00 a 13:00 horas, a través de videoconferencia. Conta coa participación da Fundación Biodiversidad e a Oficina Española de Cambio Climático. Para asistir é necesario inscribirse aquí.

A sesión abrirase con Valvanera Ulargui, directora, e Francisco Heras, responsable da área de Estratexias de Adaptación, da Oficina Española de Cambio Climático. Continuará con Elena Pita, directora da Fundación Biodiversidade. Logo será a quenda de Arturo Bustelo (Ideara Investigación) que presentará o estudo A Sociedade Española ante o cambio climático: percepción e comportamentos na poboación e os resultados. Para finalizar, haberá un coloquio con Mónica Arto, Pablo Á. Meira e Miguel Pardellas, do grupo SEPA-USC.

Con esta xornada de presentación do proxecto preténdese difundir os resultados do estudo realizado, centrado en analizar as representacións sociais do cambio climático como unha forma de achegar coñecemento básico para orientar as estratexias educativas e de comunicación imprescindibles no cambio social que nos incumbe.

O PROXECTO

O estudo que se presenta, financiado a través da convocatoria de axudas da Fundación Biodiversidad para a realización de proxectos en materia de Adaptación ao Cambio Climático,  permite obter información sobre as actitudes, comportamentos, coñecementos e crenzas da sociedade ante o Cambio Climático, a súa percepción sobre as políticas e as medidas que se van adoptando, a relevancia atribuída ou o potencial de ameaza percibido.

O traballo foi realizado pola empresa Ideara Investigación, especializada en investigación social e estudos de mercado, co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. A entidade contou coa colaboración do Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela.

O 9 de abril finaliza o prazo de presentación para os Premios Alimentos de España 2020

No teu desenvolvemento profesional dentro da produción ecolóxica prestas especial atención á biodiversidade, ó desenvolvemento rural, ós recursos locais ou á innovación? Pois tes a opción de participar nos Premios Alimentos de España 2020 para a produción ecolóxica ou outras modalidades, enviando a túa solicitude antes do 9 de abril. Os participantes, xa sexan empresas, entidades ou persoas físicas ou xurídicas de natureza pública ou privada, deberán cumprir cos requisitos das bases reguladoras da concesión dos devanditos premios. A documentación presentarase a través do rexistro electrónico do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Estes premios convócanse anualmente desde 1987 en recoñecemento aos profesionais ou entidades que contribúen a impulsar o sector tan importante na economía española. Os galardoados son elixidos por un xurado formado por persoas de recoñecido prestixio.

Documentación

Para poder participar será necesario cumprimentar e achegar a seguinte información:

  • Anexos I e II da convocatoria debidamente cumprimentados, dispoñibles na sede electrónica do MAPA
  • Unha memoria coas actuacións máis destacadas polas que se desexa optar ao premio (cun máximo de 10 páxinas, escritas con letra Arial, tamaño 12, e interlineado sinxelo de acordo co especificado no anexo IV da convocatoria)
  • A documentación complementaria que se estime oportuna, (ver o especificado no anexo IV da convocatoria)

Tanto a Memoria como a Documentación complementaria irán en formato dixital. As persoas físicas que opten por cumprimentar e presentar os Anexos I e II en papel, tamén presentarán, en formato dixital, a memoria e a documentación complementaria.

Modalidades

Establécense as seguintes modalidades:

  • Premio Alimentos de España á Industria Alimentaria
  • Accésit á Iniciativa Emprendedora
  • Premio Alimentos de España á Produción Ecolóxica
  • Premio Alimentos de España á Internacionalización Alimentaria
  • Premio Alimentos de España Produción da Pesca e da Acuicultura
  • Premio Alimentos de España de Comunicación
  • Premio Alimentos de España á Restauración
  • Premio Extraordinario Alimentos de España

Toda a información 

Que sementar na primavera?

