Arquivos da etiqueta: alimento ecolóxico

Xosé Santiso: “O Fogar dignifica o rural. Non queremos que ninguén se avergoñe”

Xosé Santiso, propietario do Fogar, na súa horta ecolóxica de Trasellas (Teo)

Cociña para Cáritas. Levou os seus pratos ecolóxicos ata o comedor de Inditex. A tenda online funciona outra vez para dar saída, entre outros, ás hortalizas e destilados de produción propia con selo do Craega.  E prepara menús para entregar a domicilio ou recoller no local. A maquinaria do Fogar non para na pandemia, aínda a pesar de que os cinco restaurantes que ten espallados por toda Galicia permanecen pechados. A COVID-19 é un duro golpe, pero tamén un respiro necesario para probar accións novas e rescatar ideas aparcadas por falta de tempo. Unha consultoría, unha aceleradora de empresas, un motor de emprendemento rural… Xosé Santiso, propietario do negocio, defende o valor dun proxecto que botou a andar hai un cuarto de século con tres piares clave: sustentabilidade, compromiso rural e economía circular.

O Santiso, como negocio de raíces rurais, é un privilexiado no contexto da pandemia?
É complexo. O noso proxecto ten moitas facetas e ubicacións distintas. Estamos no rural, pero tamén en ámbitos urbanos. Somos case autosuficientes para poder resistir durante bastante tempo cunha pandemia, pero eso non quita que nos dera un duro golpe. Agora temos os cinco restaurantes pechados e boa parte da plantilla nun ERTE. Pero en momentos como o verán si que fumos uns privilexiados. Temos espazo exterior, produción propia e non dependemos de axentes externos. Se falamos en termos de cultura de empresa, o que nos trouxo o confinamento foi tempo. O Fogar leva 25 anos traballando para ser un referente de transformación social, ambiental, gastronómico e tamén do sector primario. Pero sempre prima o hoxe e non hai marxe para nada máis.

O seu é un proxecto en proceso de reinvención constante?
O certo é que a nós a covid non nos obrigou a reinventarnos. Levámolo facendo dúas décadas. Xa na crise de 2008 creamos un plan estratéxico a 100 anos porque pensamos que a sustentabilidade nunca pode ser curtopracista. A nosa empresa conta con tres patas equilibradas: social, ambiental e económica. A pandemia está deixando moi prexudicada esta última, pero reforza as outras dúas. Co negocio pechado ao 90%, hai que ter un colchón financieiro para subsistir ata que a situación cambie. Ou te quedas parado e te pos a chorar ou aproveitas esa paréntese sen ingresos para facer todo que tiñas pendente por falta de tempo. E decidimos centrarnos na posta en valor e deseñar a folla de ruta para activar o Fogar consultora, aceleradora, formadora de emprendemento rural, transformadora social…

Entón esta paréntese obrigada serviu para reactivar o Plan Estratéxico do Santiso?
Cando tomamos a decisión de crear un Fogar a cen anos, a maior motivación era deixar unha herdanza digna ás seguintes xeracións. A restauración e a alimentación deben levarse ao ámbito da sustentabilidade real. Se non introduces acción nun plan estratéxico es unha illa. Hai que saber utilizalo para educar, transformar xente da túa contorna, xerar máis valor e lograr que outras organizacións e administracións se impliquen. Durante moitos anos, nós fixemos iso mesmo. Mirabamos só o que tiñamos diante dos pés porque non chegabamos a todo. Agora esa bagaxe sérvenos para investir en nós mesmos e explicarlle a outros un caso real. Eu creo na innovación e na evolución constante. É a clave para adaptarse aos tempos e para seguir á fronte do cambio.

Considera suficientes as medidas que está adoptar a Administración para o sector hostaleiro?
Aceptamos calquera medida que haxa para o sector. Pero en canto aos criterios empregados para establecer as normas, cómpre facer algunha puntualización. Adóptanse medidas estándar e non se teñen en conta as peculiaridades de cada negocio. Cando un establecemento está ubicado nunha carballeira e hai 10 metros de separación entre as mesas, entendo que nese sitio as posibilidades de contaxio son menores que nun supermercado. E se preparas pratos para levar, por que non comer na carballeira e non na casa? A Administración debería abrir ámbitos seguros para a hostalaría, ao igual que está facendo co sector da cultura. Temos locais en centros urbanos que son moi pequenos e estou dacordo en pechar. Pero en Teo, Oleiros e Allariz, non. E para os que non dispoñan de espazos exteriores coma os nosos, hai alternativas. Temos cociñas móbiles que poderiamos poñer ao servizo doutros hostaleiros para que se instalen en parques ou espazos abertos das cidades.

O servizo de entrega a domicilio é un das liñas que estreou o Santiso coa pandemia. A acollida é boa?
A facturación é irrelevante para o volume dunha estrutura como a nosa. Está concebido como unha acción de marketing para que a xente vexa que segues aí e para concienciar sobre o consumo de produto de tempada. O que mellor funciona son os combos familiares cunha oferta económica moi agresiva. Sacas mercancía case a custe para que o cliente siga crendo en ti. Lanzamos unha caixa de hamburguesas para facer na casa, organizamos unhas xornadas carnívoras, cestas de Nadal con produto local, temos outra oferta para encher a neveira con hortalizas da nosa horta… Pero a aceptación é ridícula. Non hai concienciación.

