A Xunta destina 1,9 millóns de euros á agricultura ecolóxica

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo dependente da Consellería do Medio Rural, realizou as transferencias a 3.670 persoas beneficiarias das axudas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica, correspondentes á campaña de 2021 da Política Agrícola Común (PAC).

Do montante, que suma máis de 14,3 millóns de euros, 12,3 millóns correspóndense ás axudas de agroambiente e clima, que benefician a 3.434 agricultores e gandeiros. En canto ás axudas de agricultura ecolóxica, o importe ascende a máis de 1,9 millóns de euros para 236 produtores.

AMPLIACIÓN DO PRAZO DE SOLICITUDE DA PAC 2022

A Xunta de Galicia ampliou ata o 13 de maio o prazo de presentación da solicitude da PAC para este ano. A dotación para esta campaña é duns 210 millóns de euros, dos cales 170 corresponden a pagos directos e os restantes 40 a medidas de desenvolvemento rural, cun aumento de cinco millóns de euros respecto da anterior convocatoria.