fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Dona Cobiña triunfou no certame World Cheese Awards 2023 co seu queixo DOP Tetilla Ecolóxico

Conversamos con Juan Manuel Justicia, un dos integrantes de Dona Cobiña, queixería que recentemente obtivo unha medalla de bronce no World Cheese Awards 2023. Justicia cóntanos cales foron as súas sensacións ao conseguir este recoñecemento internacional, as consecuencias disto e tamén nos fala do seu proceso de elaboración, ademais da historia desta empresa.

 

A queixería Dona Cobiña (Agolada, Pontevedra), certificada en ecolóxico no Craega, foi premiada no certame World Cheese Awards 2023, que se celebrou o 27 de outubro en Trondheim (Noruega). Así, o seu queixo DOP Tetilla Ecolóxico conseguiu unha medalla de bronce. En total, participaron máis de 4.500 queixos de 43 países, que foron avaliados por 264 xuíces expertos.

A ORIXE E A EVOLUCIÓN DA QUEIXERÍA

Juan Manuel Justicia, que forma parte deste proxecto, contounos que os inicios de Cobideza Sociedade Cooperativa (Lalín, Pontevedra), da que posteriormente xorde a queixería, remóntanse ao ano 1994, aínda que leva funcionando como asociación de gandeiros desde finais dos 80. Na actualidade, Cobideza está formada por máis de 300 socios e conta con 230 ganderías de leite. O ámbito de actuación da cooperativa abarca a maioría dos concellos das comarcas de Ulloa, Deza, Tabeirós e Terras de Montes.

No ano 2015 Cobideza pon en marcha unha pequena queixería, coincidindo co final da cota láctea e coa crise que atravesou o sector, e que comeza co obxectivo principal de poñer no mercado un produto que vén directo do fabricante, diferenciado pola súa calidade. Actualmente en Dona Cobiña traballan nove persoas e a produción da queixería enfócase fundamentalmente aos mercados de cercanías, principalmente en Galicia, aínda que xa se está abrindo ao exterior.

Juan Manuel Justicia, no seu stand de Biocultura Barcelona 2023

 

O queixo de Tetilla, amplamente recoñecido pola súa peculiar forma na gastronomía galega, ten un período mínimo de 8 días de maduración e en Dona Cobiña elabórano con leite pasteurizado procedente de explotacións gandeiras sustentables que usan primordialmente o pastoreo, seleccionadas pola cooperativa Cobideza cun exhaustivo control de calidade.

SATISFACCIÓN E ORGULLO CON ESTE RECOÑECEMENTO

Na conversa que mantivemos con Juan Manuel, contounos que el é o que se encarga de participar en concursos e en feiras e de presentar os seus produtos, “aínda que en realidade todos facemos un pouco de todo”, recalcou.

Con respecto ás impresións do equipo logo de coñecer a noticia, Justicia manifestou que “foi toda unha sorpresa. O ano pasado tamén gañamos unha medalla de prata co noso queixo de barra ecolóxico no Frankfurt International Trophy”. O noso entrevistado tamén nos contou que xa están notando os resultados de ter gañado esta medalla: “Apareceu algún interesado de fóra cando isto normalmente non pasaba. Xa recibimos correos pedindo prezos e estamos moi contentos”.

A IMPORTANCIA DO ECOLÓXICO

Juan Manuel insistiu no valor que dende a queixería lle dan á produción ecolóxica, coa que buscan coidar o medio ambiente dende o comezo do proceso ata o resultado final. “Ultimamente o produto ecolóxico está sendo moi demandado e cada vez ten máis saída no mercado. Ao final, a materia prima dá un produto de calidade que se diferenza do resto”, concluíu.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.