Está a pasar o mesmo coa venda online?
Xa tiveramos unha tenda online hai moitos anos e agora reactivámola. Pero non funciona, é só un complemento. Non é posible vender produto local ecolóxico na túa contorna a través de Internet. No confinamento, a xente seguiu mercando nas grandes superficies, xusto onde non se aporta valor ao tecido local. Por eso cremos que as accións teñen que ser na orixe, na transformación do consumidor, nos valores que identifican as normativas, nos comités ambientais, na educación…

Que significa a familia nas orixes do proxecto Santiso?
Todo. O meu avó era unha persoa moi inventiva. Era músico, construía muíños, contaba historias… O meu pai era poeta, filósofo, músico… Por enriba de todo, quería moito a súa terra. Emigrou. Estivo entre 10 e 12 anos en diferentes países, aprendendo idiomas e coñecendo outras culturas. E cando volveu para aquí, fíxose agricultor traballando para terceiros. Unha persoa peculiar. A min desde neno inculcáronme ese sentimento de enraizamento, de apego á terra. Comecei co meu pai as clases de música con oito anos e tamén con el achegueime á recuperación de tradicións como a malla, o Entroido… No 1996 abrimos o Fogar. Construímolo coa axuda dos rapaces que viñan comigo ao instituto. Queriamos facer un mundo surrealista, traer a cidade ao rural para que viran o seu valor. Pero o obxectivo sobre todo era que restauración e gastronomía se converteran nun medio para transmitir a cultura e as raíces. Creamos unha romaría permanente, un espazo onde revivir o pasado, onde comer coas mans no chan de terra como se te trasladaras aos tempos dos Picapedra… O primeiro día, recén abertos, había mil persoas na porta.

E desde aquela ata chegar aos cinco restaurantes…
O de abrir restaurantes non é algo que nos gustara. Foi un xeito de darlle saída ao noso produto e de manter a cultura do proxecto. Temos unha estrutura de autoabastecemento desde 2007. No rural, a estacionalidade é brutal. Traballas dous meses no verán e algo as fins de semana no resto do ano. A partir do 2008, entre a crise e o carné por puntos, a xente deixou de saír. E había que buscar alternativas. Pero para facelo ben, respectando a trazabilidade e a economía circular, precisas profesionalizar todos e cada un dos teus departamentos. Se ademais queres transmitir o valor que hai detrás de cada prato e respectar a túa filosofía empresarial, fai falla volume. Co cal, abrimos por necesidade. Agora estamos en Teo, Santiago (Santiso Compostela e Taverna Galega), Oleiros e Allariz. Fáltanos o mar. A idea é abrir nas Rías Baixas porque levamos moito tempo mercando produto á Confraría de Pescadores de Aldán.

Ademais de levar o Santiso ao mar, algún outro proxecto entre mans?
Estamos cun proxecto para converternos en provedores de materia prima para o comedor de Inditex a través de Sodexo (xestora do servizo). Agora que o ritmo de traballo é moi baixo, podemos destinar un turno a prepararlles produtos elaborados. Temos infraestrutura para facer, por exemplo, unha croqueta vegana con materia prima 100% orgánica, local e de tempada. Ademais, desde marzo estamos cociñando para Cáritas porque vemos que existe unha necesidade moi grande. A longo prazo, valoramos a opción de crear unha distribuidora de ecolóxico. É moi difícil que unha empresa externa poña en valor o que hai detrás do noso proxecto.

Como imaxina o Santiso pospandemia?
O valor do proxecto debe acadar moito máis peso. O Fogar ten que ser un axente transformador a través do coñecemento e non só da comida. A xente que agora recoñece o que fai O Santiso xa sabe de sustentabilidade e está moi concienciada. Para o resto, é un sitio no que o pasas ben, que ten historia, que é atractivo… Dálles igual o que hai detrás do prato. Estamos nun momento no que é importante que se perciba o que hai máis alá da fachada. Nós defendemos a nosa terra e non queremos que as seguintes xeracións se avergoñen do rural. Hai que dignificalo. 

Galicia afianza o seu liderado estatal en leite e polo ecolóxicos

En ovos bio, Galicia sitúase en segunda posición en unidades (23.879.197) por detrás de Andalucía

Leite de vaca, carne de polo e de porco, ovos, mexillóns e algas. Son os fortes do sector ecolóxico galego no conxunto estatal. Territorio produtor por excelencia, 18 de cada 100 granxeiros censados en España desenvolven aquí a súa actividade. De feito, o rexistro de gandeiros certificados (328) pon a Galicia no segundo posto a nivel nacional, tal e como recollen os datos do Ministerio de Agricultura de 2019. Co máximo de conserveiras de peixe e mariscos (38), o eco autóctono chega ata a terceira posición no informe do Goberno.

No sector lácteo ecolóxico, Galicia é raíña indiscutible e continúa sen acadar teito. En España, hai 232 granxas e máis da metade localízanse na comunidade. Son 119, 10 máis que en 2018. O liderado reflíctese tanto na cifra de reses (4.770) como nos volumes de produción (22.149 t). De aquí sae algo máis do 50% do leite que se certifica no Estado (40.450 t). Encabezar o sector beneficia á industria galega á hora de ostentar a exclusiva de dous derivados: nata (14 t) e manteiga (15 t). Por certo, a produción de nata case se triplicou en só un ano. Pola súa banda, o queixo eco (67 t) ascende no último exercicio do cuarto ao terceiro posto por detrás de Madrid e Murcia.

AVES DE CURRAL. Galicia tamén é unha potencia na produción de aves de curral. Segundo o informe do ministerio, aquí están 36 das 103 granxas que existen en España. Aínda que é a segunda comunidade en cifra de explotacións (por detrás de Cataluña), o censo de cabezas de gando e o volume de carne permítenlle ocupar o primeiro posto. Dos 968.820 polos computados no Estado, 860.464 pertencen a unha explotación galega. Cun aumento dun 222% no último ano, é precisamente o vertixinoso crecemento do rexistro avícola autóctono o que tira deste segmento no conxunto estatal e favorece que anote unha suba próxima ao 150%.

Das 36 explotacións galegas saíron 84 de cada 100 t de polo ecolóxico das que se produciron en España. As 1.614 t que recolle o informe supoñen un progreso dun 49,7% en relación ao curso anterior.

En ovos bio, Galicia sitúase en segunda posición en unidades (23.879.197). Produción que procede das 139.384 galiñas rexistradas nas 27 granxas que computa o informe.

