Arquivos da etiqueta: axudas

Axudas para fomentar o uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo

O luns 13 de maio de 2019 foi publicado no DOG (núm. 90 – Consellería do Medio Rural) a orde do 30 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do (PDR) de Galicia 2014-2020, e convócanse para o ano 2019 (código de procedemento MR351A). Pode consultar o anuncio neste enlace

Esta orde  ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas en réxime de concorrencia competitiva para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, dentro da medida 4 (investimentos en activos físicos), submedida 4.11 (apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas), procedemento MR351A, así como convocalas para o ano 2019.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as cooperativas agrarias, as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), as cooperativas de explotación comunitaria da terra ou as sociedades agrarias de transformación. Para iso, serán subvencionables os seguintes investimentos:

  • Maquinaria agrícola.
  • Estudos técnico-económicos de viabilidade.

 Non se subvencionarán:

  • A mera reposición ou adquisición de maquinaria de segunda man ou usada.
  • Non se considerarán subvencionables o IVE e outros impostos.
  • Os investimentos e maquinaria ou equipamentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais nin as máquinas de pequena significación para os efectos do conxunto dos socios da agrupación.
  • A maquinaria e os equipamentos de carácter forestal.
  • Colleitadoras de forraxes cun uso previsto menor de 500 horas anuais.
  • Maquinaria de aplicación de xurros mediante sistema de prato, abano ou canóns.

O prazo para a presentación da solicitudes é dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Cinco empresas do CRAEGA participan na NOPE de Londres

NOPE LONDON-CRAEGA
O pasado ano achegáronse ata a NOPE de Londres 10.500 visitantes (Foto: NOPE)

O sector eco galego saca músculo unha vez máis no mercado exterior e esta mesma fin de semana súmase a unha das feiras verdes máis importantes do Reino Unido. Por segundo ano consecutivo, o CRAEGA participa na Natural & Organic Products Europe (NOPE). A celebrar entre o 7 e o 8 de abril no Excel London, desta vez estará representado por cinco empresas: Mieles Anta (coa súa marca Toca Honey), Pazo de Lusío, Producto de Aldea, Galletas Daveiga e Porto-Muíños. Compartirán un stand de 24 metros cadrados. Parte das empresas desenvolven esta acción co apoio do Igape, a Xunta, a UE e a marca turística de Galicia.

De carácter profesional, a NOPE serve de punto de encontro a tendas independentes, maioristas e distribuidores de produtos saudables, supermercados e compradores de todo o mundo. Segundo as previsións da organización, ata o recinto achegaranse 700 expositores de ata 48 países. O ano pasado pechou cun balance de 10.500 visitantes.

O CRAEGA despediu 2018 cunha facturación récord de 78,7 millóns de euros, un 33,2% máis que o exercicio anterior. Arredor da metade do produto certificado véndese fóra de Galicia. Desta porcentaxe, entre o 20% e o 30% comercialízase no mercado internacional.

Axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade

Os agricultores que se adican á produción vexetal poden beneficiarse deste paquete de axudas

O venres 15 de febreiro de 2019 foi publicado no DOG (núm. 33 – Axencia Galega da Calidade Alimentaria) a resolución do 28 de xaneiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e convócanse para o ano 2019 (código de procedemento MR362/A). A orde pódese consultar neste enlace

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, así como proceder a súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2019. Segundo especifica a orde, a alta no réxime de calidade ten que ser posterior ao 18 de novembro de 2015.

Artigo 4. Gastos subvencionables e contía das axudas:
1.- Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade e a cota anual de participación no dito réxime, incluídos de ser o caso, os custos dos controis necesarios para comprobar o cumprimento do prego de condicións do réxime.

2.- A contía das axudas será do 100% dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 € anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.

3.- Non se tramitaran expedientes cuxa contía non supere os 50 €.

O prazo para a presentación das solicitudes comenzará o 16 de febreiro e rematará o 15 de maio de 2019Para a convocatoria de 2019, serán atendibles os gastos imputados á campaña que comprende o período que vai do 1 de maio 2018 ata o 30 de abril de 2019.

Subvencións para contratar seguros agrarios

Viñedos na Ribeira Sacra

O xoves 24 de xaneiro de 2019 foi publicado no DOG (núm.17 – Consellería do Medio Rural) a orde do 26 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na comunidade autónoma de Galicia. Convócanse para o ano 2019. A orde completa pode consultarse neste enlace.

As liñas de actuación están orientadas á consecuención dos obxectivos seguintes:

  • Avanzar no desenvolvemento do sistema de seguros agrarios para proporcionar aos produtores agrarios unha ferramenta de xestión de riscos a un custo asequible.
  • Establecer os criterios de asignación de subvencións, optimizando os recursos e facilitando a súa aplicación, xestión e control.
  • Fomentar o deseño de liñas de seguro renovables para mellorar a implantación do seguro e a súa universalización.

Esta orde entrou en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Axudas para explotacións bovinas, ovinas e cabrúas

As axudas están dirixidas a explotacións de gando bovino, ovino e cabrún

O mércores 23 de xaneiro foi publicado no DOG (núm. 16 – Consellería do Medio Rural) a orde do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades. Convócanse para o ano 2019. A orde íntegra pódese consultar neste enlace.

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2019: “1. As axudas de compensación complementarias por lucro cesante nos casos de inactividade nas explotacións de gando bovino e de gando ovino e cabrún rexistradas en Galicia, con motivo da vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades destas especies, levados a cabo no marco de programas ou actuacións sanitarias oficiais”.

O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria, será desde o día seguinte a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 29 de novembro de 2019, incluídas ambas datas no cómputo do prazo.