Xa ben entrada a estación, é o momento de comezar a preparar o terreo para as colleitas de verán e, por suposto, colleitas ecolóxicas. Chega o mes de abril, pero aínda así non hai que confiarse coas temperaturas unha vez superado o inverno, xa que a primavera pode ser inestable e traer consigo xeadas que poden botar a perder as plantacións.

Hai que tratar de protexer as novas plantas de cultivo para evitar que se danen coas baixas temperaturas. Para empezar, é un bo momento para preparar o terreo, eliminando as malas herbas e planificando o deseño da horta, é dicir, determinando onde irá cada cultivo.

Se en marzo houbo sementeiras, é posible que xa haxa algunhas plantas para trasladar á horta. Neste mes hai que plantar todas aquelas que se queiran cultivar durante o verán. Algunhas poden ser para todo o ano, aínda que prefiran a primavera, e outras son específicas para estes meses.

Algunhas das plantas que hai que poñer na horta son as seguintes: tomate, leituga, espinaca, pemento, cenoria, remolacha, cabaciña, porro, cogombro, feixón, cabaza, melón, sandía ou amorodo. Este último xa comeza a xermolar a súa flor e, se todo vai ben, nos inicios do verán xa poderemos recoller os primeiros froitos.

Lembrámosvos que no buscador da nosa páxina web podedes atopar os operadores que traballan esta froita, así como outros produtos tanto de orixe vexetal como animal.

A Comisión presenta medidas para impulsar a produción ecolóxica dentro do Pacto Verde Europeo

A Comisión presentou un Plan de Acción  para o desenvolvemento da produción ecolóxica. O seu obxectivo xeral é impulsar a produción e o consumo de produtos ecolóxicos, alcanzar o 25 % das terras agrícolas dedicadas á agricultura ecolóxica de aquí a 2030 e aumentar considerablemente a acuicultura ecolóxica.

Entre os obxectivos do plan de aquí a 2030 é aumentar considerablemente a acuicultura ecolóxica 

A produción ecolóxica presenta varias vantaxes importantes. Por exemplo, os campos ecolóxicos teñen ao redor dun 30 % máis de biodiversidade, os animais criados de maneira ecolóxica gozan dun maior grao de benestar e reciben menos antibióticos, os agricultores ecolóxicos teñen maiores ingresos e son máis resilientes, e os consumidores saben exactamente o que reciben grazas ao logotipo ecolóxico da UE. O Plan de Acción axústase ao Pacto Verde Europeo e as estratexias “Da Granxa á Mesa” e sobre biodiversidade.

O Plan de Acción está pensado para achegar ao sector da agricultura ecolóxica, que experimenta un rápido crecemento, as ferramentas adecuadas para alcanzar o obxectivo do 25 %. Presenta 23 accións estruturadas ao redor de tres eixes (impulsar o consumo, aumentar a produción e mellorar a sostibilidade do sector) para velar polo seu crecemento equilibrado.

A Comisión anima os Estados membros a formular plans de acción ecolóxicos nacionais para incrementar a porcentaxe nacional da agricultura ecolóxica. Existen grandes diferenzas entre os Estados membros en canto á proporción de terras agrícolas que actualmente se dedican á agricultura ecolóxica, que oscilan entre o 0,5 % e máis do 25 %. Os plans de acción nacionais de agricultura ecolóxica complementarán os plans estratéxicos nacionais da PAC mediante o establecemento de medidas que vaian máis aló da agricultura e do que se ofrece no marco da PAC.

PROMOCIÓN DO CONSUMO

O aumento do consumo de produtos ecolóxicos será crucial para animar os agricultores a adoptar a agricultura ecolóxica e aumentar así a súa rendibilidade e resiliencia. Para tal fin, o Plan de Acción propón varias medidas concretas destinadas a impulsar a demanda, manter a confianza dos consumidores e achegarlle os alimentos ecolóxicos á cidadanía. Entre elas figuran as seguintes: 

    • Informar e comunicar sobre a produción ecolóxica
    • Promover o consumo de produtos ecolóxicos
    • Estimular un maior uso da agricultura ecolóxica nos comedores públicos a través da contratación pública 
    • Aumentar a distribución de produtos ecolóxicos no marco do programa escolar da UE

As medidas tamén teñen por obxecto, por exemplo, previr a fraude, aumentar a confianza dos consumidores e mellorar a trazabilidade dos produtos ecolóxicos. O sector privado tamén pode desempeñar un papel importante, por exemplo, recompensando aos traballadores con “ecocheques” que poidan empregar para adquirir alimentos ecolóxicos.