No que a porcino se refire, hai 17 explotacións. Son tres máis que en 2018, un incremento que enxalza á comunidade á terceira posición estatal. O sector empurra con forza e case logra duplicar a produción de carne ata chegar ás 385 t, o 13,6% do total nacional. Sen embargo, non consegue abandonar o cuarto lugar e por diante continúan Aragón, Andalucía e Castela e León.

O progreso do sector apoiáse no aumento do censo gandeiro que, cun avance do 106,8%, acada as 9.084 cabezas. Con algo máis da cuarta parte do porco ecolóxico que existe en España, Galicia lidera desta vez o rexistro nacional.

POTENCIA EN MEL. Galicia é terceira comunidade en apicultura ecolóxica e así queda reflectido en todas e cada unha das variables. Conta con 35 explotacións e 14.152 colmeas que pecharon 2019 cunha produción de 228,8 t de mel.

Pola suá propia xeografía e grazas aos seus 2.500 km de costa, en acuicultura o sector bio galego non ten rivais. Os 47 operadores (34 de mexillón e 13 de algas) representan o 77% dos produtores especializados neste segmento a nivel estatal.

INDUSTRIAS. O peso da gandería ecolóxica en Galicia é un factor determinante á hora de desenvolver un tecido industrial que transforme o produto e o introduza no mercado. Con 112 industrias relacionadas coa produción animal, ocupa o terceiro posto na táboa estatal. 38 dedícanse á elaboración e conservación de peixe, crustáceos e moluscos e levan á comunidade a exhibir outro máximo nacional. 31 teñen que ver coa carne; 26 fabrican produtos alimenticios de orixe animal e 17 están vencelladas aos lácteos.

Aínda a pesar de que a industria eco galega non desempeña un papel relevante no conxunto nacional, ano tras ano adquire maior protagonismo. As empresas especializadas en elaborar e comercializar produto bio case se cuadriplicaron en Galicia na última década e hoxe representan xa o 25,7% do censo do Craega. Con 62 inscritos, as comercializadoras medraron no último curso preto dun 35%. 

INFORME MAPA 2019: https://bit.ly/2Hq0RK2

INFORME CRAEGA 2019: https://bit.ly/2J4dFpQ

Dolores Raigón: “Na agricultura convencional segue a agredirse o planeta sen custo ningún”

Dolores Raigón Jiménez, vicepresidenta da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE). Foto: SEAE

O ecolóxico ten por diante un escenario esperanzador, sempre e cando a política non frustre as súas expectativas. Son palabras de M.ª Dolores Raigón Jiménez (Montilla, Córdoba, 1961), doutora en Enxeñería Agrónoma e catedrática de Edafoloxía e Química Agrícola pola Politécnica de Valencia, ademais de profesora na Escola Técnica Superior de Enxeñería Agronómica e do Medio Natural. Tamén ocupa o cargo de vicepresidenta da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE). Poucas voces hai en España tan autorizadas como a súa para analizar a realidade da produción ecolóxica. En plena pandemia publicou Manual de la nutrición ecológica. De la molécula al plato (SEAE, 2020), un libro no que trata sobre o que, como e de onde comer.

Produto eco vs. convencional. Hai algún dato obxectivo que avale que o primeiro é mellor que o segundo?
A data de hoxe temos datos procedentes de investigacións científicas que nos indican que os alimentos ecolóxicos son seguros porque non expoñen os consumidores a residuos de praguicidas sintéticos. A exposición a antibióticos, microorganismos, nitratos, metais pesados ou organismos xeneticamente modificados (OXM) é moi escasa ou nula. Ademais, desde o punto de vista nutricional, as concentracións dos nutrientes nos alimentos bio axústanse aos niveis estándar de composición e nalgúns parámetros supéranse significativamente, pois presentan maiores contidos en vitamina C, antioxidantes totais, minerais e ácidos graxos omega 3 (ω3) e omega 6 (ω6). Sen esquecer que existen outros beneficios asociados grazas á contribución que a agricultura ecolóxica realiza ao medio ambiente, a biodiversidade, a paisaxe, a transmisión do coñecemento patrimonial agrícola e gandeiro, ou cuestións vencelladas ao traspaso xeracional das explotacións.

Son só evidencias ou existen estudos científicos que realmente sosteñan afirmacións do tipo “os produtos ecolóxicos son máis saudables”?
As evidencias veñen dos estudos científicos publicados, as intuicións son as que teñen outras procedencias. A influencia dos modelos dietéticos e nutricionais tivo unha repercusión sobre a saúde. De feito, recoñeceuse un aumento de certas enfermidades crónicas, non contaxiosas, como consecuencia da dieta e os hábitos de vida. En calquera caso, as investigacións que avalan os efectos dos alimentos ecolóxicos son poucas porque resultan moi custosas.
Aínda así, en informes publicados indícase que a dieta bio reduce os factores de risco cardiovascular, tanto en individuos sans como enfermos. Algúns argumentos científicos suxiren un forte papel protector da frecuencia de consumo de alimentos orgánicos con respecto ao risco de padecer diabetes tipo 2 e hipertensión en varóns, sobrepeso e obesidade. Conclúen que as pautas nutricionais deben ser revisadas en función das prácticas agrícolas executadas na produción de alimentos. Mesmo nalgún traballo se atopan relacións de tipo emocional, indicando que, para o adulto de mediana idade, a elección dun estilo de vida baseado nunha dieta ecolóxica constitúe unha conexión con aspectos como a identidade, os valores e o benestar. Por último, a non presenza de residuos fitosanitarios constitúe un beneficio evidente para a saúde.

Que hai detrás deses estudos e/ou noticias que, con certa frecuencia, agreden a agricultura ecolóxica?
Sistematicamente véñense producindo ataques ao sistema de produción ecolóxico de forma directa ou con mensaxes tendenciosas. Moitos dos argumentos nos que se basean estes ataques retroaliméntanse das mesmas fontes e nalgúns casos son manipulados, non coincidentes coa mensaxe orixinal. Quero insistir en que a alimentación e a agricultura ecolóxicas responden a unha demanda da sociedade que esixe medidas sobre a protección do medio ambiente e a calidade dos alimentos, facendo especial fincapé nas limitacións e nas consecuencias da produción ecolóxica. Falar de agricultura ecolóxica é falar de biodiversidade. Manter a fertilidade do solo implica o incremento dos seus microorganismos, algo que é necesario para respectar os ciclos elementais da materia orgánica. A sanidade vexetal debe realizarse a través do equilibrio do ecosistema, aplicando técnicas como a introdución de sebes ou a implantación dentro da mesma parcela de técnicas de asociación e rotación de cultivos. En gandería, a introdución de variedades e razas autóctonas dálle ao territorio un considerable valor engadido… Se esta é a realidade da produción ecolóxica, ata cando os nosos agricultores e gandeiros deben estar pedindo perdón por facer as cousas ben e pagar para que quede constancia diso? Mentres tanto, en agricultura convencional séguese agredindo ao medio ambiente e á saúde global do planeta sen custo ningún.

Por continuar rebaténdolles aos detractores deste modelo, que vantaxes ten para a saúde consumir alimentos eco?
Insisto na dificultade que require obter resultados científicos no plano da saúde. En calquera caso, o concepto de saúde abarca a totalidade e a integridade dos sistemas vivos. Non se trata só da ausencia de enfermidade, senón do mantemento do benestar físico, mental, social e ecolóxico dos individuos e os seus ecosistemas. Deste xeito, os solos saudables producen cultivos saudables que fomentan a saúde dos animais e dos seres humanos e do planeta coma un e indivisible. A inmunidade, a resiliencia e a rexeneración son características clave da saúde. Todo isto, unido a que os alimentos bio non presentan residuos químicos de síntese nin OXM e teñen maior valor nutricional, leva a concluír que sen dúbida son mellores para a saúde.
Así mesmo, tamén existen evidencias da maior concentración de substancias de carácter antioxidante nos alimentos de produción orgánica debido a que as prácticas de fertilización e de sanidade vexetal xeran máis mecanismos de defensa entre a propia planta. O resultado é a síntese de substancias beneficiosas para o organismo. Nos produtos de orixe gandeira a presenza de maior fracción de ácidos graxos mono e poliinsaturados constitúe tamén unha das achegas máis importantes para a saúde.

E para o medio ambiente?
Existe un gran número de variables ambientais a favor das técnicas de agricultura e gandería ecolóxicas. As explotacións baixo este sistema de produción presentan menor lixiviación de nitratos, fósforo e produtos fitosanitarios, contribuíndo á maior calidade das augas subterráneas e superficiais. A lixiviación, do mesmo xeito que as emisións de óxido nitroso e de amoníaco, redúcese por unidade de superficie produtiva. A degradación severa dos ecosistemas mariños e de auga doce en todo o mundo está vinculada ao uso excesivo de fertilizantes nitroxenados e fosforados, o que provoca a eutrofización da auga doce e a produción de zonas hipóxicas en augas costeiras.
Ademais, os impactos ambientais da agricultura ecolóxica limítanse moito na medida en que non se empregan moléculas químicas de síntese persistentes no sistema. A agricultura ecolóxica recorre a técnicas que buscan manter o equilibrio e, de ser o caso, as substancias que utiliza responden a unha composición equivalente á súa presenza na natureza.

Explíquenos os perigos para a saúde dos fitosanitarios e químicos que se utilizan en cultivo convencional.
Non son partidaria de xerar medos ou proxectar sensacionalismos sobre este tema, pero a exposición humana aos fitosanitarios é un feito ben estudado nos últimos anos. Existe información dos efectos agudos destes produtos en casos de intoxicación por exposicións ás substancias químicas presentes neles. Son coñecidos os traballos sobre incidencia e mortalidade por cancro (cerebro, pulmón, ovario, próstata, sarcomas de partes brandas e algún tipo de leucemia) en agricultores, cuxo risco é superior ao resto da poboación xeral. Tamén teñen algunhas consecuencias sobre o desenvolvemento e funcionalidade de diferentes órganos e sistemas: alteracións neurolóxicas, reprodutivas, endócrinas ou inmunolóxicas, e incluso fracasos funcionais e cambios importantes do comportamento. Por iso, considerando valores globais, os alimentos ecolóxicos mostran evidencias científicas de ser máis seguros, xa que non presentan residuos fitosanitarios. Nun estudo do servizo de investigación do Parlamento Europeo conclúese que os residuos en froitas e verduras producidas por técnicas convencionais constitúen a principal fonte de exposición a praguicidas en humanos.

A crise económica derivada da pandemia minguou o poder adquisitivo de moitas familias. Isto supón un freo para a tendencia ascendente que viña manifestando o consumo de produtos eco?
Todo o contrario. O que se viu nos momentos da pandemia, marcada pola crise sanitaria, ecolóxica, social e ambiental, é que os consumidores priorizaron a alimentación fronte a outras ofertas de consumo. En resumo, a preocupación pola situación traduciuse en compra positiva de produtos bio.

Convén entón agora insistir, máis que nunca, en que os alimentos ecolóxicos non son caros?
Aínda que os estudos demostran que unha menor renda aumenta a procura de prezos económicos nos alimentos, esta tendencia está moi relacionada co rol que os consumidores lle asignen. No plano negativo, un custo elevado significa que se debe facer un sacrificio. Pola contra, un enfoque positivo sinala alta calidade do produto. En xeral, os alimentos baratos adoitan ter altos contidos en graxa e en azucre, cuxo consumo segundo as pautas dietéticas actuais debe reducirse polas súas consecuencias para a saúde pública. Por iso, o ingreso é só un factor explicativo parcial e é substituído por outras variables sociodemográficas, educacionais, de saúde, presenza de menores no fogar etc., que eliminan a barreira dos prezos altos. Neste sentido os alimentos ecolóxicos nunca foron caros. Se o consumo dos alimentos incluíse os valores reais dos custos ambientais e do sistema de saúde, o modelo de produción convencional dominante sairía moi malparado fronte ao ecolóxico.