AUMENTO DA PRODUCIÓN

Unha das principais medidas é aumentar a distribución de produtos eco no marco do programa escola da UE; na foto, menú escolar ecolóxico do CEIP Os Muíños (Muxía)

Na actualidade, ao redor do 8,5 % da superficie agrícola da UE dedícase a cultivos ecolóxicos e as tendencias indican que, coa taxa de crecemento actual, a UE alcanzará o 15-18 % de aquí a 2030. Este Plan de Acción achega unha serie de ferramentas para dar un novo impulso e alcanzar o 25 %. Aínda que o Plan de Acción se centra en gran medida no “efecto chamada” da demanda, a política agrícola común seguirá sendo un instrumento clave para apoiar a reconversión á agricultura ecolóxica. 

Na actualidade, ao redor do 1,8 % (7 500 millóns de euros) da PAC destínase a apoiar a agricultura ecolóxica. A futura PAC terá en conta réximes ecolóxicos apoiados por un orzamento de entre 38.000 e 58.000 millóns de euros para o período 2023-2027, en función do resultado das negociacións da PAC. Os réximes ecolóxicos poden servir para impulsar a agricultura ecolóxica.

Máis información 

A saúde, o sabor e o medio ambiente, principais razóns para comprar alimentos eco

Aínda que hai outras moitas razóns, e co paso do tempo van mudando, a saúde, o sabor ou o medio ambiente son os principais motivos que se valoran no momento de escoller produtos ecolóxicos.

  • En canto á saúde, as persoas que levan unha vida fisicamente máis activa e a coidan están máis inclinadas a incluír alimentos ecolóxicos na súa dieta.
  • O sabor vincúlase, moitas veces, aos alimentos locais que as persoas maiores comían na súa infancia, un factor que inflúe principalmente nas persoas de avanzada idade. Ademais, adoita ter máis peso nas persoas que son menos activas e non dan tanta importancia á saúde.
  • En canto ao medio ambiente, é un motivo que pesa máis en ecoloxistas e colectivos conscientes dos danos ambientais que supoñen as prácticas de agricultura intensiva.
  • Outros dos factores que poden influír son os seguintes: a preocupación pola seguridade alimentaria e o desexo de evitar infeccións tóxicas, a preocupación polo benestar animal e desexo de apoiar as producións locais ou que sexan produtos de moda que lles poden reportar recoñecemento e status social.

PERFIL DO CONSUMIDOR

Os pais e nais, especialmente de bebés ou nenos pequenos, son algúns dos principais consumidores de alimentos ecolóxicos. O obxectivo fundamental é evitar a acumulación de pesticidas no organismo durante o desenvolvemento dos seus fillos. Isto empeza xa no embarazo e logo trasládase ao consumo dos primeiros alimentos da crianza. Outros dos consumidores son as persoas que seguen dietas vexetarianas ou veganas.  Ademais destes grupos, nas enquisas saen outros perfís como persoas que teñen mascota ou as que practican deporte regularmente, que adoitan ser tamén consumidores destes produtos.

CALES SON OS PRINCIPAIS OBSTÁCULOS?

Entre un 40 e un 70 % da poboación móstrase positiva cara a este tipo de alimentos, pero tan só entre un 5 e un 10 % deles os compra regularmente. O prezo aparece como a barreira máis importante á hora de aumentar a porcentaxe de alimentos ecolóxicos na cesta da compra. Outro dos factores é a dificultade para atopalos nas tendas habituais, aínda que esta tendencia está a cambiar.

Máis información