Parécelle positivo para o sector que se aprace a entrada en vigor do novo regulamento de produción ecolóxica?
Atendendo ao traballo que faltaba para a súa entrada en vigor nos diferentes territorios, creo que o adiamento foi unha boa decisión.

España está preparada para cumprir o Pacto Verde Europeo e facer a súa contribución para que o 25 % da superficie agraria da UE sexa ecolóxica en 2030?
Penso que España está no bo camiño, pero debe priorizar os esforzos e realizar unha maior aposta pola produción ecolóxica. Demostrouse que os produtores realizaron ben os seus deberes e tamén que os consumidores están a entrar na boa formulación (de aí o incremento na oferta e a demanda de alimentos bio). Non obstante, falta valentía política á hora de tomar decisións que apoien o sector.

A modo de conclusión, que escenario se presenta a curto-medio prazo para o sector ecolóxico?
Un escenario esperanzador, pero teño a sensación de que lle vai tocar un esforzo extra a produtores e consumidores. Desconfío das axendas políticas ou das decisións de lavado en verde que están a tomar algunhas institucións.


Un manual para debullar os nutrientes dos alimentos eco

En Manual de la nutrición ecológica. De la molécula al plato (SEAE, 2020), Dolores Raigón realiza unha profunda avaliación bioquímica dos nutrientes e a súa presenza nos alimentos, tanto ecolóxicos coma convencionais. O obxectivo desta primeira parte (capítulos 1 ao 8) é entender cunha linguaxe accesible de que moléculas se fala cando se citan os nutrientes, así como o modelo agrícola, gandeiro e de transformación, pode influír na súa acumulación.

Na seguinte tramo do libro (capítulos 9 ao 16), a autora fai un varrido descritivo polos alimentos máis representativos na nutrición e cun consumo máis xeneralizado (cereais, legumes, froitas, verduras frescas, froitos secos, leite e derivados) ou de orixe gandeira (ovo, carnes de polo, coello e tenreira) e acuícola. Xa por último, elabórase unha dieta semanal teórica cumprindo as necesidades nutricionais diarias, en función da procedencia bio ou non dos alimentos.

Raigón conclúe que os produtos orgánicos poden ter unhas consecuencias positivas sobre a saúde porque, no proceso de produción, se garanten o incremento de nutrientes, a ausencia de residuos químicos e o aumento das substancias bioactivas.


 

Trasdeza Natur: unha horta ecolóxica de premio

María José Tallón García (Trasdeza Natur) sostendo a distinción que lle outorgou o Ministerio nos XI Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais. Foto: MAPA

O Agader 2018, o segundo premio Semente Ribeira Sacra e agora o que outorga o Ministerio de Agricultura ás mulleres rurais con mellores ideas. María José Tallón García, fundadora de Trasdeza Natur, non deixa de recibir recoñecementos pola horta ecolóxica que montou en Silleda (Pontevedra). “É o resultado de moito esforzo e traballo. Temos moi claro o modelo de negocio que debemos seguir”, sinala. Certificado polo Craega e cun sistema pioneiro para deshidratar froitas e verduras con enerxía solar, o seu proxecto levouna a recoller días atrás en Madrid o terceiro galardón dos XI Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais na categoría de actividade agraria. 

Tallón sempre soubo que eido rural, agricultura ecolóxica e tecnoloxía sostible poden ir da man. En 2016, quedou sen traballo e foi daquela cando comezou a pensar na finca familiar como opción de autoemprego. Economista de formación, para profesionalizar a explotación de arredor de 6.000 m2 fixo unha inmersión inicial no sector primario a través de varios cursos e talleres que lle deron unha visión máis técnica. Quería cultivar vexetais sen tratamentos químicos, pero tamén transformar o produto para chegar a novos nichos de mercado.

“Montamos o obrador e decatámonos de que a deshidratación era a forma de transformar que máis respecta o produto natural porque conserva a maioría das súas propiedades”, explica. Non foi sinxelo atopar unha tecnoloxía que cumprira coa súa filosofía. Despois de facer contactos en Centroamérica, Tallón deu cunha solución moito máis cerca, na Universidade de Santiago (USC). Na Facultade de Física estaban a traballar cun prototipo de secadoiro solar para algas e puxéronse dacordo para adaptalo á súa horta.

Nun dos extremos da horta ecolóxica atópanse os paneis solares que abastecen o taller. Foto: TN

En 2017, Trasdeza Natur comezou coa transformación de produto. “Fumos mellorando a máquina da USC pouco a pouco e adaptándoa ás nosas condicións co obxectivo de conseguir autonomía e pegada de carbono cero”, engade. Aproveitando a enerxía solar e sen emisión algunha, o que obtén son froitas e verduras deshidratas con selo ecolóxico para consumir con iogur, cereais ou como snack saudable. 

OS EFECTOS DA COVID. A pandemia en Trasdeza Natur ten un dobre efecto: ralentizou proxectos a piques de ver a luz e deu un discreto empurrón ás vendas online. “Notamos máis interese a nivel local, pero certo é que moita xente da cidade veu ao rural durante o confinamento e cultiva a súa propia horta”, comenta Tallón. Á súa clientela, fundamentalmente da zona, achéganlle hortalizas e froitas de tempada en formato fresco e deshidratado. Poden mercar a través da web e recibilo na casa (servizo en Silleda e arredores).

Nun futuro, a súa intención é continuar desenvolvendo a tecnoloxía que tanta sona lle deu ao proxecto e sacar novos produtos deshidratados e en maiores cantidades. 

A CERTIFICACIÓN. A horta de Silleda naceu coa convicción de que o selo do Craega era unha das súas pedras angulares. “Para nós é unha garantía de calidade. É un xeito de cerciorarte de que fas as cousas ben porque hai un axente externo que, cun punto de vista oficial, certifica que é así”, recalca Tallón.

“No rural hai moitos camiños por explorar e agora debería estar máis vivo que nunca. Emprender é viable e dá moitas satisfaccións. Só o feito de estar en contacto coa natureza xera tranquilidade”, conclúe para animar ás novas xeracións. 


A lagoa, unha depuradora natural para a rega

O proxecto sostible de Trasdeza Natur conta tamén cunha lagoa para reutilizar a auga do taller e destinala á rega. Co obxectivo de evitar verteduras ao terreo ou á cuneta, optouse por instalar un sistema de depuración con plantas que permite eliminar os residuos sen danar o medio ambiente e ademais darlle un novo uso á auga.

De feito, a empresa conta co selo de calidade turística en destino (categoría turismo industrial) e, periodicamente, recibe visitas de centros escolares, escolas técnicas, profesionais, etc. As entradas pódense mercar na web.

A lagoa está totalmente cuberta de plantas e funciona como un filtro verde. Foto: TN

Biofach 2021 cancela o formato presencial e terá lugar online

Oito empresas certificadas sumáronse ao ‘stand’ agrupado que o Craega organizou en Biofach 2020. Foto: Craega

Biofach 2021, a feira líder mundial do sector orgánico, celebrarase unicamente en formato dixital. A entidade organizadora, NürnbergMesse, adopta esta decisión en resposta ao complexo escenario derivado da pandemia. A edición online terá lugar entre o 17 e o 19 de febreiro e a próxima cita no recinto da cidade xermana queda posposta ata 2022.

“Lamento que a feira física non poida celebrarse e recalco que esta decisión foi extremadamente difícil para todos nós”, sinala Petra Wolf, membro do consello de administración de NürnbergMesse, nun comunicado. A suspensión chega despois de realizar unha enquisa entre expositores e visitantes e, tamén recollendo o seu parecer, a organización considerou conveniente promover un encontro dixital.

Sete empresas eco galegas tiña previsto participar no stand agrupado que o Craega estaba organizando para a convocatoria de 2021.

EDICIÓN DIXITAL. Pendente de presentar o programa definitivo, desde NürnbergMesse avanzan que eSpecial Biofach/Vivaness ofrecerá presentacións corporativas e de produtos, así como plataformas de diálogo para que os profesionais do sector poidan establecer contacto.

Por outra banda, tamén poñerá ao alcance da comunidade ecolóxica a opción de sumarse ao congreso que tradicionalmente se celebra coincidindo coa feira. O tema principal de 2021 será ‘Dar forma á transformación. Máis forte. Xuntos’.

A UE amplía ata o 15 de xuño a solicitude da PAC

A Comisión Europea vén de ampliar a solicitude das axudas da Política Agrícola Común (PAC) ata o 15 de xuño. Nun principio, o prazo expiraba o 30 de abril e o Goberno español decidiu prorrogalo ata o 15 de maio a causa da crise do coronavirus. Ademais, desde o Ministerio de Agricultura solicitouse a Bruxelas que estendera un mes máis o calendario para xestionar as subvencións, petición que finalmente foi aceptada. 

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), en colaboración coas comunidades autónomas, fomentará a presentación telemática da solicitude única e favorecerá as distintas alternativas que permitan aproveitar ao máximo estos mecanismos. 

ENLACE AXUDA:  https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200218/AnuncioG0426-120220-0001_gl.html

AMPLIACIÓN DA UE: https://eur-lex.europa.eu/legal-content/ES/TXT/PDF/?uri=CELEX:32020R0501&from=ES

PRAZO: 15/06/2020

A despensa de mexillón bio está en Galicia

O Craega rexistrou 3.124 toneladas de mexillón ecolóxico en 2018, case o 60% do que se certifica no conxunto do Estado.

Con 2.500 km de costa, Galicia é líder absoluto en acuicultura bio de España. O monopolio recae na ría de Arousa, a máis extensa do Estado. Salvo unha mínima porcentaxe procedente da ría de Aldán (Cangas do Morrazo), dese labirinto escarpado de illas e arrecifes saíron as 3.124 toneladas que o Craega rexistrou en 2018. Segundo o informe sobre produción ecolóxica que o Ministerio de Agricultura publicou recentemente, o noroeste peninsular mantén o monopolio en acuicultura e absorbe o 59,4 % do que se certifica no conxunto do Estado. En algas con etiqueta verde, Galicia tamén se sitúa en cabeza. Das 721 toneladas que se comercializaron no país, 636 tiñan aquí a súa orixe.

Do mexillón ecolóxico e de como se foi facendo un oco no mercado internacional sabe moito Juan Carlos Juncal Piñeiro. Presidente da Asociación de Produtores Mexilloeiros San Amaro e vogal do Craega, coñece como poucos os 230 km2 da ría de Arousa. Pioneiros na produción do molusco con selo, nese recuncho singular do litoral galego o colectivo xestiona 41 bateas repartidas en mans de 26 socios.

“Os principios foron dífíciles. Comezamos certificando dúas bateas para industria e o primeiro ano só vendemos o 20% da produción. O resultado non pagaba o esforzo, pero era unha aposta de futuro cun produto innovador”, lembra Juncal. A primeira grande eclosión chegou en 2013. San Amaro empezou a vender fresco para Francia, un país con niveis de consumo ecolóxico moi elevados. A entrada no mercado galo exerceu un efecto chamada e, ao colectivo con sede en Vilanova de Arousa, sumáronse membros doutras organizacións, primeiro os da Rianxeira e, máis tarde, os da Illa. Conscientes das dificultades para introducir o bivalvo nos circuítos comerciais, despois inscribiuse tamén algún cocedeiro de mexillón e algunha depuradora, algo que serviu para darlle o pulo definitivo ao sector.

O mercado do mexillón eco atópase nun estado embrionario. “Aínda que tres mil toneladas semelle unha gran cantidade, supón pouco máis do 1 % do mexillón galego comercializado. Partindo da calidade das augas, hoxe en día poderíase certificar máis dun 90 % do noso molusco”, engade.

Fonte: ‘Agricultura ecolóxica. Estatísticas 2018’, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

FRANCIA, O MERCADO MÁIS APETITOSO. Francia é o terceiro mercado de alimentos ecolóxicos a escala mundial e o noveno que máis gasta ao ano en produtos bio per cápita (101 €). Son datos dun informe do ICEX, no que tamén se prognostica que o sector aspira a acadar os 12.000 millóns de euros en 2020.

En Arousa foron quen de percibir as oportunidades dun país que fixo do mexillón fresco –non dispoñible no seu mercado– unha das estrelas da súa despensa. O selo do Craega resultou fundamental para abrirse camiño. Ademais de achegar valor engadido, a certificación “permitiunos acadar estabilidade tanto en prezo como en vendas”, explica o presidente de San Amaro.

Desde as Rías Baixas auguran que o futuro do molusco pasa por converterse en ingrediente de pratos elaborados, en consonancia coa tendencia dos mercados. Hoxe comercialízase de xeito moi semellante ao convencional, tanto en conserva coma en fresco. Este último é o que máis demanda rexistra no seo de San Amaro, algo que desde a agrupación atribúen a que, con este formato, tende a identificarse cun produto gourmet

Juan Carlos Juncal Piñeiro, presidente da Asociación de Produtores Mexilloeiros San Amaro.

DIFERENZAS ENTRE MEXILLÓN BIO E CONVENCIONAL. A calidade da auga é o principal criterio á hora de establecer os límites entre o mexillón bio e o convencional. Segundo estipula a normativa de acuicultura ecolóxica, o molusco con etiqueta verde debe producirse en polígonos situados en zona sanitaria A ou B (alta calidade). De analizar a calidade da auga ocúpase o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).

Co peso que ten a contorna para o sector bateeiro, Juncal fai fincapé en que o maior reto para os produtores e os mariñeiros das rías galegas “é conservar o medio no que traballamos, evitando que os intereses de empresas e persoas sen escrúpulos os deterioren de forma irreparable”.

A curto-medio prazo, todo apunta a que se irán creando pequenos grupos de produtores que asumirán a xestión de 20 ou 30 bateas a fin de amortizar recursos e sacar maior rendemento á produción.

Mexillón á marxe, o tamén vogal do Craega vai máis alá e apela á Administración para que fomente o consumo de produtos ecolóxicos. Nesta liña urxe medidas como a puntuación dos alimentos bio nos concursos de comedores xestionados polos poderes públicos ou a aplicación do IVE superreducido.

Galicia encabeza a produción de carne avícola e pechou 2018 cun balance de 1.078 toneladas.

LÍDER EN LEITE E CARNE AVÍCOLA. O informe do Ministerio de Agricultura pon de relevo que Galicia segue a gañar peso en produción ecolóxica ano tras ano. A superficie dedicada a este tipo de cultivo medrou un 7,9 % só nun exercicio e, ademais, a comunidade logrou encabezar certos sectores como o leite, a carne avícola, os ovos ou o mel.

España sumaba 7.923 explotacións gandeiras ecolóxicas en 2018, dous puntos máis que no exercicio precedente. Con máis da metade das granxas certificadas do conxunto do Estado, Galicia lidera a produción láctea do país e anotou 15.697 toneladas dun total de 27.837. Non obstante, cae ata o quinto posto en produción de carne. Unicamente 165 das que hai en España se sitúan aquí e, de feito, o seu peso no balance é pouco significativo: 207 toneladas fronte ás máis de 23.000 que computa o Estado no seu conxunto.

En canto a ave de curral, Galicia tamén merece un lugar destacado. Por detrás de Cataluña, é a segunda comunidade con máis explotacións (30) deste tipo. Si que encabeza, no entanto, a produción de carne avícola e pechou o ano cun cómputo de 1.078 toneladas (das 1.289 de España).

O informe do Ministerio tamén outorga un oco sobresaínte aos ovos ecolóxicos. Das 21 granxas inscritas en Galicia saíron 22.141 unidades, cifra que lle atribúe a segunda posición neste segmento. Algo parecido sucede co mel. Galicia presume de ser a terceira comunidade en suma de explotacións (31). Nelas repártense 14.562 colmeas que produciron 170 toneladas de mel, cantidade que deixa de novo a Galicia no número tres da lista.

O sector eco galego abre novos horizontes en Biocultura A Coruña

O Craega acudiu a Biocultura A Coruña coa imaxe da campaña ‘Somos Semente’

Tres intensos días de feria aberta a todos os públicos e moi cerca da casa. O sector eco galego amosou na segunda edición de Biocultura A Coruña (28 e 29 de febreiro e 1 de marzo)  a súa madurez e tivo ocasión de palpar o interese crecente do público local polos alimentos orgánicos. No estand agrupado do Craega, 21 expositores do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) achegaron as súas propostas a consumidores e profesionais procedentes de toda a comunidade.

Para a entidade que se ocupa de controlar e certificar o sector ecolóxico en Galicia, a feira permitiu aliñar no mesmo escaparate un amplo abano de produtos: mel, marmeladas, café, froita, algas, carne, embutidos, cervexa, xeados, pan ou viño. Baixo o paraugas do Consello, compartiron estand Camemorcol; Biowak; Jamones González; Mieles Anta; Bubela Artesá; Galuriña; The Bio Factory; Verín Biocoop; Galletas Daveiga; Cafés Saburido (Sabora); Celtaverde; Conservas do Támega; Maruxas de Nata; Producto de Aldea; Sovoral; Daiquí; Bodegas Corisca; Euro Andean Trading; Adegas Xangall; Mirabel do Rosal-Alén do Val; e Algamar. 

Co apoio da Consellería de Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o Craega organizou diferentes actividades como show cooking, obradoiros infantís, catas e mesas redondas. 

Organizada pola Asociación Vida Sana, Biocultura A Coruña logrou reunir a 150 expositores dedicados aos sectores da alimentación bio (con máis de 10.000 referencias), cosmética ecolóxica, moda sostible, casa sa, benestar e artesanía. A vindeira cita será en Barcelona do 7 ao 10 de maio. A feira despediuse cun balance superior aos 11.000 visitantes. 

Os chefs Kike Piñeiro e Eloy Cancela sacan proveito ao produto eco no Centro Superior de Hostelería de Galicia

Kike Piñeiro, esquerda, e Eloy Cancela, chefs da Horta do Obradoiro, con José Ángel Regueiro Real durante o ‘show cooking’ celebrado no CSHG

Vacún, horta e mexillón con selo ecolóxico. Son os tres produtos que o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) presentou o pasado mércores aos alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG). O testemuño de José Ángel Regueiro Real, gandeiro de vacún e vogal na comisión de goberno do Craega, e o show cooking impartido polos chefs do restaurante compostelán A Horta do Obradoiro serviron para achegar algúns dos segredos dos alimentos certificados aos que no futuro van a tomar o relevo no sector hostaleiro.

Operador de vacún ecolóxico e integrante da dirección do Consello (en representación das empresas de produción animal), Regueiro Real encargouse de explicar aos alumnos de segundo e último curso de Gastronomía e Xestión en Cociña como funciona a súa gandería. Situada a oito quilómetros de Lugo, a súa explotación suma 25 vacas nodrizas. Tramitou a solicitude para converserte ao ecolóxico en 2003 e foi un dos primeiros en adherirse á entidade que controla e certifica este sistema de produción na comunidade. Falou das características do produto, pero tamén das dificultades que supón manter en pé un negocio no rural e, en particular, de atopar un oco nun mercado que non sempre sabe poñer en valor os alimentos de calidade.

Mentres Regueiro Real abundaba na faciana empresarial do sector, Kike Piñeiro e Eloy Cancela, do restaurante A Horta do Obradoiro, preparaban un menú a base de produtos ecolóxicos no CSHG que posteriormente os estudantes degustaron. Cuscús de coliflor con cabaza asada, guiso de mexillón tigre e snack de vacún ecolóxico (con xarrete de tenreira).

A sobremesa foi un dos momentos máis especiais do show cooking. Co queixo e o mel como ingredientes estrela, os chefs deseñaron dunhas presentacións diferentes: rolo con crema de queixo e mel; e queixo de nabiza con mel fresco do panal.

SEMANA DE EXPLOTACIÓN. Durante o segundo trimestre do curso, no mes de marzo, os alumnos do CSHG terán ocasión de incluír os produtos ecolóxicos nos seus traballos fin de carreira. Como vén sendo habitual, os estudantes de último curso de Gastronomía e Xestión en Cociña terán que pechar o ciclo de formación desenvolvendo o proxecto empresarial dun restaurante con todos os aspectos que iso implica: definición do negocio, estudos de mercado e viabilidade; e posta en funcionamento. Finalmente o restaurante abrirase ao público xeral durante unha semana nas instalacións que o centro posúe na zona da Barcia.

Ecolóxicos que presumen de Exceleites

José Antonio Rivas Corredoira, esquerda, de Casa Codesal; e Jesús Gabriel Pereira, de Gandería Pear.

“O ecolóxico tes que levalo dentro. É unha cuestión de conciencia, de respecto ao medio ambiente e aos animais”, sostén Jesús Gabriel Pereira, da Gandería Pear, de Arzúa. “As nosas vacas viven todo o ano fóra e aliméntanse de pasto fresco. Por iso, o seu leite é de moita calidade”, ratifica José Antonio Rivas Corredoira, de Casa Codesal, de Friol. Ambos poden presumir de producir os mellores leites bio de Galicia, pero do que máis satisfeitos están é da súa profesión, do seu compromiso co rural e coa natureza. Quizais por ese motivo recibiron os Exceleite 2019 en ecolóxico, uns premios que concede a Consellería do Medio Rural en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal).

“O máis importante é que non haxa intromisión e que se exerza un bo control. A certificación é algo obxectivo que permite demostrar que temos un produto de calidade. Este premio, froito dunha analítica que avalía a calidade bacteriolóxica e de células somáticas, ratifica que facemos ben o noso traballo”, recalca Pereira, primeiro clasificado na súa categoría. “A convencional é unha produción moi forzada. En ecolóxico, os animais aguantan máis anos. Viven mellor”, continúa.

Como moitos outros, este gandeiro de Arzúa incorporouse ao Craega empurrado pola crise do sector lácteo. “Estaba nun camiño sen saída: ou mercar cota ou buscar medios para subsistir. Optamos por dimensionar a explotación e producir a mesma cantidade a maior prezo”, lembra. A conversión da granxa familiar que herdou dos seus pais comezou en 2006. Hoxe fala fachendoso das súas 30 vacas que lle reportan un balance anual de 220.000 litros.

A de Pereira é unha historia de éxito que, ademais, por primeira vez ten premio. Non obstante, o traxe rural non lles senta ben a todos os públicos. “Non é unha vida sinxela. Ten que gustarche moito e hai que facer as cousas con ilusión”, advirte.

A granxa de José Antonio Rivas Corredoira, segunda clasificada en ecolóxico, é unha veterana nos Exceleite. Nos tres anos que teñen estes premios, Casa Codesal sempre conseguiu un galardón. “É un recoñecemento á forma que temos de traballar. Puntúa positivamente tanto as características organo- lépticas do leite como o modelo de produción”, explica. Con 35 anos, vén de coller as rendas do negocio familiar. “Para min, significa continuar un soño e manter vivo o legado dos meus antepasados”, celebra.

O mozo mira o futuro con optimismo e anima a xente nova a emprender no rural. “Temos que sentirnos orgullosos do que somos, do que facemos e de onde vivimos. A do campo é unha profesión tan digna como outra calquera e, ademais, é un medio de vida”, argumenta. Confesa que o seu segredo é “facer as cousas co corazón”.

Casa Codesal comercializa leite certificado en ecolóxico desde 2005. As 55 cabezas de gando para o muxido producen agora 320.000 litros anuais. A longo prazo, Rivas quere contratar persoal para mellorar a calidade de vida dos que sosteñen o negocio en pé e abrir a granxa ás visitas.